Recomendamos: Papá caníbal, de Antonio Manuel Fraga

Papá caníbal, de Antonio Manuel Fraga, con ilustracións de Santy Gutiérrez, é un libro publicado por Xerais.

“Fedora está farta de que o abusón do cole se meta con ela, así que decide asustalo contándolle que o seu pai é un caníbal. O Efebeí, un policía fóra de servizo por non facer nada ao dereito, inicia unha investigación pola súa conta sobre o suposto caníbal para tentar recuperar o prestixio perdido e poder reincorporarse ao traballo. A partir de aquí iníciase un atolado enredo que ten lugar durante a noite do Samaín. Unha novela disparatada, enxeñosa, macabra e tremendamente divertida, na que mesmo poderás escoller o final!”

Presentación do número 4 da revista O Dez, o luns 25 de setembro ás 20:15 h.

O luns 25 de setembro, ás 20:15 horas, preséntase na Libraría o número literario da revista O Dez. No acto participan Lino Braxe, Beatriz Maceda e Óscar Losada, editor e director da revista.
O número catro da revista de fútbol O DEZ dáse a man coa literatura e ten o grande apoio dos ilustradores. O tema de portada é “O meu ídolo futbolístico” e na publicación temos a oito escritores realizando un texto sobre o seu ídolo.
Participan na revista os escritores Lino Braxe, Ledicia Costas, Xabier P. DoCampo, Pedro Feijoo, Beatriz Maceda, Carlos Meixide, Eduardo Sacheri e Manuel Seixas.
Nas ilustracións contamos con Walter Artola, CaricaTorres, Artur Cousiño, Daniel Diebold, Xulia Pisón e Santy Gutiérrez.