Recomendamos: Demerara, de Wagner R. Barreira

Demerara, de Wagner R. Barreira, na versión en galego de Leandro García Bugarín, é unha obra publicada por Galaxia.

“Bernardo é un mozo galego que se criou nun orfanato de Vigo, daquela nos albores do seu espertar como a cidade dinámica que agora é. En 1918, tras deixar a institución, leva unha vida errante polos arredores do porto, punto de partida para tantos galegos, e embarca no vapor Demerara camiño do Brasil, nunha viaxe sen perspectiva e sen vontade, sen saber que ou destino o fai compañeiro de viaxe da pandemia da gripe española. “Aquel navío era un pouco como a miña vida. Estaba en movemento, cercado de moita xente, e aínda así só no océano”.
Mestura de ficción e feitos históricos, a novela naceu a partir das pescudas do autor sobre as orixes do seu avó paterno, do que pouco se sabe: era vigués, chegou ao Brasil no navío Demerara e morreu o día do bautismo do seu único fillo.
Home e navío son personaxes indivisibles en Demerara, onde o autor fai un traballo minucioso de investigación que proporciona ao libro unha forte base histórica a través dunha escrita potente, elegante e fluída que nos achega a unha época en tempos de pandemia.”

Recomendamos: Algoritmos, de Xavier Queipo

Algoritmos, de Xavier Queipo, é unha obra publicada por Galaxia.

““Un exercicio de análise, de pensar fóra da norma, de expresar ideas e sentimentos con estas notas heteróclitas, aloucadas ás veces e excesivamente racionais outras, para construír o meu relato”, que diría Queipo.
Nestes Algoritmos non hai trama, senón unha variada galería de personaxes, lecturas e rememoracións, máis ben pretendidas intimidades intelectuais. Non son un dietarios, nin tan sequera unha compilación, senón unha secuencia de ideas acoutadas entre 2011 e 2018.
Felizmente inclasificábeis, como tantos outros textos de Xavier Queipo, estes algoritmos reflicten dalgún xeito que son os propios algoritmos a ideoloxía dominante neste tempo de dúbidas e incertezas, que temos que apandar con eles, coñecelos e dominalos, mesmo para seguir exercendo o oficio de escribir.”

Recomendamos: Retratos en branco e negro, de Charo Pita

Retratos en branco e negro, de Charo Pita, é unha obra publicada por Galaxia.

“Retratos fantasmais onde o extraordinario e o cotián, a fotografía e a palabra, o branco e o negro van da man para construíren realidades que, dalgún xeito, acaban apuntando á nosa.”

Recomendamos: Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo, de Marilar Aleixandre e Emma Pedreira

Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo, de Marilar Aleixandre e Emma Pedreira, é un libro publicado por Galaxia.

“A tantas mulleres que turraron da vida coas mans e das que non ficou rexistrado o nome, este libro de mulleres das que sabemos os nomes.
A historia de Juana María de Vega é a dos repetidos intentos de revolución liberal ao longo do século XIX, da Constitución de 1812 aos pronunciamentos de Porlier, Del Riego, Torrijos e Solís e os mártires de Carral, que os seus protagonistas pagaron coa vida. Juana, o seu home, Francisco Espoz y Mina, e os seus pais, participaron nestes intentos, o que lles custou multas, cárcere e exilio. Juana de Vega converteu a súa casa da Coruña nun centro intelectual e político e ideou formas de participación na vida pública nun tempo en que isto estaba prohibido ás mulleres. Deixou tamén unhas Memorias que complementan as súas accións en defensa das liberdades coas xustificacións desa loita, e conseguiu amosar que as batallas polas causas perdidas son semente de futuro.”

Recomendamos: O meu sangue, de Diego Giráldez

O meu sangue, de Diego Giráldez, é un libro publicado por Galaxia.

“Empatizarías con alguén que humilla o teu sangue? Ata onde serías capaz de chegar para defender o que máis queres?
Para David Ledesma, que soña con ser un escritor de éxito de novela negra, un disparo ridículo nunha perna é o colofón da súa vida con Belén e o comezo dunha relación tráxica con María. A partir de aquí, o protagonista mergúllase nunha trama onde a violencia, a maldade e o amor entretecen un relato de vinganza.
Diego Giráldez compón un gran tapiz que nace da intimidade dun corazón desafiuzado que loita por recompoñerse. O meu sangue é unha intriga que nos arrastra ao particular descenso aos infernos do protagonista e a unha defensa irracional do que nos fai máis felices: os seres e os lugares queridos.”

Recomendamos: A unidade e a harmonía da realidade. Complexidade e ecoloxía, de Victorino Pérez Prieto

A unidade e a harmonía da realidade. Complexidade e ecoloxía, de Victorino Pérez Prieto, é un libro publicado por Galaxia.

A unidade e a harmonía da Realidade é un diálogo aberto co mundo da ciencia e do pensamento que nos anuncia unha nova maneira de situarnos como persoas e comunidade crente-relixiosa dentro da Realidade. Un ensaio apaixonado que fala de ciencia, de física, de filosofía, de teoloxía, de mística, da natureza, da creación e do lugar que todo ser humano ocupa nese conxunto un e diverso de seres, e das relacións que formamos no mundo.”

Recomendamos: As alumnas, de Paula Carballeira

As alumnas, de Paula Carballeira, é un libro publicado por Galaxia.

“Esta peza de teatro foi escrita a partir dunha proposta de Fran Rei como representante de Culturactiva
Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, volven atoparse na data da morte da mestra, no ano 1970. Xa son mulleres. Atrás queda a infancia, o mundo que lles abriu a mestra antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Así, a memoria, as lembranzas que se van desenvolvendo neste xogo de persoas adultas que é o teatro, fannos descubrir como as decisións que se tomaron, e o medo e a rebeldía, marcan o seu destino.”

Recomendamos: Migrantas, de María Alonso Alonso

Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres, de María Alonso Alonso, é un libro publicado por Galaxia.

“Trátase dun libro de conversas coas que marcharon forzadas por unha crise, ou crises, que nada teñen que ver con elas.
Un libro de historias en primeira persoa sobre a nova diáspora galega onde falan as súas protagonistas, e que intenta romper coa idea patriarcal da emigración galega. Os testemuños das mulleres que aquí participan abordan temas relacionados cos sentimentos de pertenza e de desarraigamento, a idea de fogar, o concepto de tránsito ou o do regreso imposible. As historias que dan forma a este libro son historias dispares condicionadas por variadas causas e con diferentes resultados, historias de superación e de frustración, en moitos casos, que quedarán como memoria oral dunha xeración e dunha época.”

Recomendamos: Pazo de inverno, de Alberto Lema

Pazo de inverno, de Alberto Lema, é un libro publicado por Galaxia, gañador do Premio García Barros en 2021.

“Que sucedería se un grupo político novo chegase ao goberno coa intención de cambiar a orde das cousas? Que relación establecerían con eles os poderes fácticos locais? Como se conciliarían os proxectos e a realidade? Serían quen de dominar a complexa maquinaria burocrática do concello dunha cidade do norte de Galicia?
Nesa cidade, chamada Faro, as cousas non son tan sinxelas como parece. A Helena, a nova alcaldesa, a quen lle abonda un aceno para transmitir a vontade toda da transformación social, non lle chega con obter a maioría nunhas eleccións. Cómpre introducirse nas engrenaxes da administración; tratar con xornalistas coma Miranda, tan escéptico como para ser cínico, e manter a raia empresarios que levan toda a vida mandando, como Cosme Durán. Tampouco é suficiente inverter o protocolo patriarcal nin manter os compañeiros afastados da doenza infantil do esquerdismo. Cómpre gorentar o fracaso para ter a certeza de que a grandeza das ilusións nunca se perde.
Mapa dunha paisaxe social, das arelas, conflitos e intereses dunha cidade, a novela de Alberto Lema consegue personificar vicios e virtudes, dúbidas e certezas, crenzas e valores cun xeito de contar que sorprende e fascina ao tempo que desvela e ilumina a realidade.”

Recomendamos: Notas sobre a extinción, de Marta Dacosta Alonso

Notas sobre a extinción, de Marta Dacosta Alonso, é unha obra publicada por Galaxia.

“Esta obra nace da capacidade de asombrarnos e descubrirmos a fermosura das pequenas cousas, de comprobar, unha vez máis, que a poesía é quen de borrar os límites do tempo e o espazo e de fixar, coma unha alfaia imprescindíbel, cada unha das palabras que nos construíron e nos negamos a perder. Poesía-antídoto. Poesía-paz. Contemplar e reconciliarnos coa vida. Descubrir que a beleza aínda é posíbel. Retela canda nós.”