Recomendamos: A parte dos anxos, de Emma Pedreira

A parte dos anxos, de Emma Pedreira e Carlos Lago (O Terser Home), é unha obra publicada por Aira.

“Belas criaturas no transo da morte. Humor e terror abrazados nun melancólico tango. Esta colección de relatos de Emma Pedreira e Carlos Lago detense no derradeiro alento para converter o inesperado, o incómodo e o arrepiante en literatura, en beleza.”

Recomendamos: Unha historia da arte galega, de Xosé Carlos López Bernárdez

Unha historia da arte galega, de Xosé Carlos López Bernárdez, é unha obra publicada por Laiovento.

“Desde as mámoas e os petróglifos até as tendencias estéticas das últimas décadas, o obxecto deste libro é realizar un achegamento á imaxe artística galega, un anaco da tradición cultural europea producida nun país que posúe unha singularidade histórica marcada. Na arte galega foron proxectándose ao longo da historia as grandes correntes artísticas da Europa Occidental, con variábeis ritmos de incorporación e en sintonía con diferentes procesos históricos, e neles maniféstanse as peculiaridades, as diferenzas locais, as discontinuidades e os achados laterais a respecto dos períodos unificados da historia da arte. Alén diso, desde o século XIX, asistiremos ao intento de definir unha arte nacional, con diferentes denominacións segundo o momento histórico (rexionalismo, nacionalismo), nun contexto onde artistas e pensadores propiciarán coas súas reflexións unha lectura do pasado e presente artístico galego.
Pártese de que, como toda actividade humana, a arte non pode nin debe ser inmutábel, estática, pois nela conviven aspectos tradicionais con influencias externas, vivificadoras.
Neste sentido, pensar a tradición artística desde nós é pensar na lectura intencional do pasado máis tamén na lectura presente desde a posición actual da nosa nación e tamén desde a pura visualidade, o que implica distintas posíbeis lecturas das imaxes mais non incompatíbeis. Entendemos a arte galega, pois, como espello dunha realidade histórica complexa, que dialoga connosco e maniféstase como unha interpelación que, desde moi lonxe, se dirixe ao espectador de calquera tempo, e que este pode albiscar nese instante sorprendido que implica a percepción dunha boa obra de arte como quen enxerga algo de nós mesmos.”
Aquí pode lerse unha mostra da obra.

Recomendamos: A fotografía 51, de María Canosa

A fotografía 51, de María Canosa, é unha obra publicada por Baía Edicións, con ilustracións de Paula Mayor.
A fotografía 51 presenta, a modo de imaxes fixas na retina ou nunha cámara fotográfica, a vida, dilemas e reflexións en primeira persoa de Rosalind Franklin, o seu traballo e a ocultación machista padecida, quen malia ser a que logrou a famosa fotografía 51 da estrutura do ADN, non foi recoñecida co Nobel, que si recibiron dous homes cos que colaborara nas investigacións.”