Recomendamos: De Compostela a Braga e de Braga a Compostela (O Pío Latrocinio e outras vellas inimizades), de Miguel Vázquez Freire

De Compostela a Braga e de Braga a Compostela (O Pío Latrocinio e outras vellas inimizades), de Miguel Vázquez Freire, é unha obra publicada por Positivas.

“Este texto naceu en resposta a unha petición que o autor recibiu da editorial para axudar a cubrir un oco en relación cun tema, o Pío Latrocinio perpetrado polo arcebispo compostelán don Diego Xelmírez en varias igrexas de Braga, que abriu un período histórico de hostilidade entre a sé compostelá e a bracarense que tardaría séculos en superarse.
Aínda que o tema ten recibido cumprida atención en múltiples estudos históricos, sorprendentemente non tivo o eco na memoria popular que, segundo pensamos autor e editor, cabería agardar. Ese é o oco que se pretende atender e, a partir del, apuntar apenas algunhas outras vellas inimizades que algo fixeron para que galegos e portugueses, veciños e irmáns en tantas cousas, viviran moito tempo, sempre demasiado, de costas viradas.
Ter coñecemento delas se cadra, iso agardamos, poderá contribuír a que, onde onte houbo inimizade, haxa hoxe e mañá o que nunca debeu faltar: amizade e irmandade.”

Recomendamos: Sen alento, de Ramón Area

Sen alento, de Ramón Area, é unha obra publicada por Positivas.

“O aire, ás veces, deixa sen alento as persoas. Ao seu través viaxan os virus, as palabras dos profetas e as ordes dos gobernos. É quen de mover os muíños para despois acubillar as liñas infinitas dos cables eléctricos, testemuñas do progreso e tamén da loita polos beneficios económicos.
Ninguén asegura que o aire sexa invisible. Quizais porque é o lenzo onde as imaxes desafían a verdade. O pouco que nos deixa de seu son os cheiros que recolle aquí e alá, un rastro que tenta a nosa necesidade de achar orixes e significados.
O Atlántico cheira. A catedral ten arume propio por baixo do botafumeiro, os curas, as monxas e os peregrinos. Tamén olen os uniformes da garda civil, as residencias para persoas maiores, os cedros, os salmóns, as centrais eléctricas e mesmo os meses do ano.
Os olores rodéannos sen deixar moita marxe para evitalos, mesmo tapando o nariz. Por iso, cando na vila comezaron os roubos nas vivendas dos vellos, ao sarxento Fernández cheiroulle a repugnancia. Lucía, pola contra, amosouse decidida a rematar co mal olor.
Maila non ser decisións incompatibles, trazaban destinos distintos para todos os que estaban na obriga de compartir comarca e aire, fosen apóstolos, pantasmas, herexes, mozos prometedores, doentes dos bronquios, empresarios de longo percorrido ou anciáns de asilo e visita familiar o domingo á tarde.”

Recomendamos: Dentes de coello, de Paula Carballeira

Dentes de coello, de Paula Carballeira, obra gañadora do IV Premio Laudamuco, foi publicada por Positivas.

““Pasaba horas escoitando os paxaros. Foi vivir ao monte. A xente non atura que alguén se comporte así. Non o entenden. Desconfían. Sospeitan. Miña avoa tiña medo de que lle fosen facer dano, pero non, non se trataba diso. Todos os bosques teñen as súas pantasmas.
Todos os pobos precisan o seu personaxe escuro, o malo dos contos.”
(Extracto de Dentes de coello.)
O xurado destaca o ambiente da peza na que o soño, a realidade e a violencia xeran unha paisaxe dual na que a realidade e a irrealidade se mesturan creando unha peza de gran carga atmosférica. … destacan os xogos de sombras e luces, o espazo sonoro, a carga simbólica das personaxes e o desenvolvemento dunha trama chea de terror e surrealismo semellante ás paisaxes audiovisuais do cineasta David Lynch.
(Extracto da acta do xurado do IV Premio Laudamuco).”

Recomendamos: venecia desabitada, de Eduardo Estévez

venecia desabitada, de Eduardo Estévez, é un libro-CD publicado por Positivas.

“É venecia abandonada un libro de poemas en prosa escrito por Eduardo Estévez, que ten como fío condutor o paseo dun viaxeiro solitario por unha Venecia distópica que quedou deshabitada de forma imprevista. É unha reflexión sobre o lugar, os espazos comúns, o modo en que estes lugares se entrelazan coas marcas da cultura que os ordena; sobre o abandono, a transcendencia da pegada humana nos espazos físicos e as escollas que as persoas fan cando teñen que deixar atrás un lugar.
Os textos do libro dialogan coa música do Grupo 1500 (Belén Bermejo, Andrés Díaz e Pablo Ruibal): un conxunto de pezas que xiran arredor dos múltiples tópicos cos que se identifica a República Serenísima de Venecia. Obras escritas e musicadas en italiano antigo, latín, castelán e galego, o groso delas publicadas nas imprentas de música que funcionaban en Venecia no 1500.
O concepto do conxunto (e a súa orixinalidade) procura tender pontes con dous polos xeográficos e dous polos temporais. Venecia e Compostela, o século XVI e o XXI. Catro grandes imáns da cultura que interactúan para construír unha gran metáfora dos tempos que nos toca vivir. A imaxe da cidade deshabitada nos poemas e a música dos séculos finais da Idade Media e comezos do Renacemento, proxéctanse sobre as rúas abandonadas na Compostela da pandemia en arranxos escritos e interpretados por músicos galegos do século XXI.”

Recomendamos: Onde as rúas non teñen nome, de Xurxo Ayán

Onde as rúas non teñen nome, de Xurxo Ayán, é un libro publicado por Positivas.

“Nas páxinas que seguen non procuro aproveitarme das fírgoas do sistema, de adentrarme no mundo dos –ismos e das modas do mercado. Non precuro ser unha versión local, un epígono dos mundos persoais e irrepetibles de Xuan Bello ou Ryszard Kapuscinski.
Tampouco vou defender identidades asoballadas, sexan do Primeiro ou do Terceiro Mundo. Non son un médico sen fronteiras, nin son un misioneiro.
Vou falar de homes e mulleres, do presente e do pasado. Como dicía un coñecido David Lowenthal o pasado é un país estraño, habitado por xente que xa non está, pero que un pode lembrar ou mesmo inventar. A idea de que a Historia é a mestra da vida é unha estupidez, clásica iso si. Non creo no seu poder para fornecer leccións morais, nin que sexa unha simple narrativa de lecer, unha retórica baleira. Non.
Vou falar, na miña lingua materna, de oralidade, de memoria, de identidade, de trauma, de emigración, de guerra. Quizabes seguiremos sen saber como nos chamamos. Pero alomenos poderemos comezar a coñecer ao Outro e, de paso, coñecérmonos a nós mesmos. Coñecérmonos a Nós-outros.
(de UN LIMIAR DE HAI TRECE ANOS)”

Aquí pode lerse a crítica feita por Xosé Manuel Eyré en Ferradura en tránsito II.

Recomendamos: Rueiro da cidade escura, de Patricia A. Janeiro

Rueiro da cidade escura, de Patricia A. Janeiro, é unha obra publicada por Positivas.

“Que acontece cando marcha a luz e non volve?
Un 17 de agosto, de madrugada, a música dos bares deixou de soar, os teléfonos móbiles apagáronse, as pantallas quedaron en negro, os coches detivéronse e o fume disipouse nas chemineas das fábricas. O único que quedou foi o silencio.
Catro días despois da apagada, Compostela estaba deserta…”

Aquí pode escoitarse unha entrevista coa autora no Diario Cultural da Radio Galega.

Recomendamos: De Quiqui Bar… a Castromil, de Francisco Macías

De Quiqui Bar… a Castromil, de Francisco Macías, é unha obra publicada por Edicións Positivas.

“Sempre que se fala do Castromil en Santiago de Compostela, e cada día parece que máis, refírense a un fermoso edificio demolido en 1975. De Quiqui Bar… a Castromil tenta ser unha crónica do que rodea o Quiqui Bar ou edificio Castromil, dous nomes para un mesmo edificio, dúas etapas diferentes que se comportaron de maneira distinta en circunstancias diversas.”

Recomendamos: CO2, de Isidro Novo

CO2 é un libro de poemas de Isidro Novo, publicado por Positivas.

“O autor deste libro considera que a vocación da poesía é estar a cada intre rexenerada e non ser vítima nin de tradicionalismos extemporáneos nin de modas convencionais provocadoras de anquilosamento na súa función esencial de mirar, dende perspectivas diferentes e empoleirada no bordo do hoxe, o lonxe por vir.
Isidro Novo di que o poeta debe aspirar a ver o que ninguén ve e a dicir como ninguén dixo, e con tales parámetros construíu este CO2 no que pretende mostrar unha visión global do mundo que percibe e mesmo doutros mundos que intúe.”

Aquí pode lerse unha entrevista de Montse Dopico ao autor en Praza.

Recomendamos: Proxecto ELO, de Rosalía Fernández Rial e Serxio Moreira

Proxecto ELO ELO_Rosalia_Fernandez_Serxio_moreiraune a poesía de Rosalía Fernández Rial e a música de Serxio Moreira.

Recollemos as palabras da autora en Sermos Galiza: ““Elo” pola unión, polo encontro da musica e poesía. “Elo” tamén pola sonoridade -recorrente como sufixo galego- e polo carácter visual da palabra. Elo, tamén, por esa expresión que queda no ar nas conversas cotiás: “E lo?”.
O Proxecto Elo, de Rosalía Fernández Rial e Serxio Moreira, chega agora a disco despois de ter pasado por múltiples soportes e disciplinas. Naceu nos libros de Rosalía Vinte en Escena e Ningún amante sabe conducir (os dous en Edicións Positivas), e, como levaba acontecendo desde anos atrás, desde o inicial Átonos, non tardou en xuntarse á música de Serxio Moreira para se mostraren conxuntamente ao vivo. Doce poemas dos dous libros que comezaban así unha nova vida e un camiño a través de distintos soportes e formatos. (…)
“Este proxecto empezou en escena e o fin é a escena. Cremos na poesía viva, nas artes vivas que deben transcender os formatos e espallarse. Cremos na interdisciplinariedade artística, a escena e a música fan que o libro teña máis vida”, explica, para quen, alén da linguaxe contemporánea a iniciativa sigue a tradición da historia da literatura galega. “Desde a época medieval a poesía fíxose ao vivo e non ha que esquecer que nós somos parte dunha literatura e dun país”, apunta, antes de iniciar outra nova xeira na que conta levar os libros, e xa o disco, de novo ao encontro co público, ao vivo.”

Deixamos aquí tamén a entrevista á autora publicada na revista dixital Palavra Comum, para coñecermos mellor o seu universo creativo, e este artigo seu na mesma revista sobre ELO.