Recomendamos: Sibila, de Rosa Aneiros

Sibila, de Rosa Aneiros, é un libro publicado por Xerais.

“É noite, a marea vai para arriba e chove a esmadrasar cando unha muller penetra ás agochadas nunha illa practicamente inexpugnable na boca da ría. É a neta da Rubia, a tola do argazo. A filla da expulsada. Sibila regresa ao lugar en que foi animal sen domesticar nun tempo en que todo foi seu. Agora nada ten agás a encarga dunha misión que cumprir e a terrible certeza de que lle vai a vida niso. Durante a estadía na illa irá descubrindo o salvaxe que nela habita: as tensións lacerantes entre quen é e de quen vén sendo; entre un pasado que estoura e un futuro que a aboca ao abismo; entre a ansia da mente e a vontade voraz do corpo.En Sibila, a nova novela de Rosa Aneiros, nada é o que parece. Ou si. Talvez sexa exactamente o que parece, o que ninguén quere ver.”

Recomendamos: Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, de Rosa Aneiros

Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, de Rosa Aneiros, obra gañadora do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade de 2018, está publicada por Xerais.

“Edelmira odia dúas cousas por riba de todo: a nata do leite e o seu nome. A primeira consegue eliminala cun coador vello, pero da segunda non hai maneira de librarse. Chámanlle así polo avó Edelmiro, e el tampouco lle gusta nada porque é un verdadeiro túzaro. Por iso, cando o seu pai lle anuncia que pasará o verán co avó en Marabilia, Edelmira non pode crelo. Van ser uns meses terribles! Mais todo muda na aburrida aldea coa chegada de dous nenos, André e Daniel, cos que inicia arriscadas expedicións na procura de corsarios choscos, frotas de flamengos e gatos con cola de dinosauro. Ata que algo aparece inesperadamente no mar para mergullalos nunha extraordinaria aventura que os converterá en afoutos bichicomas.”