Recomendamos: O mundo dos vivos, de Samuel Solleiro

O mundo dos vivos, de Samuel Solleiro, é unha obra publicada por Chan da Pólvora.

“Poucos libros resultan tan conmovedores como O mundo dos vivos, o regreso de Samuel Solleiro á poesía doce anos despois de escribir Punk, un título de culto para toda unha xeración de amantes do verso.
Samuel Solleiro non tiña claro que volvese publicar achegas propias ata que no ano 2017 debeu seleccionar varios inéditos para a antoloxía 13, realizada por María Xesús Nogueira e coeditada por Chan da Pólvora xunto a Papeles Mínimos, a editorial madrileña dirixida por Imanol Bértolo. Solleiro remexeu nos cartafoles remotos do seu ordenador, onde estaba o pouco que escribira nos últimos anos, e enfrontouse de repente á carnalidade daqueles textos case esquecidos. Foi, para el, unha experiencia dolorosa e, ao tempo, necesaria. Tanto que ao cabo dunhas semanas volveu escribir, aínda que fose como quen aprende a andar despois de poñer unha perna ortopédica. O resultado é O mundo dos vivos, un libro contra a significación excesiva e o risco de que as metáforas devoren o mundo. Un libro que propón unha maneira sorprendente de abordar o poema nun momento en que resulta necesario, máis que nunca, transitalo por camiños sen trillar.
Solleiro constrúe un texto sobre a posibilidade de volver ser o que unha vez se foi e sobre a fascinación de estar aínda sobre a terra, cuestións estas que converten O mundo dos vivos nun dos regresos máis escintilantes da poesía galega última, un poderoso e emotivo exercicio de amor atroz pola vida.”

Recomendamos: Tempo fósil, de Pilar Pallarés

Tempo fósil, de Pilar Pallarés, está publicado por Chan da Pólvora.

Tempo Fósil móstranos a unha autora núa deglutindo, en corenta e seis páxinas, a (non) memoria dun tempo (a penas) vivido, que deixa un sabor como a ferruxe, a algo non-vivo pero que renxe dentro (a infancia – a casa – os pais – o pai…).
Así, Pallarés non ofrece concesión algunha, non o precisa, ó longo dun texto tan duro como auténtico e inspirado. Se co Livro das devoracións (Espiral Maior, 1996) deixou unha clara estela en moitas escritas que viñeron despois, e ate hoxe: Tempo fósil sitúa a poeta, de facto, nese espazo das inesquecíbeis.
As lectoras, ademais de alucinarnos nos versos, levaremos con nós un deses libros que sempre se deixa á vista, grazas ó estupendo traballo editorial ó que nos teñen acostumadas dende a Chan da Pólvora Editora: todo un sutil diálogo co texto de Pilar, que invoca, no azul escintilante da portada, a ese tempo pausado da lectura (…)”

Pode lerse aquí a recensión de Clara Vidal en A que cheira, papá?