Recomendamos: A fotografía 51, de María Canosa

A fotografía 51, de María Canosa, é unha obra publicada por Baía Edicións, con ilustracións de Paula Mayor.
A fotografía 51 presenta, a modo de imaxes fixas na retina ou nunha cámara fotográfica, a vida, dilemas e reflexións en primeira persoa de Rosalind Franklin, o seu traballo e a ocultación machista padecida, quen malia ser a que logrou a famosa fotografía 51 da estrutura do ADN, non foi recoñecida co Nobel, que si recibiron dous homes cos que colaborara nas investigacións.”

Recomendamos: María Casares. A impaciencia por vivir, de María Canosa

María Casares. A impaciencia por vivir, de María Canosa, ilustrado por Bea Gregores, é un libro publicado por Bululú.

“Este libro permítenos coñecer a vida de María Casares. Aclamada e admirada como actriz en Francia, sobrepúxose ás adversidades que lle tocou vivir na súa vida persoal; a Guerra Civil e o exilio, o amor tempestuoso e tráxico con Albert Camus -un home casado e un dos intelectuais franceses máis importantes da primeira metade do século XX-, ou a morriña pola infancia feliz en A Coruña, foron o alimento da súa tenacidade por prepararse e estudar no teatro até chegar a converterse nunha icona mundial da interpretación e unha auténtica diva no senso máis amplo da palabra.”

Recomendamos: Quero saír!, de María Canosa

Quero saír! é un libro de María Canosa, publicado por Embora.

“”A nena comprende. Sabe que ten que agardar pola liberdade, que é unha convidada delicada. Prepara as súas ás (lava as mans), prepara as súas plumas (roupa) e prepara o seu peteiro (máscara). E por fin pode saír”.
María Canosa crea este texto para axudar aos nenos a entender o confinamento e a gozar na casa, pero tamén a sentirse libres coma paxaros.”

Recomendamos: H2… Oh!!! Pingas científicas, de María Canosa

H2… Oh!!! Pingas científicas, de María Canosa, con ilustracións de Luz Beloso, publicada por Galaxia.

“Sabías que os cascos protectores inventáronos os paxaros?, ou por que hai espellismos?
A que non te decataras que hai animais que nunca beben auga?, ou por que o número pi é infinito e non remata nunca?
Neste libro has atopar unha morea de curiosidades científicas relacionadas co noso día a día. Cousas simples que temos ao noso carón, pero que teñen un funcionamento moi complexo. Todo contado dun xeito moi sinxelo por María Canosa e as fermosas ilustracións de Luz Beloso.”

Recomendamos: As pombas de Bastián, de María Canosa

As pombas de Bastián, de María Canosa, con ilustracións de Noemí López, é unha obra publicada por Xerais.

“Desde a fiestra da súa casa, Minia observa todos os días como un home lles dá de comer ás pombas da rúa. As aves semellan ser as súas únicas amigas, mais a rapaza intúe que aquel home agocha unha maxia especial tras a soidade en que semella vivir. Por iso a nena toma unha decisión: achegarse a el. A partir do primeiro encontro prenderá neles a ilusión que vai alumear unha fermosa amizade.”

María Canosa asina a súa obra Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, o 23 de abril ás 17:00 h.

O venres, sexta feira, 23 de abril, de 17:00 a 18:00 horas, María Canosa asina exemplares da súa obra Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, publicada pola Editorial Bululú, con ilustracións de Bea Gregores. Será na Libraría Sisargas (Rúa San Roque, 7, baixo, A Coruña).

“Este libro busca achegar a todos os públicos, aínda que especialmente aos nenos, a figura polifacética de Emilia Pardo Bazán a través de momentos da súa apaixonante vida. Sorprenderanos a nena curiosa e gran lectora, a muller namorada e independente e a autora de carácter, rebelde ao rol que se esperaba de toda dama nun ambiente social e familiar privilexiado. A través da lectura, o estudo e unha capacidade de traballo infinita, conseguiu ser recoñecida no seu tempo sobrepoñéndose, en non poucos momentos, ao desdén de moitos compañeiros e académicos mentres era recoñecida, nacional e internacionalmente, por público e crítica.
A ilustración, creada cunha particular utilización de técnicas tradicionais que combinan debuxo e cores acrílicos de gran forza, inspírase e apoiase, ademais de nos textos sinxelos e ben documentados de María Canosa, en fotos e noticias da época, así como en monumentos e edificios que aínda existen hoxe, buscando recrear o ambiente e lugares que frecuentou a autora cunhas imaxes moi recoñecibles e atractivas.”

Recomendamos: Cando cae a luz, de María Canosa

Cando cae a luz, de María Canosa, é unha obra narrativa publicada por Urco Editora.

“«Moitas veces ouvín dicir que os lobos non atacan as persoas. E isto non é certo», así dicía Ánxel Fole. Claro que, arredor dunha lareira, coas tebras da noite caendo sobre as costas, as lapas bailando na negrura e debuxando monstros na cara, as palabras dos relatos podían vestir de negro os pensamentos máis agochados. Naquela escena resultaba máis críbel e aterrador.
Noites de inverno nas que as palabras, o caldo e o viño quecían máis que o propio lume. Traballar pola fresca da mañá e xuntarse para falar ao cabo do día eran os fitos que marcaban o calendario. Falar. Comunicar. Transmitir. Compartir.
Os radiadores, a calefacción, quentaron os corpos e arrefriaron os corazóns.
Claro que os lobos seguen a existir. Non son tan doados de ver. Ocúltanse no monte e baixan silandeiros, en forma de sombras, ruídos, bicos traizoeiros, treboadas, badaladas… “

Podes ler aquí unha entrevista coa autora e un fragmento da obra en Palavra Comum.

Recomendamos: DisParo, de María Canosa

DisParo, Portada_disparo.inddde María Canosa, é unha novela publicada por Edicións Embora.

“Un disparo produce un ruído tan enxordecedor que pode provocar reaccións inesperadas nas persoas. Bloquéaas, petrifícaas co medo, fainas botar a correr… Son imprevisibles. As detonacións que mudan a vontade non só saen das armas de fogo: un accidente, un desamor, un desafiuzamento,… o paro. A fortaleza de cada un non só se precisa para superar o contratempo. É imprescindible tamén sortear as miradas dos demais e a incomprensión.
DisParo é o retrato dunha desas burbullas que nacen cos atrancos, nas que a óptica do mundo muda completamente en función do lado que nos toque en sorte ocupar. “

Se queres saber máis, podes ver a recensión do crítico literario Ramón Nicolás aquí, e tamén esta entrevista á autora, publicada na revista Palavra Comum.