Recomendamos: Cadencias, de Manuel Portas

Cadencias, de Manuel Portas, é un libro publicado por Xerais.

“Moitas veces, case sempre, as cousas non son o que parecen. Hai matices, recendos, sombras, que condicionan a visión que temos da realidade, de calquera realidade. Nas cousas do amor tamén. En especial nas cousas do amor. A subxectividade innata dos sentimentos abrocha por riba das palabras e fai que a atracción se alimente ou se esfarele, se condense ou se dilúa. Nisto, os protagonistas de Cadencias non son unha excepción. Nunha Barcelona de trazos tenues, tres personaxes, ela, el e Elisa, percorren a vida no gume imperceptible entre o amor e o sexo, entre a urxencia do íntimo e o pozo profundo da soidade. Cadencias é o bosquexo dun cadro impresionista sobre o amor e o desamor. Ou se cadra non.”

Recomendamos: Por puntos, de Manuel Portas

Por puntos, de Manuel Portas, é unha obra publicada por Galaxia.

Premio Blanco Amor 2018. A vida está chea de casualidades, de situacións baixo o ditado das coincidencias e os caprichos do destino. O curso para a recuperación do carné de conducir é un lugar e un tempo no que cadran un mangado de homes e mulleres singulares mais que teñen algo en común. Descoñecidos entre si, as circunstancias fan que agora aparezan como o que son: persoas solitarias, mozos á espreita, biografía indecisas e, así e todo, dispostas a arriscarse para conseguir unha pingas de cariño. Por puntos é o retrato -por veces sentimental, por veces traxicómico, outras acedo e corrosivo- dunha realidade próxima e cotiá que endexamais deixa de ser sorprendente. Entre venres e sábados, durante catro xornadas, os personaxes desta novela deixan entrever as súas grandezas e as súas miserias, as súas coitas, os seus devezos e inseguridades. Á mala sorte contraponse a esperanza, á frustración vaina frear un futuro aínda aberto: a pesar de todo, poida que o amor ocupe a mesa do lado.”