A fotografía 51, de María Canosa, é unha obra publicada por Baía Edicións, con ilustracións de Paula Mayor.
“A fotografía 51 presenta, a modo de imaxes fixas na retina ou nunha cámara fotográfica, a vida, dilemas e reflexións en primeira persoa de Rosalind Franklin, o seu traballo e a ocultación machista padecida, quen malia ser a que logrou a famosa fotografía 51 da estrutura do ADN, non foi recoñecida co Nobel, que si recibiron dous homes cos que colaborara nas investigacións.”
Arquivo por etiquetas: Baía Edicións
Recomendamos: Mercedes Tella Comas. Mestra e directora da Escola Normal de Mestras da Coruña, de Ana Romero Masía
Mercedes Tella Comas (1868-1934). Mestra e directora da Escola Normal de Mestras da Coruña, de Ana Romero Masiá, con limiar de Aurora Marco, é unha obra publicada por Baía.
“Mercedes Tella foi un referente destacado na vida da cidade durante o primeiro terzo do século XX e co seu traballo e actividade deu o mellor exemplo da reivindicación do papel que a muller debía ter na sociedade. Podería ter un posto merecido na historia da Coruña con so realizar o traballo docente e de Dirección da Escola Normal durante máis de 20 anos, pero non se conformou con iso senón que redobrou o seu traballo e esforzo demostrando que as mulleres podían e debían estar presentes e actuando de forma activa na vida cultural, científica e social, sen esquecer a colaboración na atención á infancia fóra das aulas ou aos presos nos cárceres.
Admiradora de Concepción Arenal, estreita colaboradora de Manuel Casás, de pensamento conservador e católico, non dubidou en defender valores progresistas en educación como a defensa da coeducación ou o papel que debían ter os libros e os xogos na educación da infancia, o que lle permitiu ser unha das más destacadas renovadoras da pedagoxía das Escolas Normais en Galicia no primeiro terzo do século XX.”
Recomendamos: A voz das últimas cigarreiras coruñesas. Lembranzas dun tempo ido, de Ana Romero Masía e Xulia Santiso
A voz das últimas cigarreiras coruñesas. Lembranzas dun tempo ido, de Ana Romero Masiá e Xulia Santiso, é unha obra publicada por Baía.
“Darlles voz ás cigarreiras. Iso mesmo debeu pensar Emilia Pardo Bazán. Darlles voz directa, non falar sobre elas ou por elas, senón que sexan elas as que falen por si mesmas. Nesta ocasión non puidemos ir á Fábrica de Tabacos —agora convertida en Audiencia Provincial— pero buscamos lugar no que encontrarnos para falar con elas. Así, ao longo de horas de conversa con Pilar, Cani, Lolecha, Mariceli, Rosi, Elena, Camocha, Matucha, Elvira e Rosalía puidemos comprobar como —pasados xa case 20 anos do peche da Palloza— seguen emocionándose cando rememoran o seu paso polos diferentes talleres, as relacións cos xefes, as festas na fábrica, as dificultades para compaxinar traballo e familia… e, sobre todo, a dor e a tristura dos últimos días como cigarreiras.”
Recomendamos: Donas de nós, de Ánxela Gracián
Donas de nós, de Ánxela Gracián, gañadora do 10.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2022, é unha obra publicada por Baía.
“A Morgana desta obra, implacable co patriarcado, asume como misión propia que as mulleres sexan donas de si. Co mago Merlín como aliado, axudará a Mendiña, unha moza fermosísima, libre e apaixonada, que vive recitando os seus poemas polo Camiño a Compostela, ata que un día, por azar, cruza cun Príncipe que, seducido pola súa beleza, valentía e naturalidade, lle pide matrimonio, negándose a casar con Mademoiselle Xuxú, unha rica princesa provenzal que resulta moi conveniente para todos.”
Recomendamos: Tres en raia, de Xosé Manuel Martínez Oca
Tres en raia, de Xosé Manuel Martínez Oca, é un libro publicado por Baía.
“Tres en raia é a metáfora que tres mozos ourensáns utilizan para selar unha amizade que se propoñen perpetuar no futuro.
É o relato dun tempo feliz en Ourense, de aprendizaxe á vida, de lecturas en común que permanecen no seu recordo e que co tempo se relacionan cos seus particulares devires existenciais. Tamén un relato dunha evolución vital na que a insatisfacción, marcada por unha culpa que, como un crime, non chegan a esquecer nin a resolver, vai ser o resultado das súas particulares condenas.”
Recomendamos: Madeira e metal, de Laura Rey Pasandín
Madeira e metal, de Laura Rey Pasandín, con ilustracións de Laura Romero, é un libro publicado por Baía.
“Aixa, unha nena de aldea, habilidosa e festeira, ten que marchar coa súa familia á cidade.
A morriña, a lembranza permanente da aldea e a vida que nela se gozaba fan que busque a alegría a través da música. A partir de madeira e metal recupera os sons da terra, do ar e do lar que perdera ao chegar á cidade.
Un conto que nos achega ao sentimento tan noso e tan universal, como é a morriña e a súa expresión a través da música.
Hai unha Forza que nos empurra cara ao camiño
e outra que nos amarra á Terra nativa.
A morriña transfórmase nun motor forte
á hora de manifestarse, comunicar, crear e transmitir.
A través dos ollos de Aixa escoitaremos o son do Lar.”
Recomendamos: Don Carlos e o misterio dos lucecús, de Patricia Torrado Queiruga
Don Carlos e o misterio dos lucecús, de Patricia Torrado Queiruga, é unha obra publicada por Baía Edicións.
“Na vila comezan a xurdir sucesos inexplicables e, por se fose pouco, na casa contáronlles que o seu profesor, o único que os podería axudar a buscar unha explicación a tanto misterio, padece unha enfermidade que lle fai esquecer as cousas.
Xiana, Maca, Román, Sofía e Afonso convídante a desentrañar cada misterio coa axuda de don Carlos. Unhas pescudas que vos levarán a valorar o lugar no que vivides, o medio ambiente, as tradicións, o amor e os prexuízos cos que podemos atoparnos todos os días. Acompáñasnos?.”
Recomendamos: República Sideral, de Esther F. Carrodeguas
República Sideral, de Esther F. Carrodeguas, é unha obra publicada por Baía, gañadora da XIV edición do premio Barriga Verde (2020) de textos para teatro de monicreques (modalidade adultos). Co-edición con Agadic.
“O xurado destacou o humor deste texto e a boa caracterización dos personaxes, así como a potencialidade escénica e a súa adecuación á modalidade do premio, cunha estrutura sólida, dinámicas moi áxiles –con concreción dos obxectos empregados nun deseño dos movementos moi limpo– e réplicas sinxelas mais mordaces, polo que resulta idóneo para propiciar un diálogo interxeracional sobre feitos históricos.
Saliéntase igualmente a exitosa integración no diálogo das persoas manipuladoras, así como a incorporación maxistral dos elementos propios da cachaporra –con mocadas e pelexas sen escrúpulos.
No epílogo da obra Esther Carrodeguas manifesta:
«Este pequeno divertimento teatral está deseñado para que persoas de diversas xeracións se senten no patio de butacas e poidan aprender un ben interesante episodio do noso pasado que pode iluminar, ademais, o noso presente. Tamén pretende ser a escusa perfecta para axudar a introducir aos máis pequechos e pequechas da casa en determinados feitos históricos e conceptos políticos por veces difíciles de explicar. A comedia de cachaporra —tan deostada nos nosos tempos— antóllasenos de grande axuda para este cometido.
Por todo isto, República Sideral non é unha peza para a mocidade, pero tampouco unha peza para maiores: trátase dunha obra para desfrutar en conxunto, que debe de servir para xerar unha boa conversa interxeracional tras a caída do pano.
Case toda a peza está baseada en feitos reais (postos evidentemente ao servizo da comedia). Son reais a maior parte dos nomes dos protagonistas, os feitos que van sucedendo, os lugares polos que van pasando e tamén, desgraciadamente, as súas maneiras de morrer, a pesar de semellares tan farsescas. Isto —por suposto— deberá de ser un estupendo motor de reflexión».”
Recomendamos: XelArias. Palabra á intemperie, de Emma Pedreira e Laura Romero
XelArias. Palabra á intemperie, de Emma Pedreira e Laura Romero, é unha obra publicada por Baía Edicións.
“Que é unha poeta? Como nace? Como é no colexio, na casa, na vida?
A través dunha conversa a tres bandas, Emma Pedreira e Laura Romero preséntannos a Xela Arias, poeta, tradutora, docente, letrista e, sobre todo, muller transgresora.
Poemas a dúas voces, colaxes e ilustracións para recuperar e coñecer a figura dunha das nosas voces máis interesantes e, se cadra, máis descoñecidas da literatura.
Di Emma deste libro diferente e un pouco punk:
Non quero facer unha biografía ao uso. Quero falar dunha poeta, que podería ser outra, que podería ser ata eu mesma e non, é Xela e eu con Xela ou Xela en min e, por aí, ando debullando o íntimo dos seus versos nos meus.
Emma Pedreira recita o poema da páxina 38 “ROMPER” coa música de fondo de Zënzar, grupo ao que pertence Laura Romero como baixista. Versión instrumental de Samurai, incluído no seu último traballo Benvidas ao futuro, 2019. O audio pode escoitarse aquí.”
Recomendamos: Entre donas, de varias autoras
Entre donas, de varias autoras, é unha obra colectiva publicada por Baía Edicións.
“Temos nesta obra dez relatos doutras tantas escritoras galegas actuais, diversas en estilo narrativo, experiencias, recoñecemento e noutros moitos aspectos vitais, pero que coinciden en tomar a palabra e falar con voz propia, colocando as mulleres no centro da historia.
En palabras recollidas do Epílogo de Ana Luisa Bouza:
“Non hai que confundir a realidade co desexo dos homes”, recoméndanos un dos relatos desta obra colectiva. Non hai que confundir a literatura coa ollada masculina. A simple acción de escribir, de pasar de lectora a autora, de decorado a protagonista, cambia a literatura porque cambia o punto de vista. Mais este cambio faise radical cando a escrita é feminista. Se ollamos alén da aparente banalidade da escrita de ficción, podémonos facer unha idea da importancia do “relato dos relatos” na socialización, na construción, destrución e cambio de estereotipos de toda caste, incluídos os de xénero.”