Recomendamos: Sindo de Olelas, de Xurxo Souto e Pedro Pascual

Sindo de Olelas, de Xurxo Souto e Pedro Pascual, é unha obra publicada por aCentral Folque.

““Olelas ou o asombro. Pedra, cachenas… e concertina. Fenómeno único na Galiza toda. Unha pequena aldea (só sesenta casas) que, por tradición, bailla con este son. Calquera noite de vrao pode soar o vira. Antroido, Matanza, Reis… Non existe (ou existía) celebración, pública ou familiar, na que alguén non pouse os dedos enriba deste instrumento.”
Olelas, concello de Entrimo, provincia de Ourense. Como os seus veciños din ,“unha aldea empoleirada na montaña”. No outro lado dun encoro -todos son familia-, A Várzea xa é Portugal. Terra de músicos. Calquera celebración xira ao redor dun instrumento: “a concertina” (acordeón diatónico).
Como en todas as aldeas contratan unha orquestra o día da festa. Mais aquí o clímax chega xusto no descanso, cando as concertinas soben ao palco e a parroquia enteira baila as danzas que aprenderon dos seus maiores: o vira, o S, e a cana verde.
O gran tocador destes tempos foi Sindo, directamente Sindo de Olelas. Como a maioría dos seus veciños emigrou a Francia (polo verán esta é unha aldea bilingúe, campan nela dous idiomas: o galego e o francés). Por suposto, canda a maleta levou tamén o instrumento. E tanta foi a súa paixón que á volta, cando construíu a casa nova, fixo no salón un pequeno palco para poder tocar en toda celebración.
Deixounos a finais desta segunda década do século XXI. Mais a tradición continúa. Alén dos propios tocadores de Olelas, os fillos de Sindo bailan nos ranchos portugueses de París. E o seu neto espalla por Francia adiante o repertorio destas montañas.”

Advertisements

Recomendamos: A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto

A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto, é unha obra publicada por Edicións Xerais.

“O arrastreiro Macallás sae das Arneiras, a cidade da Torre e da area do Berbés. O seu destino: Rockall, rocha perdida, entre Escocia e Islandia. O Con de Marín, tal lle din pola nosa ribeira. Manda na ponte unha muller, Mercedes, patroa de pesca e, antes, famosa vocalista do conxunto ForzA dozZE! É unha marea ben curiosa. Entre lance e lance, a mariñeira heavy vai entrar en tratos con Lipeilipeisa, un peixe-sapo que fala, e mesmo aprenderá a cántiga de Mamí Watá, que é a serea negra da Guiné, esa que chegou canda os mariñeiros senegaleses.A gran travesía de Chiruca Macallás conta a viaxe dun barco que parte para o Gran Sol ao mando dunha muller, dona dun poderoso universo, que nos revela unha historia de superación. Coa enorme forza do relato oral e a inclusión de elementos fantásticos e surrealistas que recrean a atmosfera gráfica de Urbano Lugrís, Xurxo Souto ofrécenos unha novela personalísima que retrata a aventura dunha marea singular con ton epopeico.”

Aquí pode verse o vídeo da presentación deste libro na Libraría Cartabón de Vigo:

Presentación de Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, de Manuel Rivas, o 23 de outubro ás 20 h.

Imaxe

Este novo libro de Manuel Rivas contén tres historias que, ao xeito da serie negracriminal, retratan un tempo histórico onde se acrecenta o poder das mafias, da cobiza, do diñeiro sucio e da corrupción. Mais tamén son historias que nos mostran a condición humana situada no límite, relatadas desde a maxia literaria dunha escrita impactante, poderosa e directa. En «O medo dos ourizos», dous mozos mariñeiros, que subsisten en precario, atopan no mar un tesouro, fardos procedentes do narcotráfico, que pode facelos ricos ou custarlles a vida. En «Vivir sen permiso», Nemo Bandeira, un poderoso magnate que levantou o seu imperio por medios ilícitos, consegue borrar as pegadas do seu pasado criminal, mais vaise atopar cun inimigo íntimo, inesperado e invencíbel. En «Sagrado mar», un mozo presidiario, apaixonado pola lectura, ten que enfrontarse non só co sistema carcerario, senón tamén co dilema da obediencia ou desobediencia ante o dominio que exerce un capo no interior da cadea. «Vivir sen permiso e outras historias de Oeste» é un libro fascinante, de literatura na beira, na marxe do risco, que o autor define como literatura vagabunda ou estremeira. Alí onde a cuestión final non é tanto ter ou non ter poder senón ter ou non ter liberdade.

Presentación de Certezas alumeadas, de Luís Seoane, o 4 de outubro, ás 20 h.

O 4 de outubro, ás 20:00 horas, presentaremos o libro Certezas alumeadas, de Luís Seoane, publicado por Figurandorecuerdos Edicións, coa presenza de Xurxo Souto.
O libro contén ilustracións de Luís Seoane, Víctor Vázquez Collazo, Uxío López, Simón Fusté, Alfonso Caparrós, Calros Silvar, Baldo Ramos, Xosé Vizoso, Fernando Arenaz, Omar Kessel, Carlos Lorenzo, elerre, Séchu Sende e fillas, Troubs, Caxigueiro, Deside, Edmond Baudoin, e introdución de Isidro Novo. De maneira festiva e participativa, debuxando, lendo, falando, lembraremos a Luís Seoane e Maruxa Fernández.

Presentación de Bonus Track, de Rosalía Fernández Rial, o 3 de maio ás 20:00 h.

Imaxe

“Ás veces precísase dar todo por perdido para que algo inesperado te sorprenda.
Pero sempre hai unha posibilidade para a esperanza. Por iso cómpre esgotar as pistas establecidas se queres que apareza o Bonus Track.
Xusto nese xiro imprevisto, cando xa parece que non queda nada, nacen os relatos deste libro de Rosalía Fernández Rial: vinte e dous contos tecidos con letras de cancións e derradeiras esperanzas. É importante agardar. As mellores historias comezan onde remata a melodía. Resiste. E cando a música repouse, entrará a literatura a bailar.

Recomendamos: Radio BuleBule, de Paco Nogueiras

Radio BuleBule é o novo traballo musical, en formato de libro-CD, de Paco Nogueiras, publicado por Kalandraka.

“O medio radiofónico inspira as 12 cancións deste novo libro-cd-dvd no que volven participar o ilustrador David Pintor e José Miguel Sagüillo dirixindo os videoclips que, como novidade, forman unha curtametraxe. Os temas dispóñense ao xeito da grella de programación dunha peculiar emisora na que non faltan sintonía de entrada, axenda cultural, magazine de variedades -tendencias, ciencia, natureza…-, música, faladoiro, noticias, información deportiva e previsión meteorolóxica.

Conta cun limiar de Xurxo Souto, e epílogo de Ponte… nas ondas!, e as colaboracións dos xornalistas Ana Romaní, Xabier Fortes, Xosé Manuel Pereiro, María Xosé Rodríguez, Susana Pedreira, Tino Santiago, Fernanda Tabarés, Ainhoa Apestegui, Pablo Lago, Henrique Sanfiz, María Solar e Emilio Españadero.”

Recomendamos: A voz do vento, libro-CD en homenaxe a Manuel María

A voz do vento A Mesa A voz do ventoé un libro-CD publicado pola Mesa pola Normalización Lingüistica en homenaxe a Manuel María.

A voz do vento quere ser unha homenaxe ao recoñecido poeta e incansábel activista a prol da nosa lingua e de tantas causas xustas, socio e xeneroso colaborador da Mesa.
O libro ilustrado por Jano componse de 11 temas. Os temas son extraídos dos libros: Terra Chá, Proba documental, Aldraxe contra a xistra, Cantos rodados para alleados e colonizados, Versos do lume e o vagalume, A luz resucitada, As lúcidas lúas do outono e Sonetos á casa de Hortas.
A tribo incomprensíbel está composta por Aarón Bouzón, Álex Bardanca, Fran Amil, Paco Cerdeira e Ricardo Casás. Neste libro-CD colaboraron coas súas voces Jasper, Paula Romero, Antón Díaz, Xurxo Souto, Belén Tajes, O Leo, M. J. Pérez e Xosé Antón Bocixa.