Recomendamos: Douche a miña palabra, de Fran Alonso

Douche a miña palabra, de Fran Alonso, con ilustracións de Bea Gregores, é unha obra publicada por Xerais.

“Como se chega a ser escritora ou escritor? Por que se escribe? Pódese vivir sen ler? Pódese aprender a pensar a través da lectura? As palabras poden proer, picar, denunciar as inxustizas, resultar molestas e incómodas. Tamén poden facernos reaccionar. Os escritores e escritoras pelexan coas palabras, míranlles as patiñas nun microscopio e constrúen historias. Cunha linguaxe comprensible e chea de anécdotas, Fran Alonso cóntanos neste libro inusual cousas sobre a escrita, a literatura ou a lingua e convídanos a reflexionar sobre o superpoder da lectura e a importancia de sentir a chamada das palabras.”

Presentación de Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, o 22 de novembro ás 20 h.

Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, conseguiu o Premio Xerais de Novela en 2018.
A obra relata, con grande orixinalidade, unha historia inspirada na figura e no mito de Blanco Romasanta desde unha visión que propugna unha revisión de xénero. Disposta como un conxunto fluído de microunidades narrativas, na novela conviven os rexistros culto e coloquial para vencellar as voces partícipes da historia e da creación do mito nacido arredor da persoa que foi considerada a primeira asasina en serie da nosa historia. A obra supón unha proposta transgresora e fragmentaria que se caracteriza por esa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros para abordar o tema da licantropía desde unha perspectiva de xénero. Narrada desde unha linguaxe poética, ao longo das páxinas desta excelente novela, salienta unha atmosfera de desacougo e angustia para abordar o tratamento dun personaxe que bebe das fontes cultas, mitolóxicas e populares galegas para reavivar a figura do lobo e a súa convivencia co ser humano.”

Presentación de Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, de Manuel Rivas, o 23 de outubro ás 20 h.

Imaxe

Este novo libro de Manuel Rivas contén tres historias que, ao xeito da serie negracriminal, retratan un tempo histórico onde se acrecenta o poder das mafias, da cobiza, do diñeiro sucio e da corrupción. Mais tamén son historias que nos mostran a condición humana situada no límite, relatadas desde a maxia literaria dunha escrita impactante, poderosa e directa. En «O medo dos ourizos», dous mozos mariñeiros, que subsisten en precario, atopan no mar un tesouro, fardos procedentes do narcotráfico, que pode facelos ricos ou custarlles a vida. En «Vivir sen permiso», Nemo Bandeira, un poderoso magnate que levantou o seu imperio por medios ilícitos, consegue borrar as pegadas do seu pasado criminal, mais vaise atopar cun inimigo íntimo, inesperado e invencíbel. En «Sagrado mar», un mozo presidiario, apaixonado pola lectura, ten que enfrontarse non só co sistema carcerario, senón tamén co dilema da obediencia ou desobediencia ante o dominio que exerce un capo no interior da cadea. «Vivir sen permiso e outras historias de Oeste» é un libro fascinante, de literatura na beira, na marxe do risco, que o autor define como literatura vagabunda ou estremeira. Alí onde a cuestión final non é tanto ter ou non ter poder senón ter ou non ter liberdade.

Recomendamos: Contos nerviosos, de Fran Alonso

Contos nerviosos, Portada_contos_nerviosos.inddde Fran Alonso, ilustrado por Dani Padrón, está publicado por Edicións Embora.

“Ás veces suceden cousas tan inesperadas que os propios contos se poñen nerviosos. Os contos nerviosos son contos moi divertidos, pero non paran quietos porque lles tremen as palabras. Estes Contos nerviosos están protagonizados por un neno chamado Amelio que ten unha estraña alerxia ao ruído; por unha nena sen nome que ten unha amiga xirafa en Cabrafanada e recibe mensaxes misteriosas; por un neno que descobre que os videoxogos poden converterse en realidade e por Raíña, unha nena caprichosa que se enfada moito na festa do seu aniversario.”

Aquí podedes ler a recensión desta obra no blog Trafegando ronseis.

Presentación de Cadeas, de Xabier López, o venres 13 de decembro

O venres 13 de decembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Campo de Marte, s/n) da Coruña, preséntase Cadeas, de Xabier López, que obtivo este ano o Premio Xerais de Novela. No acto, coorganizado pola Asociación, a editorial e esta libraría, participan, xunto ao autor, Francisco X. Fernández Naval e Fran Alonso.

Nun porto afastado, Manuel Antonio mantén unha fermosa historia de amor cunha sorprendente muller á que coñeceu grazas a un estraño navegante chamado Joseph Conrad. Un rapaz de 15 anos relata a época en que os veraneantes madrileños eran o punto de todas as olladas e desexos da súa vila. Dous grupos de mozos provocan unha trifulca durante unhas festas patronais ao inicio da Transición. O músico dunha orquestra e a camareira dun ambigú establecen unha engaiolante historia de amor… Cadeas é unha novela de novelas. Un baúl de historias que denotan unha prodixiosa capacidade para fabular, para recrear, para imaxinar. A novela iníciase a partir da anécdota dun escritor que descobre na praia unha muller nova que le unha novela súa. Entre ambos os dous establécese unha curiosa e incómoda relación que nos conduce a un debate sobre a identidade do que é ou non é hoxe unha novela. Desde o fragmentarismo dun narrador que ás veces é pop e ás veces é culto, Cadeas paséanos por diferentes atmosferas, rexistros e historias con gran sentido do humor e cunha áxil ironía. Esta é a novela dun ventrílocuo, alguén capaz de enredarnos a través de diversos xogos textuais que pretenden evidenciar para o narrador a imposibilidade de contar, problematizando as dificultades da escrita.

Presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, o 2 de maio

O vindeiro xoves 2 de maio, ás 20:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Parque de Marte, s/n) da Coruña, preséntase a novela Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, onde participaremos xunto á Asociación e a editorial, participan, acompañando o autor, José María Laredo Cordonié, Xurxo Souto e Fran Alonso.
Unha novela de aventuras de mar e de terra con batallas navais, abordaxes, tétricas escenas de terror e tenras de amor, senlleiros personaxes lendarios e reais –un náufrago desmemoriado, un crego sabio e revolucionario, un fidalgo reformista…– e unha vila maldita que conforman a iconografía histórica da galega Costa do Solpor. A novela está ambientada na Galicia rural e urbana de mediados do século XVIII, facéndonos partícipes das angueiras da vida cotiá daqueles anos. “Costa do Solpor” comeza cun manuscrito onde un descoñecido escritor británico de finais do século XIX narra as peripecias da viaxe de volta dunha misteriosa goleta inglesa cargada cun fabuloso tesouro. Tras unha cruenta loita cuns piratas nunha illa atlántica, a goleta regresa ao punto de partida, o porto de Bristol, pero unha tormenta obrígaa a buscar refuxio nunha ría da Costa do Solpor. Un membro da Confraría da Man Morta, decatándose da importancia da carga, marcha a uña de cabalo á cidade da Coruña e avisa o capitán dun bergantín pirata fondeado cun nome de conveniencia neste porto. O bergantín sairá ao encontro da goleta coa intención de lle incautar o tesouro. Logo da abordaxe, o grumete da goleta logra salvarse gañando a costa a nado. Os piratas perseguirano a morte pero o rapaz inglés farase amigo dun mozo e dunha moza da beiramar e tratarán, xuntos, de liberar a goleta e salvar os seus tripulantes dunha morte certa. “Costa do Solpor” foi finalista do Premio Xerais de Novela 2011.”

Ninguén, de Fran Alonso

Baixamos o noso abatemento, e preventivamente supuramos mal humor. De inmediato. Calculamos a entidade, protexidos co crédito do débito. No garaxe o dato da humidade, e a parede. Os peixes ollan pros polifenois pendurados do acio do outono. Coa alta recibimos todo, e abáfame o debate. A polémica, e o bulo malicioso lámbeme o cu na bandexa.
Navego, sorrío, gozoso.

Ninguén, de Fran Alonso, está publicado en Xerais.