Recomendamos: Zona a Defender, de Manuel Rivas

Zona a Defender, de Manuel Rivas, é un libro publicado por Xerais.

“«Zona a Defender» foi unha denominación que se popularizou coa loita ecolóxica en Francia. O planeta debería ser por enteiro unha Zona a Defender. Expresada co activismo da escrita poética, o pensamento crítico e un humor desacougado, esa chamada de alerta percorre todo este libro. En Zona a Defender. A esperanza indócil, Manuel Rivas, despois da denuncia que foi o libro Contra Todo Isto, escribe ás ceibas, con coraxe, sobre o que denomina a era Mayday, de perigo grave e inminente, para ir explorando aquilo que defende: unha internacional das conciencias, unha república de iguais, un novo contrato da sociedade coa natureza, unha austeridade fértil cunha nova abundancia creativa, un feminismo que emancipe a mulleres e homes, descolonizar a imaxinación e sabotar con ironía todo dogmatismo, o acordo secreto entre xeracións, unha soidade solidaria, a arte de caer e pensar o impensábel… E prohibir toda posesión de armas, cunha excepción: a risa.”

Presentación de Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, de Manuel Rivas, o 23 de outubro ás 20 h.

Imaxe

Este novo libro de Manuel Rivas contén tres historias que, ao xeito da serie negracriminal, retratan un tempo histórico onde se acrecenta o poder das mafias, da cobiza, do diñeiro sucio e da corrupción. Mais tamén son historias que nos mostran a condición humana situada no límite, relatadas desde a maxia literaria dunha escrita impactante, poderosa e directa. En «O medo dos ourizos», dous mozos mariñeiros, que subsisten en precario, atopan no mar un tesouro, fardos procedentes do narcotráfico, que pode facelos ricos ou custarlles a vida. En «Vivir sen permiso», Nemo Bandeira, un poderoso magnate que levantou o seu imperio por medios ilícitos, consegue borrar as pegadas do seu pasado criminal, mais vaise atopar cun inimigo íntimo, inesperado e invencíbel. En «Sagrado mar», un mozo presidiario, apaixonado pola lectura, ten que enfrontarse non só co sistema carcerario, senón tamén co dilema da obediencia ou desobediencia ante o dominio que exerce un capo no interior da cadea. «Vivir sen permiso e outras historias de Oeste» é un libro fascinante, de literatura na beira, na marxe do risco, que o autor define como literatura vagabunda ou estremeira. Alí onde a cuestión final non é tanto ter ou non ter poder senón ter ou non ter liberdade.

Presentación de Miniaturas de Eugenio Granell. Música revelada, o martes 16 de abril ás 20:00 horas en Portas Ártabras

O martes 16 de abril, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Asociación de Amigos dos Museos de Galicia), Rúa Sinagoga, 22, baixo, da Coruña, preséntase Miniaturas de Eugenio Granell. Música revelada, edición especial de 2 libros + CD que recolle a faceta musical do grande autor surrealista, feita realidade por aCentral Folque.
No acto participarán o director artístico do proxecto, Ramom Pinheiro Almuinha, o seu director musical, o cubano Alejandro Vargas, e o escritor Manuel Rivas.

Deixamos, a continuación, estes petiscos musicais:

Trapecista sentado soñando
Labrego alegre traballando
Galega cantando a unha pedra e unha gaita

As voces baixas, de Manolo Rivas

Manolo arrastra un cu de remendos pola Pena do Cuco. Arricha o seu ollo inquedo polo burato do valado, e alí, na Eira de Felipe, voa a moza, e o burro sabio fala dos lobeiros e mariachis que veñen polo Camiño dos Montañeses, acubillando segredos na Fraga do Crego.
Pola tarde as folerpas catódicas alumean a Taberna de Leonor, mentras o vento dá a volta polo Penedo do Goliacho.
Toda Elviña é desafío antroideiro, e pousadoiro para as Cascudas Mariñanas.

As voces baixas, de Manuel Rivas, está publicado en Xerais.