Recomendamos: Mercedes Tella Comas. Mestra e directora da Escola Normal de Mestras da Coruña, de Ana Romero Masía

Mercedes Tella Comas (1868-1934). Mestra e directora da Escola Normal de Mestras da Coruña, de Ana Romero Masiá, con limiar de Aurora Marco, é unha obra publicada por Baía.

“Mercedes Tella foi un referente destacado na vida da cidade durante o primeiro terzo do século XX e co seu traballo e actividade deu o mellor exemplo da reivindicación do papel que a muller debía ter na sociedade. Podería ter un posto merecido na historia da Coruña con so realizar o traballo docente e de Dirección da Escola Normal durante máis de 20 anos, pero non se conformou con iso senón que redobrou o seu traballo e esforzo demostrando que as mulleres podían e debían estar presentes e actuando de forma activa na vida cultural, científica e social, sen esquecer a colaboración na atención á infancia fóra das aulas ou aos presos nos cárceres.
Admiradora de Concepción Arenal, estreita colaboradora de Manuel Casás, de pensamento conservador e católico, non dubidou en defender valores progresistas en educación como a defensa da coeducación ou o papel que debían ter os libros e os xogos na educación da infancia, o que lle permitiu ser unha das más destacadas renovadoras da pedagoxía das Escolas Normais en Galicia no primeiro terzo do século XX.”

Recomendamos: Irmandiñas, de Aurora Marco

Irmandiñas, de Aurora Marco, é unha obra publicada por Laiovento.

“Malia os tímidos avances que se produciron nas primeiras décadas do século XX, non foi nada doado para as mulleres a incorporación aos espazos públicos. As irmandiñas non foron unha excepción e a súa proxección pública foi abondo limitada se a comparamos coa dos compañeiros, mais o seu compromiso e actividades non foron en absoluto irrelevantes. Quer no activismo inicial tras o nacemento das Irmandades, quer nos coros e agrupacións teatrais, na actividade intelectual no Seminario de Estudos Galegos, no desenvolvemento editorial galego, na actividade política, no espallamento do ideal galeguista e republicano, na defensa da lingua, na escrita… Alí estaban as mulleres galegas cuxas traxectorias se recollen neste libro, para tentar cubrir un inxusto baleiro.
A través dunha pescuda perseverante en hemerotecas, arquivos, fundacións, a través de fontes orais, a autora de Irmandiñas confirmou documentalmente que na acción social, cultural e política, tamén estaban elas, mais ese mantelo tan opaco que as cubriu e que apenas deixou pasar unha raiola de luz sobre as súas vidas e accións, foinas envolvendo até a actualidade. Todas as que figuran no libro desenvolveron a súa actividade no período 1916-1936 e pódense encadrar dentro das entidades, asociacións, grupos ou organizacións que encabezan cada capítulo. Mulleres que deixaron a leira decruada e a semente botada. É tempo de recolleita.”
Poden lerse nesta ligazón o limiar e o índice da obra.