Recomendamos: Os restos do franquismo en Galiza, de Manuel Monge

Os restos do franquismo en Galiza, de Manuel Monge, é unha obra publicada por Edicións Laiovento.

“Nun primeiro inventario, este libro pon de manifesto que aínda quedan en Galiza sobre 600 símbolos franquistas en 87 concellos: rúas, retratos, placas, esculturas e todo tipo de distincións que exaltan, honran e distinguen golpistas, franquistas e criminais. Fundacións franquistas; malfeitores e servidores da ditadura son premiados con títulos nobiliarios; a familia Franco conserva propiedades que roubou e recibe todo tipo de privilexios; policías torturadores conservan as medallas e incrementan a súa pensión pola actividade criminal na ditadura franquista. Todo isto xa foi denunciado en numerosas ocasións por organizacións internacionais e comisións de dereitos humanos da propia ONU, sen que esas denuncias fosen atendidas polo goberno. A permanencia da simboloxía franquista é unha exaltación das persoas que participaron en 1936 no golpe de Estado contra a República e das que formaron parte dos gobernos da ditadura, colaboraron ou ocuparon cargos de responsabilidade nas distintas institucións do franquismo.”

Pode lerse un fragmento desta obra aquí.

Recomendamos: Guía para non perderse en política, de Manuel Monge

Guía para non perderse en política, de Manuel Monge, é unha obra publicada por Laiovento.

“Dicir a verdade, informar, é hoxe unha actividade revolucionaria e por iso está claramente reprimida e silenciada. Dicía Noam Chomsky, lingüísta e filósofo de EE.UU, que «a manipulación mediática fai máis dano que a bomba atómica porque destrúe os cerebros». Tamén dicía Chomsky que «é responsabilidade dos intelectuais dicir a verdade e expoñer as mentiras».
Estas son algunhas desas verdades ou realidades silenciadas: o franquismo foi unha ditadura criminal; en Galiza non houbo guerra civil, senón un xenocidio; as mulleres sufriron unha dupla represión; Franco era un ladrón e un corrupto; os crimes do franquismo aínda están impunes; O Val dos Caídos é un monumento franquista; o PP aínda non cortou cordón umbilical co franquismo; o ditador Franco elixiu a Juan Carlos como o seu sucesor; Juan Carlos manifestou que tiña un grande afecto e admiración polo ditador; o rei Juan Carlos foi o inspirador do 23-F; temos unha monarquía corrupta e o rei Juan Carlos fixo unha gran fortuna; os Borbóns viven como deus; a monarquía está blindada.
Este libro é un manifesto contra os restos do franquismo; unha guía para orientarse, non perderse en política e contrarrestar a propaganda oficial. Un libro colectivo con centos de citas a pé de páxina de escritoras e xornalistas, que son, realmente, as autoras.
Unha ferramenta útil para derrotar a unha dereita e extrema dereita, convertidas nun auténtico monstro, que hoxe se presenta con tres cabezas (PP, Cs e Vox), pero un só corazón, con latidos franquistas. Pode ser tamén útil para o traballo do profesorado, un libro para todas as persoas –independentemente da súa idade, ideoloxía ou pensamento político– que queiran acceder a unha información que, lamentablemente, non está moi difundida.
Fronte ao silencio e boicot na difusión de moitas verdades, cómpre a complicidade e colaboración das lectoras na difusión e debate das 120 realidades que aborda o libro.”

Pode lerse un fragmento do libro aquí.

Presentación de Os Borbóns: unha monarquía escandalosa, o mércores 25 na Biblioteca da AA. VV. Atochas-Monte Alto

O mércores 25 de maio, ás 20:00 horas, na Biblioteca da Asociación Veciñal Atochas-Monte Alto (Campo de Marte), Manuel Monge presenta o seu novo libro Os Borbóns: unha monarquía escandalosa. A herdanza do franquismo, publicada en Laiovento. No acto participa, xunto ao autor, Xosé Manuel Carril.

Maquetaci—n 1“Este libro fala do que non se pode dicir, nin divulgar: temos unha monarquía corrupta, cunha tradición de reis e raíñas implicados en negocios, que utilizaron o trono para o seu enriquecemento. O rei Juan Carlos era o “jefe” da trama corrupta do Instituto Nóos, onde están implicados Iñaki Urdangarín e a súa esposa, a infanta Cristina.
Temos unha monarquía caduca, desprestixiada, que non ten futuro e que non foi elixida polo pobo. A chamada dinastía borbónica non existe e ten pouco de exemplar. Dadas as numerosas relacións de reis e raíñas con amantes é moi difícil saber quen é o pai ou a nai de moitas infantas e infantes. O rei Alfonso XII, coñecido como “El Puigmoltejo”, non era fillo de Francisco de Asis de Borbón y Borbón, esposo da raíña Isabel II, senón de Enrique Puigmoltó i Mayans, tenente de enxeñeiros.
O que cualifican moitos libros de historia como o “Réxime”, que tivemos de 1936 a 1977, foi en realidade unha ditadura criminal, equiparábel, segundo a ONU, á Alemaña nazi e a Italia fascista de Mussolini. Foi o ditador Franco quen elixiu a Juan Carlos en 1969 como o seu sucesor e o futuro rei xurou fidelidade ao Caudillo Franco e ás leis da ditadura.
Cando se cumpriron xa corenta anos da morte do ditador, aínda quedan moitos restos do franquismo, como o pazo de Meirás e unha gran fortuna da familia Franco. Unha Fundación, que recibe fondos públicos para lembrar e enaltecer a figura do ditador. Simboloxía fascista por todo o Estado e 150.000 persoas vítimas da represión continúan en cunetas e foxas. Permanecen as distincións honoríficas e títulos nobiliarios a golpistas e criminais, que se sentaron nos consellos de ministros presididos por Franco.
Mentres tanto, Felipe VI, o mesmo que o rei Juan Carlos, aínda non condenou a ditadura franquista. Está en marcha a Querela Arxentina para xulgar os crimes do franquismo, que gozan aquí de impunidade porque, en virtude do pacto da Transición, os sucesivos gobernos de UCD, PSOE e PP interpretaron a Lei de Amnistía de 1977 como unha lei de punto final.”

Presentación de Perdemos o tren. As claves políticas do atraso, de Manuel Monge

O mércores 9 de xullo, ás 19:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciñ@s Atochas Monte Alto (Campo de Marte, s/n), preséntase o libro de Manuel Monge Perdemos o tren. As claves políticas do atraso, publicado por Difusora. No acto participará o propio autor.

“Galiza perde o tren –teremos un tren de alta velocidade de conexión coa Meseta case trinta anos despois de que o AVE chegase a Sevilla– porque así o decidiron os sucesivos gobernos do estado e non pola nosa climatoloxía, orografía, dispersión da poboación ou dificultades técnicas. As liñas Ourense-Vigo e A Coruña-Ferrol quedan para despois de 2021 e non temos tren de proximidade.
Non se pode entender este atraso sen analizar as súas raíces: a decisión política que toma o Goberno de Felipe González en 1993 coa aprobación do PDI, que deixa Galiza fóra da alta velocidade e as decisións que toma o Goberno de Aznar desde 1996 proxectando para Galiza un tren de terceira categoría. Esa vontade política reflíctese nos Orzamentos do Estado onde as partidas para o tren galego son practicamente inexistentes até o ano 2002. Foron as concorridas e exemplares mobilizacións cívicas que protagonizou a sociedade galega despois da catástrofe do Prestige as que cambiaron o rumbo e forzaron a aprobación do chamado Plan Galicia, que cambiou radicalmente os proxectos ferroviarios.
O libro recolle a pouca credibilidade dalgúns gobernantes que durante anos mantiveron o ano 2006 como referencia para a chegada da alta velocidade, despois o 2010, despois 2012, despois 2015, e despois… nin se sabe, enganando á cidadanía galega co único obxectivo de conseguir máis votos.
Soportamos durante anos numerosas promesas e mentiras apoiadas en campañas de propaganda pagadas pola Xunta e o goberno. Os acordos do Parlamento de Galicia e do Congreso dos Deputados foron sistematicamente incumpridos ou boicoteados. Hai que acabar con esta farsa.”