Recomendamos: A casa da mina, de Carmen Caramés Gorgal

A casa da mina, de Carmen Caramés Gorgal, é unha obra publicada por Doutor Alveiros, que obtivo o XXII Premio Risco de Creación Literaria.

“A miseria e a fame son todo o que coñece Sara na pequena aldea de Santa Comba onde sobrevive coa súa nai durante o tempo da guerra civil. Porén, todo muda para ela cando abren a mina de volframio. Unha certa prosperidade parece instalarse na contorna, onde moita xente acode ao “ouro negro” para saír da pobreza da posguerra. È alí, na mina de Varilongo, onde Sara coñece a Hannes, o enxeñeiro alemán que lle dá a volta por completo á súa vida. Aos poucos, a moza irá descubrindo o misterio que arrodea o seu compañeiro e os horrores soterrados do golpe fascista, así como esa clandestinidade que botou unha pouca luz sobvre a negrura dese tempo de calamidades. Cunha prosa intimista e dotada dunha grande forza, Mª Carmen Caramés Gorgal preséntanos unha novela a medio camiño entre o xénero de memoria, o romántico e mesmo o de espionaxe.”

Recomendamos: A orixinalidade radica na orixe, de Iria-Friné Rivera Vázquez

A orixinalidade radica na orixe. O concepto de imaxe galega na estética de Vicente Risco, de Iria-Friné Rivera Vázquez, é un libro publicado por Doutor Alveiros, da Fundación Vicente Risco.

“Como teórico da Arte, Vicente Risco recolleu as maiores influencias artísticas da nacente modernidade. A súa figura funcionou como un catalizador dentro da cultura galega, impulsando diferentes ámbitos –dende a Arte até a Literatura– na cal se forxou un imaxinario atemporal galego entre el, Camilo Díaz Baliño e Ramón Cabanillas. Cuestións como o simbolismo, o concepto de vangarda, a sinerxia entre a linguaxe visual e a literaria ou o poder da imaxe aparecen nas súas conferencias, artigos, libros ou cartas. Pero igualmente estilos artísticos –tanto históricos como contemporáneos–, referencias científicas, as viaxes ou a amizade exerceron unha rede que constituíu un Renacemento Galego que hoxe continúa emitindo unha vitalidade construtiva dende o humanismo galego para a cultura universal.”