Recomendamos: O derradeiro libro de Emma Olsen, novela gráfica de Berta Dávila e Pablo Prado

O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila e Pablo Prado, é unha novela gráfica publicada por Galaxia.

“Logo do éxito recollido pola novela de Berta Dávila, a autora, abeirada á pluma certeira de Pablo Prado, ofrécenos esta novela gráfica. De novo os mesmos personaxes atrapados polas paixóns da alma máis contraditorias. Capaces de amar, de odiar, de agochar segredos que só poden saír cando a vida chega á súa fin.
Escritora e debuxante en simbiose incrible para facer unha novela nova que, sendo a mesma, é radicalmente diferente.”

Recomendamos: Carrusel, de Berta Dávila

Carrusel, de Berta Dávila, Premio Manuel García Barros en 2019, é unha obra publicada por Galaxia.

“Unha escritora que atravesa unha crise creativa decide elaborar un relato do seu percurso vital coa intención de encontrarlle sentido a un pasado difícil, marcado pola doenza mental que padece. Enfrontar as propias pantasmas nun libro lévaa a mergullarse no pouso íntimo das vivencias que o tempo deixou atrás e nas afinidades ignotas e inusitadas que elaboran as lembranzas da súa historia familiar e persoal. Só así será quen de afondar na súa condición de enferma, na súa relación co imprevisible tío Carlos, que sofre a mesma doenza, e tamén na súa experiencia coa maternidade e coa perda de seres queridos. É posible que iso a axude a dar significado ao pasado e a entender o futuro, mais ningún futuro está escrito e, moito menos, o de quen escribe para intentar salvarse.”

Recomendamos: A pel do mundo, de Berta Dávila

A pel do mundo, de Berta Dávila, está ilustrado por Alba Cid, e foi publicado en Galaxia.

“Este libro é unha viaxe. Desabrochen o cinto que imos comezar: para ler poesía hai que ser o máis libre posible. Prepárense para coñecer persoas, sabores, nomes, linguas, costumes, palabras e formas de vida diferentes á súa. Non permanezan nos seus asentos, para cambiar o mundo, cómpre non estarmos quietos.”

Recomendamos: Terra, publicación con poemas e fotografías promovida por Cultura que une

Terra, Terralibro colectivo con fotógraf@s e autor@s de Galiza e Portugal, está publicado por Cultura que une.

Cultura que une é un proxecto transminhoto, unha aposta galega e portuguesa para a comunicación libre e directa entre as dúas culturas, ou, se se quere ver así, entre dúas partes dunha mesma cultura, feito por persoas e entidades a un e outro lado do Miño, nomeadamente tendo como grande impulsora á Fundación Vicente Risco.
Terra é unha das súas primeiras materializacións, un traballo en formato de libro coa participación dest@s artist@s e escritor@s:
– Fotografía: António Pinto, Anxo Cabada, Catarina Almeida, Diogo Cardoso, Fernando Ribeiro, Iván Merayo, João Madureira, Maribel Valdivieso Varela, Santi Amil e Xosé Luís Alonso.
– Poesía: Alfredo Ferreiro, Amadeu Baptista, António Fortuna, Berta Dávila, Carlos Da Aira, João Madureira, José Braga-Amaral, Ramiro Torres, Virgínia do Carmo e Yolanda Castaño.

Aquí poden verse vídeos coas fotografías e a voz d@s autor@s.