Recomendamos: Vampira de biblioteca, de Ledicia Costas

Vampira de biblioteca, de Ledicia Costas, é unha obra publicada por Edicións Xerais.

“Esta non é unha historia calquera. É a miña historia. Preguntarás quen son eu. Chámome Eleonora, son unha vampira e dedícome a papar os insectos que queren roer as páxinas dos libros da biblioteca onde vivo. Así que se es desas persoas que non cre na existencia de criaturas coma min, é mellor que non abras este libro, que o coloques nun andel e te esquezas de todo isto para sempre. Fin. Ou tamén podes atreverte a continuar. Mais para iso debes darme unha mostra de confianza e pasar unha proba. Atréveste?”

Recomendamos: Infamia, de Ledicia Costas

Infamia, de Ledicia Costas, é unha obra publicada por Edicións Xerais.

“Emma Cruz é avogada e profesora de Dereito Penal. Trasládase a Merlo para impartir clases na Universidade, sen saber que ese lugar está marcado pola desgraza. A súa chegada coincide co 25 aniversario da desaparición das irmás Giraud, dúas nenas ás que semella que tragou a terra. Emma axiña descubrirá que os habitantes de Merlo gardan segredos inconfesables, algúns deles imposibles de dixerir. Que foi das irmás Giraud? Están mortas? Se é así, quen as asasinou? Onde están agochados os seus corpos? Infamia é un thriller psicolóxico onde nada é o que parece. Unha novela de ritmo vibrante que agarra o lector e o conduce aos sumidoiros da condición humana. Unha historia de amor, odio e loucura. Fiel á súa escrita, Ledicia Costas é quen de explorar o máis recóndito da alma humana ofrecéndonos unha novela poderosa e adictiva.”

Presentación de Mulleres bravas da nosa historia. Pepa a Loba, de Ledicia Costas e Eva Agra, o 21 de febreiro ás 20 h.

O 21 de febreiro, ás 20:00 horas, Ledicia Costas e Eva Agra presentan o novo volume da colección Mulleres Bravas da nosa historia: Pepa a Loba, publicado por Urco Editora. Estarán acompañadas polas escritoras Beatriz Maceda e Eli Ríos.

“Xela é unha nena que ten moi claro o que quere ser de maior: bandoleira. A pesar de que á súa nai non lle chista nadiña esta idea, para a rapaza non hai nada mellor no mundo que sentar a carón da avoa e escoitar, unha e outra vez, historias sobre a nosa bandoleira, sobre Pepa a Loba, a muller afouta que a pesar de todos os obstáculos que a vida lle puxo diante, conseguiu ser a capitá dunha gavela de homes e axudar a quen o precisaba. Xela nunca ten suficiente, sempre quere saber máis. E vós, queredes saber quen foi Pepa a Loba?”

Recomendamos: Os arquivos secretos de Escarlatina, de Ledicia Costas

Os arquivos secretos de Escarlatina, de Ledicia Costas, con ilustracións de Víctor Rivas, está publicado en Xerais.

“A que xogan os defuntos os xoves pola noite no mausoleo de Escarlatina? Lograría a cociñeira montar o seu propio restaurante? Quen goberna no Alén na actualidade? Quen foi o verdadeiro asasino de Amanito? Son moitas as preguntas que flotan no ar, entre as tumbas dos defuntos. Os arquivos secretos de Escarlatina é un libro para mentes curiosas. Unha obra onde a escritora e mais o ilustrador interactúan co público. Receitas terroríficas, un espectáculo de circo e diversos contidos extra reunidos nun volume pensado, ademais de para ler, para xogar e afondar no universo de Escarlatina, a cociñeira defunta.”

En palabras do crítico Ramón Nicolás: “Velaquí unha proposta orixinal e escasamente transitada neste formato entre nós e que encherá os devezos por saber máis, por obter máis información sobre este sólido mundo ideado por Costas cunha lectura visual impresionante e suxestiva a cargo de Víctor Rivas, e que contén verdadeiras sorpresas que van desde ofrecer, no mesmo libro, xogos, actividades ou mesmo brindar a oportunidade para participar nun concurso no que se formula un enigma para resolver. O libro responde, así pois, moitas preguntas que, de certo, milleiros de persoas que leron o devandito libro se formularon nalgún día e ten un marcado carácter interactivo. Non é pouco.”

Presentación do número 4 da revista O Dez, o luns 25 de setembro ás 20:15 h.

O luns 25 de setembro, ás 20:15 horas, preséntase na Libraría o número literario da revista O Dez. No acto participan Lino Braxe, Beatriz Maceda e Óscar Losada, editor e director da revista.
O número catro da revista de fútbol O DEZ dáse a man coa literatura e ten o grande apoio dos ilustradores. O tema de portada é “O meu ídolo futbolístico” e na publicación temos a oito escritores realizando un texto sobre o seu ídolo.
Participan na revista os escritores Lino Braxe, Ledicia Costas, Xabier P. DoCampo, Pedro Feijoo, Beatriz Maceda, Carlos Meixide, Eduardo Sacheri e Manuel Seixas.
Nas ilustracións contamos con Walter Artola, CaricaTorres, Artur Cousiño, Daniel Diebold, Xulia Pisón e Santy Gutiérrez.