Recomendamos: Entre donas, de varias autoras

Entre donas, de varias autoras, é unha obra colectiva publicada por Baía Edicións.

“Temos nesta obra dez relatos doutras tantas escritoras galegas actuais, diversas en estilo narrativo, experiencias, recoñecemento e noutros moitos aspectos vitais, pero que coinciden en tomar a palabra e falar con voz propia, colocando as mulleres no centro da historia.
En palabras recollidas do Epílogo de Ana Luisa Bouza:
“Non hai que confundir a realidade co desexo dos homes”, recoméndanos un dos relatos desta obra colectiva. Non hai que confundir a literatura coa ollada masculina. A simple acción de escribir, de pasar de lectora a autora, de decorado a protagonista, cambia a literatura porque cambia o punto de vista. Mais este cambio faise radical cando a escrita é feminista. Se ollamos alén da aparente banalidade da escrita de ficción, podémonos facer unha idea da importancia do “relato dos relatos” na socialización, na construción, destrución e cambio de estereotipos de toda caste, incluídos os de xénero.”

Presentación de Lúa en Ningures, de Beatriz Maceda, o 14 de marzo ás 20:00 h.

O 14 de marzo, ás 20:00 horas, Beatriz Maceda presenta o seu novo libro Lúa en Ningures, publicado por Edicións Xerais. No acto estará acompañada pola ilustradora, Laura Veleiro, e por Emma Pedreira e Eli Ríos.

“As casas da rúa que Lúa percorría todos os días para ir ao colexio, á pastelería, á tenda de xoguetes ou ao bar onde o seu avó xogaba ao xadrez empezaron a desaparecer, esnaquizadas. Lúa e a súa familia vense na obriga de fuxir do horror da guerra e instálanse en Ningures, un campo de refuxiados onde semella que xa non queda esperanza. Porén, vai ser nese lugar onde Lúa descubra cales son os valores realmente importantes na vida das persoas.”

Recomendamos: DX, de Eli Ríos

DX, de Eli Ríos, é un libro publicado por Urco Editora.

“Ola. Son Andre. Sobrevivín á avaricia e ao capitalismo máis atroz.
Aquí, na Horta do Cura, chegou o momento de comezar a reconstruírnos.
Acompáñasme?”

Poden consultarse as recensións da obra en Kindlegarten e O Recuncho do Lector.

Presentación de Tu contas e eu conto, de Susana Sanches Arins, o 28 de febreiro ás 20:15 h.

O 28 de febreiro, ás 20:15 horas, Susana Sanches Arins presenta o seu novo libro Tu contas e eu conto, publicado por Através Editora. No acto estará acompañada por Eli Ríos.

“17 relatos e 17 poemas, 17 contos e 17 cantos. Susana Sanches Arins conta sobre amizades que lastimam, sobre a memória dos tempos idos, sobre o nojo, o humor e a morte. Conta sobre ocupar o tempo na precariedade, sobre voltar a casa sozinha, sobre o medo e sobre o assédio. Canta para as mulheres morridas, para quem não chega a casa e para alcateias de lobas. Canta para a luta, para a situação atual e para nós. Lê, que este conto é nosso.”

Presentación de Mulleres bravas da nosa historia. Pepa a Loba, de Ledicia Costas e Eva Agra, o 21 de febreiro ás 20 h.

O 21 de febreiro, ás 20:00 horas, Ledicia Costas e Eva Agra presentan o novo volume da colección Mulleres Bravas da nosa historia: Pepa a Loba, publicado por Urco Editora. Estarán acompañadas polas escritoras Beatriz Maceda e Eli Ríos.

“Xela é unha nena que ten moi claro o que quere ser de maior: bandoleira. A pesar de que á súa nai non lle chista nadiña esta idea, para a rapaza non hai nada mellor no mundo que sentar a carón da avoa e escoitar, unha e outra vez, historias sobre a nosa bandoleira, sobre Pepa a Loba, a muller afouta que a pesar de todos os obstáculos que a vida lle puxo diante, conseguiu ser a capitá dunha gavela de homes e axudar a quen o precisaba. Xela nunca ten suficiente, sempre quere saber máis. E vós, queredes saber quen foi Pepa a Loba?”

Presentación de O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio Manuel Fraga, o 14 de decembro ás 20 h.

O 14 de decembro, a partir das 20:00 horas, presentaremos O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio Manuel Fraga, obra que obtivo o I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, publicado por Urco Editora. Acompañan ao autor Eli Ríos e a editora Andrea Jamardo.

“1933. Aos seus trece anos, Suso é obrigado a pasar o verán nas colonias do sanatorio marítimo de Oza por mor da súa mala saúde. No traxecto en tren cara ao seu destino estival, chega ás súas mans un caderno cun misterioso título na cuberta: Liber Bestiarium Scientificus. Cando Suso decide mergullarse nas súas páxinas, lonxe está de saber que ese intre marcará un verán cheo de aventuras na compaña de Tila, unha rapaza das colonias coa que acabará forxando unha bonita amizade.”

Presentación de Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, o 22 de novembro ás 20 h.

Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, conseguiu o Premio Xerais de Novela en 2018.
A obra relata, con grande orixinalidade, unha historia inspirada na figura e no mito de Blanco Romasanta desde unha visión que propugna unha revisión de xénero. Disposta como un conxunto fluído de microunidades narrativas, na novela conviven os rexistros culto e coloquial para vencellar as voces partícipes da historia e da creación do mito nacido arredor da persoa que foi considerada a primeira asasina en serie da nosa historia. A obra supón unha proposta transgresora e fragmentaria que se caracteriza por esa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros para abordar o tema da licantropía desde unha perspectiva de xénero. Narrada desde unha linguaxe poética, ao longo das páxinas desta excelente novela, salienta unha atmosfera de desacougo e angustia para abordar o tratamento dun personaxe que bebe das fontes cultas, mitolóxicas e populares galegas para reavivar a figura do lobo e a súa convivencia co ser humano.”

Recomendamos: Luns, de Eli Ríos

Luns, de Eli Ríos, é unha obra publicada por Xerais.

Premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega, 2016.
“Nerea ten a vida organizada. Pode considerarse unha muller con éxito dentro do estándar que marca a sociedade: é funcionaria, ten unha filla e un fillo, casada e con casa propia. No entanto, un luns recibe un diagnóstico de cancro de mama que o cambia todo. Vai morrer e ten apenas dous meses por diante e mil cousas pendentes por facer, que non poden ficar sen resolver. Moi pouco tempo e á vez suficiente para se decatar de que a súa realidade non lle permite encontrar un modo de se enfrontar á situación. Coa certeza da morte pairando en cada recuncho toma consciencia dunha realidade que non sempre é o que parece. Unha realidade oculta a plena luz do día. Luns, gañadora do Premio Torrente Ballester de novela en 2016, está escrita cunha técnica arriscada, valente e innovadora, que prescinde de adobíos e consegue conmover, logrando facer partícipe a quen a le das circunstancias que acontecen no día a día de Nerea.”

Aquí poden lerse as opinións da autora sobre o libro.

Presentación de Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira, o mércores 29

O mércores 29 de marzo, ás 20:00 horas, presentamos Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira, publicada na Editorial Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Eli Ríos e Francisco Castro.

“Neste libro de Emma Pedreira hai libros que falan de libros que conteñen libros que nos poden enfermar ou sandar ou sandar ou sacar o mellor de nós, que pode ser o peor.
Un mollo de relatos, dende micros a máis longos, nos que a trama e o desenlace se adiviñan entre páxinas, entre lombos de volumes curiosos para xente así de curiosa: os biblíopatas e fobólogos. Libros polos que matar e polos que vivir. Libros que dan a vida e a quitan. Personaxes nos lindes da razón que atopan na lectura, nas letras, nas semánticas máis estrañas, a súa razón de ser ou un motivo para mandar. Unha proposta literaria de Emma Pedreira, unha das autoras con máis proxección da literatura galega actual.”