Recomendamos: A voz das últimas cigarreiras coruñesas. Lembranzas dun tempo ido, de Ana Romero Masía e Xulia Santiso

A voz das últimas cigarreiras coruñesas. Lembranzas dun tempo ido, de Ana Romero Masiá e Xulia Santiso, é unha obra publicada por Baía.

“Darlles voz ás cigarreiras. Iso mesmo debeu pensar Emilia Pardo Bazán. Darlles voz directa, non falar sobre elas ou por elas, senón que sexan elas as que falen por si mesmas. Nesta ocasión non puidemos ir á Fábrica de Tabacos —agora convertida en Audiencia Provincial— pero buscamos lugar no que encontrarnos para falar con elas. Así, ao longo de horas de conversa con Pilar, Cani, Lolecha, Mariceli, Rosi, Elena, Camocha, Matucha, Elvira e Rosalía puidemos comprobar como —pasados xa case 20 anos do peche da Palloza— seguen emocionándose cando rememoran o seu paso polos diferentes talleres, as relacións cos xefes, as festas na fábrica, as dificultades para compaxinar traballo e familia… e, sobre todo, a dor e a tristura dos últimos días como cigarreiras.”

Recomendamos: Migrantas, de María Alonso Alonso

Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres, de María Alonso Alonso, é un libro publicado por Galaxia.

“Trátase dun libro de conversas coas que marcharon forzadas por unha crise, ou crises, que nada teñen que ver con elas.
Un libro de historias en primeira persoa sobre a nova diáspora galega onde falan as súas protagonistas, e que intenta romper coa idea patriarcal da emigración galega. Os testemuños das mulleres que aquí participan abordan temas relacionados cos sentimentos de pertenza e de desarraigamento, a idea de fogar, o concepto de tránsito ou o do regreso imposible. As historias que dan forma a este libro son historias dispares condicionadas por variadas causas e con diferentes resultados, historias de superación e de frustración, en moitos casos, que quedarán como memoria oral dunha xeración e dunha época.”

Recomendamos: Voz e silencio. Entrevista con Ricardo Carvalho Calero, de Francisco Salinas Portugal

Voz e silencio. Entrevista con Ricardo Carvalho Calero, de Francisco Salinas Portugal, é unha obra publicada por Laiovento.

““Voz e silencio non chegou a ser revisado por Carvalho Calero, ao ser tamén obra póstuma. Publicado en 1991 e agora reeditado –após revisión e inevitábel actualización formal do autor/entrevistador, tres décadas despois da súa aparición–, esta fundamental achega ao coñecemento de Carvalho Calero surxe dunha entrevista que Francisco Salinas Portugal lle realizou en 1989 por encargo da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, tal como se indica na “Nota previa”. O que ía ser entrevista breve para a elaboración dun vídeo, veu dar en longa conversa por obra e arte dun entrevistador intelixente e incisivo e dun entrevistado do que sería longo enumerar as cualidades: entusiasmo, rigor, ecuanimidade, erudición viva, elocuencia, modestia, espírito reflexivo…” (Pillar Pallarés).”

Poden lerse nesta ligazón o limiar e o índice da obra.