Recomendamos: Gramo Stendhal, de María Lado

Gramo Stendhal, de María Lado é un libro de poemas publicado por Apiario, con deseño e ilustración de Mauro Trastoy.

Gramo Stendhal é un libro de furia. De autodestrucción e procura. De nostalxia do verán, da despreocupación.
É unha osa tirando árbores na espesura. Laiándose a berros dende o alto dos outeiros. Ameazando con destruír todo canto a rodea.
É un mundo pequeno reflexado no fondo dunha culleriña de café. Todo invertido do fondo da culleriña, os pequenos piñeiros, o pequeno pico do tellado da casa, a diminuta cabeza da muller que a mira como querendo ler o futuro nos pousos.
E tamén a furia do océano e a paciencia. O desgaste deste sobre os cantís de pedra.

Por que ler?
-Porque hai moito de vertixe na procura que a autora fai da beleza.
-Porque aínda que estas páxinas ceden por momentos a un movemento triste, a el sobreponse o anuncio do verán.
-Porque a luz, que nos cega por momentos, acompáñase dalgunhas músicas que a multiplican: Nirvana, The Cure (a Forest), Radiohead, The Idols, Massive Attack, The Staat.
– Porque non quererás perderte o gramo de beleza que se agocha aquí.”

Recomendamos: Ola! Son un bicho bóla!, de Elvira Ribeiro

Ola! Son un bicho bóla!, de Elvira Ribeiro, e ilustracións de Noelia González Caamaño, publicado por Apiario.

“É un libro para prelector*s e primeir*s lector*s, para explorar a soas ou ler xunt*s. Un libro para rir e descubrir as habilidades dos bichos bóla que viven ao redor do mundo.
Por que ler?
– Porque Elvira Ribeiro e Noe Caamaño conseguen total complicidade entre texto e ilustración.
– Porque os bichos bóla non teñen comezo nin fin.
– Porque a diversión neste caso vai da man da unión e do colectivo.
– Porque nestas páxinas a comunidade constrúese dende a diversidade.”

Recomendamos: Agosto, de Míriam Ferradáns

Agosto, de Míriam Ferradáns, é o novo poemario da autora, publicada por Apiario.

Agosto explora o lugar da perda. O poema sostense precisamente no salto entre a memoria e a actualización da esgazadura. Non hai lugar para a trampa nin para o artificio literario. Unha escrita desprovista de todo o superfluo que se inscribe na contención. Agosto abre unha fenda no espazo.”

Recomendamos: Todo isto antes era noite, de Lucía Aldao

Todo isto era antes noite é o primeiro libro publicado por Lucía Aldao, editado por Apiario.

“Di Lucía Aldao “Todo isto antes era noite é un libro que abre tantas cousas como pecha, que ilumina ensombrece a partes iguais. Nel trázase o mapa da aprendizaxe sentimental, e hai unha ruta nocturna que atravesa o mellor e o peor das relación coas demais e comigo mesma. Todo isto antes era noite é un paseo pola intimidade, é entrar e saír. Vas ter que ir de cañas coa autora deste libro.”
Por que ler?
– Porque os seus versos saben á verdade do íntimo e do amor.
– Porque a noite é un percorrido vital que atravesa as rúas.
– Porque os collages de X. Carlos Hidalgo abren a porta ao misterio e son incógnita.
– Porque Todo isto antes era noite é o primeiro poemario dunha poeta imprescindíbel.”

Recomendamos: Lumes, de Ismael Ramos

Lumes, de Ismael Ramos, é un poemario publicado por Apiario.

“Di Ismael Ramos: “Entón escribir convértese nun acto de resistencia contra todo. Nun acto do corpo” E así lemos esta resistencia, que se renova en cada poema, non con intención de alumear a ferida ou sandar, senón como testemuño imposíbel “para recrear o movemento”.
Por que ler?
-Porque Ismael Ramos fai que escintilen algunhas palabras.
-Porque cada corpo é un lume.
-Porque se traza o que non pode ser escrito.
-Porque cada poema é unha xeometría na que pendurarnos.”

Aquí pode verse a entrevista ao autor no programa Zigzag.