Presentación de Os Borbóns: unha monarquía escandalosa, o mércores 25 na Biblioteca da AA. VV. Atochas-Monte Alto

O mércores 25 de maio, ás 20:00 horas, na Biblioteca da Asociación Veciñal Atochas-Monte Alto (Campo de Marte), Manuel Monge presenta o seu novo libro Os Borbóns: unha monarquía escandalosa. A herdanza do franquismo, publicada en Laiovento. No acto participa, xunto ao autor, Xosé Manuel Carril.

Maquetaci—n 1“Este libro fala do que non se pode dicir, nin divulgar: temos unha monarquía corrupta, cunha tradición de reis e raíñas implicados en negocios, que utilizaron o trono para o seu enriquecemento. O rei Juan Carlos era o “jefe” da trama corrupta do Instituto Nóos, onde están implicados Iñaki Urdangarín e a súa esposa, a infanta Cristina.
Temos unha monarquía caduca, desprestixiada, que non ten futuro e que non foi elixida polo pobo. A chamada dinastía borbónica non existe e ten pouco de exemplar. Dadas as numerosas relacións de reis e raíñas con amantes é moi difícil saber quen é o pai ou a nai de moitas infantas e infantes. O rei Alfonso XII, coñecido como “El Puigmoltejo”, non era fillo de Francisco de Asis de Borbón y Borbón, esposo da raíña Isabel II, senón de Enrique Puigmoltó i Mayans, tenente de enxeñeiros.
O que cualifican moitos libros de historia como o “Réxime”, que tivemos de 1936 a 1977, foi en realidade unha ditadura criminal, equiparábel, segundo a ONU, á Alemaña nazi e a Italia fascista de Mussolini. Foi o ditador Franco quen elixiu a Juan Carlos en 1969 como o seu sucesor e o futuro rei xurou fidelidade ao Caudillo Franco e ás leis da ditadura.
Cando se cumpriron xa corenta anos da morte do ditador, aínda quedan moitos restos do franquismo, como o pazo de Meirás e unha gran fortuna da familia Franco. Unha Fundación, que recibe fondos públicos para lembrar e enaltecer a figura do ditador. Simboloxía fascista por todo o Estado e 150.000 persoas vítimas da represión continúan en cunetas e foxas. Permanecen as distincións honoríficas e títulos nobiliarios a golpistas e criminais, que se sentaron nos consellos de ministros presididos por Franco.
Mentres tanto, Felipe VI, o mesmo que o rei Juan Carlos, aínda non condenou a ditadura franquista. Está en marcha a Querela Arxentina para xulgar os crimes do franquismo, que gozan aquí de impunidade porque, en virtude do pacto da Transición, os sucesivos gobernos de UCD, PSOE e PP interpretaron a Lei de Amnistía de 1977 como unha lei de punto final.”

Presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, na Biblioteca Veciñal de Monte Alto

43 MONTE-ALTO CARTAZDentro da ruta náutico-literaria, a viaxe ao Gran Sol, sen saír da Coruña, Xurxo Souto recala este xoves na biblioteca da AAVV de Monte-Alto (Campo de Marte).

Como xa ten acontecido noutras citas,“Os Contos do Mar de Irlanda” serán escusa para que diferentes veciñas e veciños do barrio conten historias do mar nas que eles son protagonista.
Unha nova reivindicación pois desa Coruña invisible -cidade barco- que se estende polos camiños do Atlántico. E tamén un novo encontro con esa auga que albisca o ollo dende o alto da Torre de Hércules: o Mar de María Antonia, nome case esquecido que agora por fin, terrícolas e terrícolos, principiamos a recuperar.

(Haberá toque de cornas e música de acordeón)

Presentación de Perdemos o tren. As claves políticas do atraso, de Manuel Monge

O mércores 9 de xullo, ás 19:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciñ@s Atochas Monte Alto (Campo de Marte, s/n), preséntase o libro de Manuel Monge Perdemos o tren. As claves políticas do atraso, publicado por Difusora. No acto participará o propio autor.

“Galiza perde o tren –teremos un tren de alta velocidade de conexión coa Meseta case trinta anos despois de que o AVE chegase a Sevilla– porque así o decidiron os sucesivos gobernos do estado e non pola nosa climatoloxía, orografía, dispersión da poboación ou dificultades técnicas. As liñas Ourense-Vigo e A Coruña-Ferrol quedan para despois de 2021 e non temos tren de proximidade.
Non se pode entender este atraso sen analizar as súas raíces: a decisión política que toma o Goberno de Felipe González en 1993 coa aprobación do PDI, que deixa Galiza fóra da alta velocidade e as decisións que toma o Goberno de Aznar desde 1996 proxectando para Galiza un tren de terceira categoría. Esa vontade política reflíctese nos Orzamentos do Estado onde as partidas para o tren galego son practicamente inexistentes até o ano 2002. Foron as concorridas e exemplares mobilizacións cívicas que protagonizou a sociedade galega despois da catástrofe do Prestige as que cambiaron o rumbo e forzaron a aprobación do chamado Plan Galicia, que cambiou radicalmente os proxectos ferroviarios.
O libro recolle a pouca credibilidade dalgúns gobernantes que durante anos mantiveron o ano 2006 como referencia para a chegada da alta velocidade, despois o 2010, despois 2012, despois 2015, e despois… nin se sabe, enganando á cidadanía galega co único obxectivo de conseguir máis votos.
Soportamos durante anos numerosas promesas e mentiras apoiadas en campañas de propaganda pagadas pola Xunta e o goberno. Os acordos do Parlamento de Galicia e do Congreso dos Deputados foron sistematicamente incumpridos ou boicoteados. Hai que acabar con esta farsa.”

A Coruña: concerto-presentación de Xiqui Xoque, Fiú Fiú!

O mércores 2 de xullo, ás 19:30 horas, na Biblioteca Municipal Monte Alto (Praza dos Avós, s/n) da Coruña, terá lugar a presentación e un concerto de Xiqui Xoque, Fiú Fiú!, coa familia María Fumaça. O acto está coorganizado pola Libraría Sisargas, a Biblioteca Municipal, a Asociación Veciños Atochas-Monte Alto e a Editorial Galaxia.

Presentación de Politicamente incorreta e Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, o 18 de xuño

A cuarta feira, mércores, 18 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciñ@s Atochas-Monte Alto (Campo de Marte, s/n), en colaboración con esta Libraría, Teresa Moure presenta Politicamente incorreta. Ensaios para um tempo de pressas e Eu violei o lobo feroz, publicados en Através Editora. No acto, xunto á autora, participa Ramiro Torres.

Eu violei o Lobo Feroz é o primeiro livro de poemas de Teresa Moure. Uma singular Capuchinho Vermelho reconstrói e constrói a sua historia e identidade através de confissões quando é retida por terrorismo ecológico.

Este livro, que ainda não é,
nasce duma ferida
comprida e profunda,
duma fenda escura e húmida
nos calabouços duma prisão do estado
repressor.

Este livro, que ainda não é,
nasce duma ferida palpitante,
da dor imensa de ver-me desamparada
logo de tantas ideias libertadoras
que pulam, aí onde estais, fora destes muros,
nas ruas, nos antros mal ventilados
que não se conformam com o ar assético da democracia

Mas, sobretudo, este livro
nasce duma ferida
carnosa e suave
que ciclicamente sangra
e que levo aberta
entre as pernas.

Uma mulher é politicamente incorreta quando diz o que não se espera dela e, ainda mais, quando pronuncia uma verdade não admitida pela opinião pública, pelo felizmente acordado no consenso social. Se alguém −é apenas um exemplo− insinuar que os poderes eleitos nem sempre nos representam ou que é preciso dedicar-se a sabotar as instituições, ou confiscar as igrejas para torná-las centros sociais, adota uma atitude subversiva que não encaixa no relato admitido pelos meios de in-comunicação. Nessa atitude rebelde lateja o desacato: para o modelo conservador, com as suas hierarquias e os seus interesses inconfessáveis, mas também para os pensamentos supostamente avançados, que se conformam com pôr remendos a um mundo que deve ser reduzido a cinzas. A politicamente incorreta é pessoa incómoda, pode assumir-se. Se atuar assim, desta maneira selvagem e provocadora, é porque acha um prazer inusitado em meter o dedo no olho a quem enunciar verdades que devem ser aceites e repetidas até a saciedade numa realidade em perpétuo fluxo. Esse prazer, como todos, é dissidente. Ameaça. Procura exercer uma crítica radical contra o poder. Procura algo mais formoso do que o poder: a autenticidade.

Presentación de A porta de Europa, de Sabela Muñiz, o venres 24 ás 20:00 horas

O venres 24 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Campo de Marte, s/n) da Coruña, preséntase o libro A porta de Europa, de Sabela Muñiz, publicado en Redelibros. No acto a autora estará acompañada por Xurxo Souto.

“Dende o desenvolvemento das vías marítimas como principal medio de intercambio entre diferentes comunidades, a situación xeográfica e a singularidade orográfica das costas galegas sitúan o norte peninsular como un lugar estratéxico para poder introducir de maneira doada e discreta calquera tipo de mercadoría cara ó interior peninsular e europeo.
Mais os anos gloriosos dos clans da droga quedan atrás e un futuro incerto planea sobre o territorio. Os enfrontamentos entre os que queren recobrar aqueles días de poder e prestixio e os que pretenden evolucionar cara a unha nova organización apoiados polos cárteles, converten de novo a Galicia na chave para dominar Europa.
Neste escenario convulso transcorren as vidas dos personaxes desta historia. Trátase dun relato de suspense e ficción, cheo de complots e maquinacións, no que as verdadeiras intencións de cada quen son unha incógnita ata derivar nun final inesperado.”

Concerto-presentación de Toc Toc, de Pablo Díaz

Rematamos este ano con esta proposta ben suxerente para todo o público interesado(a entrada é gratuíta!).

O sábado 28 de decembro, ás 12:00 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Campo de Marte, s/n), haberá un concerto-presentación de Toc-Toc, de Pablo Díaz, tamén publicado en Galaxia.
“Un feixe de cancións cheas de ledicia, ilusión, amizade e compañeirismo, onde non teñen cabida os malos rollos e si a defensa do medio ambiente, a protección dos animais e todas esas cousas que nos axudan a facer un mundo mellor. Un disco pensado para toda a familia, e do que gozarán todas e todos, en especial os máis pequechos da casa, que non van parar de cantar e bailar.”

Presentación de Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia, de Manuel Gago e Manel Cráneo

O venres 20 de decembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Campo de Marte, s/n) da Coruña, preséntase o libro Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia, obra conxunta de Manuel Gago e Manel Cráneo, publicado en Xerais.

“Nun territorio extenso, misterioso e brutal no que aínda hoxe vivimos, os deuses conviviron cos homes, beberon da súa cervexa, participaron das súas batallas, exiliáronse nos seus montes. Nas vellas aldeas, na noite dos castros, hai máis de dous mil anos, alí onde hoxe vemos mudas ruínas circulares e murallas derrubadas, contáronse historias fermosas transmitidas de xeración en xeración. Historias de deuses que viven, que nacen, choran, aman, sangran, viaxan de monte en bosque, e das illas ás costas; historias nas que non existen fronteiras entre o real e o fantástico, porque, coma no tempo de hoxe, o mundo dos homes é sobre todo imaxinación. Deuses e homes corren baixo a chuvia, e as súas palabras son levadas polo vento e as augas, que son a cerna de Galicia. Manuel Gago imaxina os soños, as lendas e os mitos da Idade do Ferro, como un reporteiro de viaxes que leva a súa gravadora ao interior destas cabanas castrexas. Un minucioso traballo de documentación histórica foi o paso previo para deixar voar a imaxinación e entrar nun universo cultural mítico, onde o vento e a chuvia nos traen versos, memorias e a recuperación de centos de nomes de persoas, cidades e seres míticos da Galicia previa á invasión romana, ata agora descoñecidos polo gran público. As ilustracións de Manel Cráneo recrean este mundo con formas e cores poderosas que nos fan viaxar no tempo.”