Recomendamos: Alguén virá… Romanticismo, memoria e revolución na literatura de Luís Seoane, de Pablo García Martínez

Alguén virá… Romanticismo, memoria e revolución na literatura de Luís Seoane, de Pablo García Martínez, é unha obra publicada por Laiovento.

Alguén virá… é unha mirada crítica ao pensamento do intelectual galego máis internacional do século XX, Luís Seoane (1910-1979). O marco temporal para estas cavilacións son os frenéticos anos cincuenta: o período de maior produción literaria de Seoane, mais tamén un tempo de reformulación das hexemonías culturais nun Atlántico norte co que el seguía vencellado, aínda dende a distancia do exilio. Eran anos nos que o triunfo da narrativa da “posguerra” despois da Segunda Guerra Mundial contrastaba coa persistencia da guerra que expulsara da península milleiros de exiliados republicanos. Neste contexto –ineludible para entender o encontrón cos intelectuais de Galaxia do período 1956-1958–, Seoane afonda na percepción do desaloxo da historia ao que estaban forzados os exiliados, unha conclusión pesimista que metaboliza, porén, a través da escritura literaria. Exemplo disto son o poemario As cicatrices (1959) e, sobre todo, a obra de teatro A soldadeira (1957). Alguén virá… parte destes escritos para establecer un diálogo entre a filosofía da historia coa que o romántico Seoane se defende do momento de perigo que foron para el os anos cincuenta e os textos que escribira dúas décadas antes unha das voces de referencia do romanticismo revolucionario da Europa de entreguerras, o Walter Benjamin das Teses sobre a filosofía da historia. Pensar a Seoane dende o diálogo co fervedoiro que foi a Europa dos anos vinte e trinta, que el non deixou de revisitar ata a fin dos seus días, é facerlle xustiza ao pensamento que informa o seu plural legado cultural.”

Pode lerse o limiar aquí.

Recomendamos: O día que choveron gatos, de Eva Mejuto

O día que choveron gatos, de Eva Mejuto, con ilustracións de Susana Suniaga, é unha obra publicada por Xerais, finalista do Premio Merlín 2022.

“Catarina múdase desde a gran cidade a unha pequena, gris e aburrida vila, ou iso pensaba ela. Aínda por riba, o propietario da vivenda onde se instala coa súa familia é Ovidio Lema, un personaxe desprezable que se presenta ás eleccións municipais polo PAI: a plataforma antianimalista que pretende acabar cos gatos da rúa. Catarina ponse a traballar pola súa conta para boicotear a campaña, convencida de que só ela pode salvar os animais. Pero un día van chover gatos e Catarina decatarase de que unha persoa soa non pode cambiar o mundo, pero en boa compañía pode, polo menos, intentalo.”

Recomendamos: Outono aquí, de Mario Regueira

Outono aquí, de Mario Regueira, é unha obra publicada por Memino Morreu.

“A viaxe que leva Guillerme para a cidade flamenga de Gante con a intención de reclamar unha herdanza ao seu irmán doente, significará o regreso a un escuro pasado familiar marcado pola violencia. Os descubrimentos emerxentes abalarán a identidade do mozo protagonista durante un percurso físico e musical que brindou ao seu autor, Mario Regueira, o Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, concedido polo Concello do Grove, na súa convocatoria de 2011. Esta edición, unha década despois da súa primeira saída do prelo, inclúe unha introdución do profesor Danny Barreto.”

Recomendamos: Barroco, de Antía Otero

Barroco, de Antía Otero, é unha obra publicada por Apiario.

“En palabras de Daniel Salgado Barroco é (…) escritura contra a desfeita xeral dos días e poemas como lugar da verdade, poemas azuis, velados, de materiais gastados e obxectos con quince vidas e rexistro e marcas e indicios de que todo, sempre está a piques de se esboroar e porén resiste e ningunha ameaza abonda para destituír a memoria e o seu campo de batalla e talvez a natureza morta como testemuño do valor de uso porque ao cabo Barroco son poemas que refugan a superficie brillante das cousas e inscriben a historia das subalternas coma quen esfuraca unha biografía e deita por ela o sangue do tempo que pasa, a borralla (…)”

Pode verse aquí este vídeo de presentación do libro.

Recomendamos: Ars numerica. Unha antropoloxía do capital, de Antón Fernández de Rota

Ars numerica. Unha antropoloxía do capital, de Antón Fernández de Rota, é unha obra publicada por Axóuxere Editora.

“Unha antropoloxía do capital, ou máis precisamente unha aposta por descifrar a esencia do capitalismo, na que o humano devén en tanto que suxeito e obxecto dos procesos económicos e tecnolóxicos. Esta é a tarefa a contracorrente que asume Ars numerica. Ao longo de dous séculos a crítica mantívose ancorada. Unha e outra vez tentou desvelar os segredos do capitalismo partindo da análise da forma-mercadoría. Mais, que aconteceria se o capitalismo fose pensado xa non a partir da mercadoría, senón do propio elemento que lle dá nome? Este ensaio cruza a análise de Foucault, emprendida en Les mots et les choses (As palabras e as cousas), coa crítica do valor. Leva até o presente a arqueoloxía do ser humano no seu dicir, facer e vivir, na linguaxe e na escrita, no traballo e no capital, na súa vida biolóxica e biográfica, para chegar a unha conclusión polémica. Circa 1800 xurdiron como preocupacións coetáneas a inquietude pola chamada «Morte do Home» e a pregunta polo capitalismo. Tras diagnosticar a forma do ánthropos que vén logo daquela defunción, Antón Fernández de Rota mostra como as mutacións antropolóxicas, xunto coas técnicas e económicas, deron forma a un tipo de humano que é en por si un capital vivo. O ensaio podería terse titulado «Programar e acreditar», pois estas son as dúas técnicas fundamentais para o gobemo diso que só neste momento histórico merece chamarse capitalismo; posto que unicamente agora se organiza a partir do capital tanto a nivel sistémico como subxectivo. De aí que non haxa que buscar orixes moi afastadas. O capitalismo é o que vén despois da recente «Morte do Home». Somos contemporáneos do seu nacemento”