Recomendamos: A casa da mina, de Carmen Caramés Gorgal

A casa da mina, de Carmen Caramés Gorgal, é unha obra publicada por Doutor Alveiros, que obtivo o XXII Premio Risco de Creación Literaria.

“A miseria e a fame son todo o que coñece Sara na pequena aldea de Santa Comba onde sobrevive coa súa nai durante o tempo da guerra civil. Porén, todo muda para ela cando abren a mina de volframio. Unha certa prosperidade parece instalarse na contorna, onde moita xente acode ao “ouro negro” para saír da pobreza da posguerra. È alí, na mina de Varilongo, onde Sara coñece a Hannes, o enxeñeiro alemán que lle dá a volta por completo á súa vida. Aos poucos, a moza irá descubrindo o misterio que arrodea o seu compañeiro e os horrores soterrados do golpe fascista, así como esa clandestinidade que botou unha pouca luz sobvre a negrura dese tempo de calamidades. Cunha prosa intimista e dotada dunha grande forza, Mª Carmen Caramés Gorgal preséntanos unha novela a medio camiño entre o xénero de memoria, o romántico e mesmo o de espionaxe.”

Recomendamos: Demerara, de Wagner R. Barreira

Demerara, de Wagner R. Barreira, na versión en galego de Leandro García Bugarín, é unha obra publicada por Galaxia.

“Bernardo é un mozo galego que se criou nun orfanato de Vigo, daquela nos albores do seu espertar como a cidade dinámica que agora é. En 1918, tras deixar a institución, leva unha vida errante polos arredores do porto, punto de partida para tantos galegos, e embarca no vapor Demerara camiño do Brasil, nunha viaxe sen perspectiva e sen vontade, sen saber que ou destino o fai compañeiro de viaxe da pandemia da gripe española. “Aquel navío era un pouco como a miña vida. Estaba en movemento, cercado de moita xente, e aínda así só no océano”.
Mestura de ficción e feitos históricos, a novela naceu a partir das pescudas do autor sobre as orixes do seu avó paterno, do que pouco se sabe: era vigués, chegou ao Brasil no navío Demerara e morreu o día do bautismo do seu único fillo.
Home e navío son personaxes indivisibles en Demerara, onde o autor fai un traballo minucioso de investigación que proporciona ao libro unha forte base histórica a través dunha escrita potente, elegante e fluída que nos achega a unha época en tempos de pandemia.”

Recomendamos: Mercedes Tella Comas. Mestra e directora da Escola Normal de Mestras da Coruña, de Ana Romero Masía

Mercedes Tella Comas (1868-1934). Mestra e directora da Escola Normal de Mestras da Coruña, de Ana Romero Masiá, con limiar de Aurora Marco, é unha obra publicada por Baía.

“Mercedes Tella foi un referente destacado na vida da cidade durante o primeiro terzo do século XX e co seu traballo e actividade deu o mellor exemplo da reivindicación do papel que a muller debía ter na sociedade. Podería ter un posto merecido na historia da Coruña con so realizar o traballo docente e de Dirección da Escola Normal durante máis de 20 anos, pero non se conformou con iso senón que redobrou o seu traballo e esforzo demostrando que as mulleres podían e debían estar presentes e actuando de forma activa na vida cultural, científica e social, sen esquecer a colaboración na atención á infancia fóra das aulas ou aos presos nos cárceres.
Admiradora de Concepción Arenal, estreita colaboradora de Manuel Casás, de pensamento conservador e católico, non dubidou en defender valores progresistas en educación como a defensa da coeducación ou o papel que debían ter os libros e os xogos na educación da infancia, o que lle permitiu ser unha das más destacadas renovadoras da pedagoxía das Escolas Normais en Galicia no primeiro terzo do século XX.”

Recomendamos: Relatos de Cascarilla. 12 contos de xente da Coruña, de César Concheiro

Relatos de Cascarilla. 12 contos de xente da Coruña, de César Concheiro, con ilustración de Laura Veleiro, é unha obra publicada por Grupo Beroly.

Relatos de Cascarilla achéganos ás vidas de distintas persoas que comparten como escenario a cidade da Coruña.
No transcurso dos relatos acompañaremos os protagonistas por alegrías e tristezas, por amores ou soidades, por tempos pasados e tiempos por vir, e veremos como teñen en común algo máis que un lugar ou un tempo.
A necesidade de comprensión, afecto e amizade ábrese paso encarnada nas persoas que desfilan ante nós, mirando aos ollos e á nosa comprensión como seres fráxiles, resistentes, efémeros e todos eles importantes.”