Recomendamos: O obxecto muller e o xiro ontolóxico, de Inma Otero Varela

O obxecto muller e o xiro ontolóxico, de Inma Otero Varela, é un libro publicado por Euseino? Editores.

“A cuestión de xénero é un dos interrogantes aos que a filosofía feminista intenta responder desde os seus inicios. ¿Que é unha muller e que implica esta determinación inicial? ¿Pódese revogar ou é unha natureza inemendable? Neste libro absolutamente anovador, no que se elabora unha concepción teórica senlleira e fundacional, Inma Otero Varela responde cunha argumentación limpa, firme e rigorosa.
Para contestar esas preguntas, a autora parte do xiro que o realismo especulativo, ou o novo realismo, deu na filosofía contemporánea. Pensar unha ontoloxía plana na que a relación de dependencia entre suxeito e obxecto desaparece ao deixar de ser a exclusiva forma de acceder ao senso, de existir. O suxeito, desta volta a muller, é un obxecto máis do mundo, ou dos mundos, dos campos de senso. Xa non hai un senso único, unha determinación necesaria e primeira, senón que son os obxectos os que, nas súas relacións, crean campos de senso continxentes e independentes. O campo de senso de xénero é un deles. E como tal é modificable, emendable. O obxecto muller xa non é o obxecto muller-obxecto; a muller non é un corpo. Ser muller non é unha natureza, é un xeito de representación que emerxe, se inscribe e accede ao seu propio senso. Existe sen condición.”

Recomendamos: Acoso e demolición do sistema público de ensino, de Xosé Ramón Branco Buxán

Acoso e demolición do sistema público de ensino é un libro de Xosé Ramón Branco Buxán, publicado por Laiovento.

“O ensaio identifica no sistema educativo unha serie de subxectividades e de arquitecturas organizativas que forman parte da cultura neoliberal hexemónica en Occidente. Os procesos de privatización e individualización que se fundamentan na estigmatización, segregación e degradación do ensino público representan un perigo e un desafío para o cumprimento dos obxectivos ideais de ben público, de balde e de acceso universal.
As mudanzas das formas estruturais tradicionais cara a outras en rede, de subcontratas ou de tipo trevo, camiñan cara a formas privatizadoras en todos os seus niveis, ao mesmo tempo que modelan de xeito diferenciado unha serie de novas subxectividades.
A presenza da Covid-19 acelerou os procesos privatizadores desencadeados polo plan Boloña mediante a implantación intensiva das TIC, que envoltas polo mito da neutralidade representan para Boaventura de Sousa Santos novos desafíos “como por exemplo a dixitalización do coñecemento, do ensino e da aprendizaxe”.
Na actualidade ninguén cuestiona conceptos como “ciclo económico” ou a “importancia do empresario e do emprendedor” de xeito que a innovación se converteu nun dos piares da industria das TIC e da sociedade en xeral. O alcance dos efectos desta política neoliberal sobre o sistema público de ensino dependerán da racionalización e da interiorización dunha submisión, previamente aprendida na sociedade e nas propias estruturas escolares, cara a un poder que interpela a natureza dos individuos para xustificar a súa implantación.”

Aquí pode lerse un fragmento deste libro.

Recomendamos: Quero saír!, de María Canosa

Quero saír! é un libro de María Canosa, publicado por Embora.

“”A nena comprende. Sabe que ten que agardar pola liberdade, que é unha convidada delicada. Prepara as súas ás (lava as mans), prepara as súas plumas (roupa) e prepara o seu peteiro (máscara). E por fin pode saír”.
María Canosa crea este texto para axudar aos nenos a entender o confinamento e a gozar na casa, pero tamén a sentirse libres coma paxaros.”

Recomendamos: O feitiço das línguas, de Carlos Taibo

O feitiço das línguas é un libro de Carlos Taibo, publicado por Através.

“Com O Feitiço das Línguas, Carlos Taibo mistura alhos com bugalhos, com elegância e erudição, ao enlear sem dó o género literário da Autobiografia com o ramo da Linguística, num apaixonante relato contado com engenho e grandes doses de humor. Se, como arma a Linguística moderna, a língua não é apenas um simples sistema de regras mas uma instituição sociocultural constitutiva da nossa identidade individual e coletiva, com certeza não há melhor modo de o materializar do que escrevendo um livro como este.”