Recomendamos: Gramo Stendhal, de María Lado

Gramo Stendhal, de María Lado é un libro de poemas publicado por Apiario, con deseño e ilustración de Mauro Trastoy.

Gramo Stendhal é un libro de furia. De autodestrucción e procura. De nostalxia do verán, da despreocupación.
É unha osa tirando árbores na espesura. Laiándose a berros dende o alto dos outeiros. Ameazando con destruír todo canto a rodea.
É un mundo pequeno reflexado no fondo dunha culleriña de café. Todo invertido do fondo da culleriña, os pequenos piñeiros, o pequeno pico do tellado da casa, a diminuta cabeza da muller que a mira como querendo ler o futuro nos pousos.
E tamén a furia do océano e a paciencia. O desgaste deste sobre os cantís de pedra.

Por que ler?
-Porque hai moito de vertixe na procura que a autora fai da beleza.
-Porque aínda que estas páxinas ceden por momentos a un movemento triste, a el sobreponse o anuncio do verán.
-Porque a luz, que nos cega por momentos, acompáñase dalgunhas músicas que a multiplican: Nirvana, The Cure (a Forest), Radiohead, The Idols, Massive Attack, The Staat.
– Porque non quererás perderte o gramo de beleza que se agocha aquí.”

Recomendamos: Uralita, de Iria Pinheiro e María Lado

Uralita, de Iria Pinheiro e María Lado, é un libro publicado por Cuarto de inverno.

“A actriz Iria Pinheiro e mais a poeta María Lado, nun proceso de escrita vivo, impúdico e singular déixanse levar polo ímpeto da transmisión oral para que as verbas se transformen nun xeito rabudo de atopar o lugar de pertenza, nun retrato dunha Galiza periurbana que habitan ambas as dúas para agasallarnos con este ser salvaxe que lles naceu e que non quixeron domesticar.”

Recomendamos: Aprendendo a ladrar, de Xardín desordenado

Aprendendo a ladrar, Xardín desordenado Aprendendo a ladraré o novo disco de Xardín desordenado.

“Dende 1.963 ata a data designáronse 52 autores no Día dás Letras Galegas. Dos 52, unicamente 3 foron mulleres: Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007).
É un dato que se comenta só.
Á xente de Xardín Desordenado gústanos contrapoñelo con outro dato, aínda que oficioso: o da abafadora maioría de poetas mulleres obtendo hoxe en día premios de todo tipo e ocupando foros solemnes ou recitais en bares. Un percorrido idéntico ao realizado polas mulleres nas últimas décadas e en todos os ámbitos.
“Aprendendo a ladrar” podería presentarse como a nosa homenaxe a ese esforzo e a ese triunfo; pero non o é, senón simplemente o desfrute dos magníficos textos ofrecidos polo talento feminino, para compoñer cancións con eles.
Ao final incluíronse 17 autoras no CD, pero quédanos o resentimento de deixar no caixón case outras tantas cancións (as decisións ao respecto resultaron unha auténtica tortura) con textos de idéntica calidade. De feito, non descartamos a edición dun “Aprendendo a ladrar, segunda parte”.
As poetas incluídas en “Aprendendo a ladrar” son:
Lucía Aldao
Olga Novo
Yolanda Castaño
María do Cebreiro
María Lado
Marica Campo
Emma Couceiro
Luísa Castro
Iolanda Zúñiga
Rosalía de Castro
Luz Pichel
Cristal Méndez
Marta Dacosta
Chus Pato
Emma Pedreira
Estíbaliz Espinosa
Mª do Carme Kruckenberg”