Recomendamos: Dicionario irreal para un país imposible, de Xavier Seoane

Dicionario irreal para un país imposible, de Xavier Seoane, é unha obra publicada por Xerais.

“Este Dicionario irreal para un país imposible, do escritor e profesor humanista Xavier Seoane, é un libro singular, fermoso, entregado, distinto e atrevido sobre este vello e milenario país que é Galicia. Concibido con moita orixinalidade, editado con sumo coidado e fermosamente ilustrado por Ramón Trigo, o libro combina a óptica analítica, o alento poético, a imaxinación e o humor co sentido crítico, a reflexión matizada e a información exhaustiva. Por este dicionario literario, que constitúe un orixinal ensaio, desfila a historia de Galicia, a súa cultura, os feitos, as persoas, os tópicos, os mitos e carencias… Escrito desde detrás da silveira, o seu formato permite lelo en calquera orde, en calquera sentido e de calquera xeito, focalizando a atención sobre os máis diversos aspectos do país galego, ese que procura o seu lugar na historia, na cultura e no reino do imaxinario e do proxectivo.”

Esta é a crítica sobre o libro realizada por Ramón Nicolás.

Recomendamos: A póla branca, de Xavier Seoane

A póla branca, de Xavier Seoane, é unha obra publicada por Xerais.

A póla branca, que se inicia cun espléndido limiar sobre os haikus e a súa tradición, trasládanos á capacidade creativa de Xavier Seoane ante ese xénero e ofrécenos versos enormemente actuais, sintéticos, moi ocorrentes, persoais, capaces de abraiar. En palabras de Juan Martínez-Casanueva Viqueira, son haikus «máis preocupados por captar a impresión do momento, por atender a voz da natureza, por deixarse levar pola admiración ante todo acontecer que por dar cumprimento á formalidade do canon estrófico. Están entre o sentimento panteísta e o asombro cósmico, onde tamén hai sitio para a experiencia cotiá, o urbano, o pop».”

Recomendamos: A dama da noite, por Xavier Seoane

A dama da noite, A dama da noite Xavier Alcaláde Xavier Seoane, é unha obra narrativa publicada en Laiovento.

“Os derradeiros momentos da vida dunha muller. As lembranzas agroman no leito entre a doenza, a febre e a dor. Comezan a desfilar, entón, os feitos relevantes da súa vida. Amores, desamores, pensamentos, libros, viaxes, soños…
Lembranzas entrecortadas, nunha néboa que as vai enterrando no definitivo esquecemento… A través dunha obra de absoluta ficción que recrea a dramática loita entre a vida e a morte, a confusión entre o real e o soñado, así como as lembranzas, temores e aspiracións dun horizonte histórico nunha Compostela de soños liberais e románticos, de arelas esgazadas e rotas.”