Recomendamos: Ela sabe a sol, de Najla Shami

Ela sabe a sol, de Najla Shami, é un libro-CD publicado pola Editorial Galaxia.

“Velaquí o novo traballo de Najla Shami. Desde o galego, mais tamén con temas en caselán e árabe. Un libro-disco de mestizaxe, de fermosa contaminación cultural que nos ilumina. Como o sol. Como o sabor do amor ou da terra, que é idéntico en todos os lugares do mundo. Un facho de luz brillante que nos asolaga.”

Aquí pode escoitarse unha entrevista coa autora na TVG.

Recomendamos: As estacións do lobo, de María Reimóndez

As estacións do lobo, de María Reimóndez, é un libro publicado por Edicións Xerais.

“É inverno, a neve cae sobre Múnic e Clara atópase perdida. Sen comprender moi ben como, errou o camiño que a levaba a converterse nunha brillante adestradora canina no seu Lugo natal e rematou alá, nun banco conxelado do Englischer Garten. Todo por aquilo que a xente denominaba «amor». Mais, que era o amor a fin de contas? Era aquilo que estaba vivindo ou a posibilidade de algo diferente? Desde a domesticación ata a liberación salvaxe, Clara tentará, facendo o camiño inverso do can ao lobo, reconstruírse para reconstruír o mundo que a rodea. Un proceso no que non avanzará soa: Gaia, MK, Aurora, Saínza e unha morea de cans marcarán un camiño no que amar non consista nos soños que nos venden e se centre en desatar o salvaxe; en atopar a manda. Esta nova entrega do Ciclo dos elementos explora os límites do amor, do arraigamento e da nosa capacidade para crear mandas que nos protexan no día a día dos afectos.”

Recomendamos: Illas a sotavento, de Henrique Dacosta

Illas a sotavento, de Henrique Dacosta, é un libro publicado por Edicións Xerais.

XXV Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta.
Illas a sotavento é unha novela protagonizada por un grupo de amigos do lugar do Prioiro, na parroquia de Covas, que manteñen cos de Arriba unha rivalidade irracional. Os enfrontamentos non cesan nin sequera no verán ou no tempo de lecer e os desafíos e os amores cruzados definen unha historia marcada por un relevante segredo. Eloi e os seus amigos do Prioiro queren construír unha balsa para chegar a unhas illas das que se contan historias fabulosas. As tirapuxas entre ambos os bandos e a construción da embarcación convértense nunha aventura. Mais… os perigos espreitan. Unha apaixonante novela de aventuras, un fermoso canto aos espazos naturais e, en definitiva, unha sorte de viaxe iniciática que a ninguén deixará indiferente.”

Recomendamos: Guadi Galego. Pola beira da canción, de Pepe Cunha

Guadi Galego. Pola beira da canción, de Pepe Cunha, é un libro publicado por Edicións Embora.

“Este libro de Pepe Cunha documenta o ronsel de Guadi Galego e entréganos un referente necesario para vivirmos un mundo mellor, igualitario e, polo tanto, xusto. Constitúe un dos retratos posibles dunha artista inqueda na procura de sensacións, enérxica na exploración das súas capacidades, xenerosa na ledicia, comprensiva coa dor, amante da beleza. E coas achegas dun coro de afectos e de admiración, Pola beira da canción recolle, con precisión de orfebre, o aire deste tempo desde un recanto fronte ao Atlántico de punta Candieira con vistas ao mundo enteiro. O norte é poema en si mesmo.”