Recomendamos: Levaino!, de Xurxo Fernandes

Levaino! é o primeiro traballo musical en solitario de Xurxo Fernandes.

“Creador e artista coruñés cunha extensa traxectoria no ámbito da etnografía e das músicas de raíz. Xurxo Fernandes fórmase desde moi novo en baile e canto tradicional tanto de xeito autodidacta como a través do contacto con fontes da sabedoría popular. A súa curiosidade leva ao creador a iniciar, en 1994, unha investigación e recollida polas aldeas de Galicia que mantén ao longo de máis de dúas décadas tamén nos países do antigo Imperio Otomano. Este traballo de campo, a través de conversas e enquisas, outorga ao artista unha fonda cosmovisión da tradición oral galega e sefardí.
‍Levaino! (2021), o seu primeiro traballo en solitario, é a representación desa dualidade que comprende Xurxo Fernandes. É un revelador xogo de espellos no que Galicia e Oriente se reflicten e que, por vez primeira, o artista amosa nun suxerente traballo discográfico. A tradición oral galega, acompañada dun instrumento representativo desta como é a pandeireta, é a base e o punto de encontro de creacións sonoras que se nutren doutras tradicións, acompañados de arranxos modernos e dunha instrumentación moderna que se introduce dun xeito natural. En Levaino! atoparemos temas recollidos polo propio artista en Coristanco, Samakov, A Mezquita, Salihli, Tordoia, Larache ou Tel Aviv. Unha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidas, que comezan no Mediterráneo Oriental e que rematan en Galicia, que explicitan e manifestan os vínculos entre ambas culturas e tradicións orais.”

Aquí pode verse unha entrevista co autor na Televisión de Galicia.

Recomendamos: Ven al Luna Park, de Jako el Muzikante

Ven al Luna Park, de Jako el Muzikante, é unha proposta musical de Xurxo Fernandes, que temos á venda na nosa libraría.

“Constantinopla, 1902. Nun café aman, gregos, turcos, armenios e sefardís descendentes dos xudeus expulsos de España en 1492 reúnense clandestinamente para cantar. Entoan nun estilo oriental cancións de amor, humorísticas e outras que falan sobre a súa realidade política e social. Jako el Musikante, Jako o buscavidas, malvive cantando en vodas e en festas de bar mitzvah, ao tempo que sisa o que pode aos seus compracidos e, moitas veces, embriagados clientes.
Pouco despois, o Imperio Otomán cae e Grecia, Turquía e Armenia adoptan estas músicas e adáptanas dentro das súas novas fronteiras. Mais as melodías sefardís caen no esquecemento pola complicada situación que os seus intérpretes padecen.
Nos inicios do século XXI, Xurxo Fernandes embárcase nun traballo de procura e investigación en Turquía e Israel, que o vai levar a recoller o repertorio destas cancións de café aman, e presentar Jako el Muzikante, un proxecto madurado durante varios anos de recolla, que nos fai sentir a sonoridade sefardí interpretada na súa lingua orixinal, ladino ou djudeo-espanyol.”

Recomendamos: Pasatempo, o novo disco de Radio Cos

Pasatempo é o novo disco de Radio Cos, publicado estes días.

“RADIO COS, uns pandeireteiros de sona que fixeron evoluír a nosa música naturalmente.
Xurxo Fernandes e Quique Peón, cantantes e percusionistas do grupo, son dous referentes no eido da investigación etnográfica en Galiza. As melodías utilizadas neste proxecto pertencen aos seus arquivos de gravacións de campo, traballo que levan facendo por todo o país desde hai máis de tres décadas.
Vai para xa nove anos que RADIO COS leva percorrendo escenarios en Bélxica, Inglaterra, Escocia, Bretaña e Galiza transmitindo o seu modo de entender a nosa música tradicional.
Agora preséntannos o seu primeiro disco, música de raíz que mestura a sonoridade máis arcaica con elementos tirados da propia tradición e melodías alleas que gardan relación co país.
A banda confórmana tres prestixiosos músicos: Pedro Lamas na gaita e saxo soprano, Nikolay Velikov no violino e Xan Pampín no acordeón.
Este traballo, concebido con forza e alegría, quere mostrar a invisibilidade que sufren as culturas minorizadas a pesar de estar aí, de arrodearnos, de ser verdades manifestamente palpábeis.”