Recomendamos: Douche a miña palabra, de Fran Alonso

Douche a miña palabra, de Fran Alonso, con ilustracións de Bea Gregores, é unha obra publicada por Xerais.

“Como se chega a ser escritora ou escritor? Por que se escribe? Pódese vivir sen ler? Pódese aprender a pensar a través da lectura? As palabras poden proer, picar, denunciar as inxustizas, resultar molestas e incómodas. Tamén poden facernos reaccionar. Os escritores e escritoras pelexan coas palabras, míranlles as patiñas nun microscopio e constrúen historias. Cunha linguaxe comprensible e chea de anécdotas, Fran Alonso cóntanos neste libro inusual cousas sobre a escrita, a literatura ou a lingua e convídanos a reflexionar sobre o superpoder da lectura e a importancia de sentir a chamada das palabras.”

María Canosa asina a súa obra Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, o 23 de abril ás 17:00 h.

O venres, sexta feira, 23 de abril, de 17:00 a 18:00 horas, María Canosa asina exemplares da súa obra Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, publicada pola Editorial Bululú, con ilustracións de Bea Gregores. Será na Libraría Sisargas (Rúa San Roque, 7, baixo, A Coruña).

“Este libro busca achegar a todos os públicos, aínda que especialmente aos nenos, a figura polifacética de Emilia Pardo Bazán a través de momentos da súa apaixonante vida. Sorprenderanos a nena curiosa e gran lectora, a muller namorada e independente e a autora de carácter, rebelde ao rol que se esperaba de toda dama nun ambiente social e familiar privilexiado. A través da lectura, o estudo e unha capacidade de traballo infinita, conseguiu ser recoñecida no seu tempo sobrepoñéndose, en non poucos momentos, ao desdén de moitos compañeiros e académicos mentres era recoñecida, nacional e internacionalmente, por público e crítica.
A ilustración, creada cunha particular utilización de técnicas tradicionais que combinan debuxo e cores acrílicos de gran forza, inspírase e apoiase, ademais de nos textos sinxelos e ben documentados de María Canosa, en fotos e noticias da época, así como en monumentos e edificios que aínda existen hoxe, buscando recrear o ambiente e lugares que frecuentou a autora cunhas imaxes moi recoñecibles e atractivas.”