Presentación de En efecto bolboreta, de Ana Pillado Vega, o 28 de xuño ás 20 h.

Imaxe

En efecto bolboreta, de Ana Pillado Vega, é unha obra publicada por Edicións Fervenza.
“Véspera do Maios. Culminou a metamorfose.
A Gran Irmandade Lepidóptera, conformada por bolboretas e avelaíñas, inicia a revolución insecta, disposta a espallar o preciso cambio nas conciencias a prol de salvagardar o medioambiente. Iránse sumando á causa as reirei republicanas, as skornagirls (vacalouras lindas a rabiar), a Rede Arácnida Galega…
Na Cova das Sabias Céltigas, situada nas raíces pétreas do faro de Briga, celébrase unha Asemblea Extraordinaria. Milagreiras meigas e salgadas sereas, druidesas dos bosques e damas brancas dos castros, mouras de beleza dourada e falangueiras fadas chegan por terra, mar e aire. Canta o carro da Raíña Lupa baixo a lúa espectral da serpe.”

Presentación de Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, de Manuel Rivas, o 23 de outubro ás 20 h.

Imaxe

Este novo libro de Manuel Rivas contén tres historias que, ao xeito da serie negracriminal, retratan un tempo histórico onde se acrecenta o poder das mafias, da cobiza, do diñeiro sucio e da corrupción. Mais tamén son historias que nos mostran a condición humana situada no límite, relatadas desde a maxia literaria dunha escrita impactante, poderosa e directa. En «O medo dos ourizos», dous mozos mariñeiros, que subsisten en precario, atopan no mar un tesouro, fardos procedentes do narcotráfico, que pode facelos ricos ou custarlles a vida. En «Vivir sen permiso», Nemo Bandeira, un poderoso magnate que levantou o seu imperio por medios ilícitos, consegue borrar as pegadas do seu pasado criminal, mais vaise atopar cun inimigo íntimo, inesperado e invencíbel. En «Sagrado mar», un mozo presidiario, apaixonado pola lectura, ten que enfrontarse non só co sistema carcerario, senón tamén co dilema da obediencia ou desobediencia ante o dominio que exerce un capo no interior da cadea. «Vivir sen permiso e outras historias de Oeste» é un libro fascinante, de literatura na beira, na marxe do risco, que o autor define como literatura vagabunda ou estremeira. Alí onde a cuestión final non é tanto ter ou non ter poder senón ter ou non ter liberdade.

Presentación de Bonus Track, de Rosalía Fernández Rial, o 3 de maio ás 20:00 h.

Imaxe

“Ás veces precísase dar todo por perdido para que algo inesperado te sorprenda.
Pero sempre hai unha posibilidade para a esperanza. Por iso cómpre esgotar as pistas establecidas se queres que apareza o Bonus Track.
Xusto nese xiro imprevisto, cando xa parece que non queda nada, nacen os relatos deste libro de Rosalía Fernández Rial: vinte e dous contos tecidos con letras de cancións e derradeiras esperanzas. É importante agardar. As mellores historias comezan onde remata a melodía. Resiste. E cando a música repouse, entrará a literatura a bailar.