Recomendamos: El gato de Hudson, de Nito da Vila

El gato de Hudson, de Nito da Vila, é un libro publicado por Trifolium.

“O autor realiza unha inmersión interior en relación coa súa actividade artística e relacións persoais, nos que domina a ausencia e a saudade dun mundo vislumbrado, mais non vivido polos avatares da vida.”

Recomendamos: Tríptico ártabro, de Ánxeles Penas

Tríptico ártabro, de Ánxeles Penas, é un libro publicado por Laiovento.

“O libro Tríptico ártabro, de Ánxeles Penas, resulta paradigmático do seu mundo poético. Tanto na súa escrita como nos seus contidos, cristaliza numerosas claves da súa poética. Está estruturado en tres partes, “Territorio”, “Os anais do vento” e “Galicia, meu señor”, aínda que as sinerxías temáticas, expresivas e formais entre as tres son constantes, producindo unha viva sensación de coherencia e unidade.
O título remite ao Portus magnus artabrorum de Estrabón, Pomponio Mela e Plinio, coñecido entre nós como Porto dos Ártabros: o espazo que, co seu núcleo na cidade da Coruña e na Torre de Hércules, abrangue un amplo arco natural que vai desde as terras e os cabos ferroláns até as Illas Sisargas e o inicio da Costa da Morte. Un espazo integrado polas rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol, desde o que se atalaian fermosas e amplas panorámicas do Atlántico.”
Pode lerse un fragmento da obra aquí.

Recomendamos: O voo da curuxa, de Inacio e Iván Suárez

O voo da curuxa, de Inacio e Iván Suárez, é un libro publicado por Demo Editorial.

“Esta obra é un achegamento fascinante aos derradeiros meses de vida de dona Emilia. No seu aspecto gráfico, lémbranos a estética dos gravados clásicos, e consegue cativarnos grazas a un guión maduro e con ritmo narrativo áxil que transita entre o real e o literario, incorporando relatos da propia Pardo Bazán.”

Recomendamos: Nós seis, de Julia Lago

Nós seis, de Julia Lago, Premio Castelao de banda deseñada de 2021, é un libro publicado pola Deputación da Coruña.

“A obra recrea a historia da propia avoa da autora como nena ferrolá que viviu nun internado do franquismo dos anos cincuenta. Segundo apunta Lago, con este traballo quere contribuír a “tomar conciencia do valor do traballo e da rebeldía de persoas como Mercedes, que non se dobregaron baixo normas opresivas e misóxinas, e conseguiron, grazas á súa resistencia, que hoxe en día sexan consideradas como o que son: represoras, machistas e alienantes”, ademais de “coñecer os piares sobre os que están construídos os valores arraigados na sociedade española (machismo, pudor, complexos)”.”

Recomendamos: Memorias dun exgalego, de Josiño Porto

Memorias dun exgalego, de Josiño Porto, é un libro publicado por Laiovento.

““Comecei a odiar a miña familia o día en que nacín”. Así arrinca esta biografía de odio. Anxo, o seu narrador e protagonista, é a personificación do autoodio: despreza as súas orixes, a súa terra e a súa clase social. Odia a súa deforme nai, o seu fracasado pai, o seu beato irmán, a súa rancorosa avoa e o seu inútil único amigo. Odia o cheiro da súa vila mariñeira, odia os seus veciños pailáns e odia a súa rústica lingua. Cre que a vida lle ten preparado algo mellor que a mediocridade que o rodea, que a súa beleza e o seu intelecto merecen algo máis, polo que o seu único obxectivo é marchar e romper para sempre cos vínculos que o atan ao lugar e ás persoas que o viron nacer. Ninguén o deterá no seu camiño ao “éxito”.
Nesta novela acompañamos a Anxo na súa fuxida das orixes e asistimos abraiados e, en moitas ocasións, mortos de risa, ao seu fulgurante ascenso ao máis baixo. Vantaxista, disoluto, libertino e tamén ruín, perverso e depravado son algúns dos adxectivos que adornan este odiador que, de xeito descarnado e hilarante, nos narra a súa vida. En certos momentos quizais nos lembre, por razóns moi diversas, outros personaxes literarios como Ignatius J. Reilly de A conxura dos necios ou Adrián Solovio de Arredor de si. Unha novela picaresca que nos atrapará coa súa hábil construción de caracteres e co seu trepidante ritmo cinematográfico.
Atención ao inesquecible final.”
Pode lerse un fragmento da obra aquí.