Presentación de O latexar do barrio, de Tito Pérez, o 30 de abril ás 20 h.

O latexar do barrio, de Tito Pérez, é unha obra publicada por Edicións do Peirao.
“Un barrio. Os seus habitantes. As súas orixes. Os seus conflitos. O arrecendo, moitas veces pestífero, da vida cotiá. Nada tan sinxelo e ao mesmo tempo tan intricado. O latexar do barrio non define, describe (como coidaba Torrente Ballester que cumpría facer), deixando marxe á lectora ou lector para tirar as súas propias conclusións. Unha fotografía da sociedade galega, fundamentalmente urbana, inmersa no enguedello das súas ansias e das súas coitas. Das privacións e carencias que lle son impostas, con frecuencia autoimpostas, e ás que debe sobrepoñerse para continuar.”

Recomendamos: As mulleres da fin do mundo, de Daniel Asorey

As mulleres da fin do mundo, de Daniel Asorey, é unha novela publicada por Xerais.

“Rebeca observa dende a xanela do seu cuarto a destrución da Capital do Mundo e emprende unha marcha na procura da supervivencia. Fóra de Muros, Blau, muller por decisión propia, lidera o seu pobo nunha revolta contra a inxustiza e a desigualdade. Moi lonxe, nunha terra invadida e desangrada pola guerra, Faheema observa como un helicóptero imperial cae abatido na base do lexionario Tichborne, soldado alistado nunha guerra sen final. Elas e el sobreviven nun mundo que agoniza, aparentemente dirixido polo Supremo Líder, Albert Sabaf. A partir desa diversidade de espazos, todas e todos acabarán por confluír nunha historia en que as mulleres han loitar por construíren o futuro. As mulleres da fin do mundo é unha novela de Daniel Asorey que nos deixa sen alento.”

Recomendamos: Os largos e longos campos de liño azul, de Isaac Xubín

Os largos e longos campos de liño azul, de Isaac Xubín, é unha novela publicada por Galaxia.

“O Dr. Myà chega á conclusión de que o paciente 500-B carece de alma. Semella carecer, cando menos, de nome, xa que os documentos da institución que dirixe non rexistran ningún dato relativo á súa identidade. O paciente, pola súa banda, insiste en decatarse de que dende a fiestra da súa cela non pode ver os campos de liño azul que caracterizan a paisaxe da súa terra. Rahab e Fresser andan na súa procura, pero non acaban de estar seguros de que atopalo sexa o mellor que pode acontecer. Escóitanse tiros no bosque, alguén está a chamar por teléfono, a derrota aparece no horizonte, tan cerca que se pode apalpar.”

Recomendamos: Lúa en Ningures, de Beatriz Maceda

Lúa en Ningures, de Beatriz Maceda Abeleira, é unha obra publicada por Xerais, con ilustracións de Laura Veleiro.

“As casas da rúa que Lúa percorría todos os días para ir ao colexio, á pastelería, á tenda de xoguetes ou ao bar onde o seu avó xogaba ao xadrez empezaron a desaparecer, esnaquizadas. Lúa e a súa familia vense na obriga de fuxir do horror da guerra e instálanse en Ningures, un campo de refuxiados onde semella que xa non queda esperanza. Porén, vai ser nese lugar onde Lúa descubra cales son os valores realmente importantes na vida das persoas.”

Recomendamos: Guía para non perderse en política, de Manuel Monge

Guía para non perderse en política, de Manuel Monge, é unha obra publicada por Laiovento.

“Dicir a verdade, informar, é hoxe unha actividade revolucionaria e por iso está claramente reprimida e silenciada. Dicía Noam Chomsky, lingüísta e filósofo de EE.UU, que «a manipulación mediática fai máis dano que a bomba atómica porque destrúe os cerebros». Tamén dicía Chomsky que «é responsabilidade dos intelectuais dicir a verdade e expoñer as mentiras».
Estas son algunhas desas verdades ou realidades silenciadas: o franquismo foi unha ditadura criminal; en Galiza non houbo guerra civil, senón un xenocidio; as mulleres sufriron unha dupla represión; Franco era un ladrón e un corrupto; os crimes do franquismo aínda están impunes; O Val dos Caídos é un monumento franquista; o PP aínda non cortou cordón umbilical co franquismo; o ditador Franco elixiu a Juan Carlos como o seu sucesor; Juan Carlos manifestou que tiña un grande afecto e admiración polo ditador; o rei Juan Carlos foi o inspirador do 23-F; temos unha monarquía corrupta e o rei Juan Carlos fixo unha gran fortuna; os Borbóns viven como deus; a monarquía está blindada.
Este libro é un manifesto contra os restos do franquismo; unha guía para orientarse, non perderse en política e contrarrestar a propaganda oficial. Un libro colectivo con centos de citas a pé de páxina de escritoras e xornalistas, que son, realmente, as autoras.
Unha ferramenta útil para derrotar a unha dereita e extrema dereita, convertidas nun auténtico monstro, que hoxe se presenta con tres cabezas (PP, Cs e Vox), pero un só corazón, con latidos franquistas. Pode ser tamén útil para o traballo do profesorado, un libro para todas as persoas –independentemente da súa idade, ideoloxía ou pensamento político– que queiran acceder a unha información que, lamentablemente, non está moi difundida.
Fronte ao silencio e boicot na difusión de moitas verdades, cómpre a complicidade e colaboración das lectoras na difusión e debate das 120 realidades que aborda o libro.”

Pode lerse un fragmento do libro aquí.