Recomendamos: Fake, de Talabarte

Fake é un libro-disco do grupo Talabarte (Quim Farinha, Kin García e Pedro Pascual), publicado por Fol Música, e que foi PREMIO MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA 2017 na categoría de músicas do mundo. PREMIO OPINIÓN DA MÚSICA DE RAÍZ 2017 ao mellor álbum.

“Cóntase que os Talabarte viaxaron durante 15 anos a bordo do Tradincerto, un aparello antigo de despezamento,e descubriron unha serie de historias que espertaron o seu interese e fascinación. De moitas destas historias coñeceron varias versións: a oficial, que é a que soe estar escrita nos libros, ou a popular, que é a que pertence á memoria da xente; outras eran falsas e fixéranlles crer na súa veracidade; tamén as había das que formaban parte de lendas ou tradicións… Pero axiña se decataron de que todas elas tiñan algo en común: a incerteza de non saber se eran verdadeiras ou falsas. E así foi como comezaron a interesarse polo mundo dos “fakes”.
Ao longo de todo este tempo, foron recollendo este valioso material mergullándose nas bibliotecas, museos e hemerotecas… Pero tamén nas tabernas e lugares de xuntanza de todas as aldeas.
Foi precisamente nestes furanchos onde os Talabarte beberon desa tradición e descubriron a súa música. Primeiro aprenderon a tocala, mais co paso dos anos mesmo chegaron a falala con destreza a través dos seus instrumentos. Falaban mazurcas, schottish, milongas, polskas ou tarantellas cun sotaque tan próximo ao son orixinal que ata había quen pensaba que estes músicos tamén eran nativos de alí -aínda que para quen os coñecemos, ben sabemos que dalgún xeito levan escrito no seu ADN ritmos tan nosos e senlleiros como a muiñeira, a xota ou o pasodobre-.
Con ilustracións de Pablo Xiráldez “O Pastor”, textos de Carlos Meixide e músicas que, inspiradas por esas historias que non se sabe canto teñen de real e canto de mentira, Fake bebe da tradición europea de ritmos bailables. Contemporaneidade e tradición xuntas nun directo orixinal e impactante. Imposible acougar os pés e non deixar voar os sentidos con Fake.”

Presentación do número 4 da revista O Dez, o luns 25 de setembro ás 20:15 h.

O luns 25 de setembro, ás 20:15 horas, preséntase na Libraría o número literario da revista O Dez. No acto participan Lino Braxe, Beatriz Maceda e Óscar Losada, editor e director da revista.
O número catro da revista de fútbol O DEZ dáse a man coa literatura e ten o grande apoio dos ilustradores. O tema de portada é “O meu ídolo futbolístico” e na publicación temos a oito escritores realizando un texto sobre o seu ídolo.
Participan na revista os escritores Lino Braxe, Ledicia Costas, Xabier P. DoCampo, Pedro Feijoo, Beatriz Maceda, Carlos Meixide, Eduardo Sacheri e Manuel Seixas.
Nas ilustracións contamos con Walter Artola, CaricaTorres, Artur Cousiño, Daniel Diebold, Xulia Pisón e Santy Gutiérrez.