Recomendamos: Luísa Villalta. Alma de violino, de Beatriz Maceda e Eli Ríos

Luísa Villalta. Alma de violino, de Beatriz Maceda e Eli Ríos, con ilustracións de Laura Suárez, é unha obra publicada por Xerais.

“Luísa Villalta soubo escoitar o silencio e a realidade que lle tocou vivir e plasmalo na súa obra. Comprometida e coherente, teceu os vimbios dunha sociedade equitativa e igualitaria. Nesta biografía ilustrada, mergullamos nalgunhas das palabras e das músicas que ela ceibou ao vento para achegarnos a unha muller tan polifacética como fascinante.”

Recomendamos: Desobediencia civil. Unha estratexia para a resistencia e a dignidade, de Henrique del Bosque

Desobediencia civil. Unha estratexia para a resistencia e a dignidade, de Henrique del Bosque, é unha obra publicada por Laiovento.

“As grandes promesas da modernidade non se cumpriron. A promesa de igualdade fica nunha ficción perante as enormes fendas entre ricos e pobres. A promesa de liberdade tampouco supera os límites das declaracións formais. E outra promesa, a da dominación da natureza, estanos a conducir a un desastre ecolóxico planetario cuxos efectos xa están a padecer os individuos e os territorios máis empobrecidos. A democracia actual cada vez está máis limitada a aspectos formais, nunha versión procedimental e elitista da mesma. Vivimos un estado de cousas onde os gobernos democraticamente elixidos teñen cada vez máis restrinxida a súa capacidade de actuación nas políticas económicas, rompendo cos compromisos adquiridos e frustrando as expectativas de quen os elixiron. A condición de cidadán muda na dun súbdito, cuxa única esfera de poder redúcese ao ámbito privado, e onde a maior liberdade é a de consumir cando dispón de medios suficientes.
Neste mundo económico global, e no estado de excepción permanente que o acompaña, os dereitos sociais vanse baleirando fronte á mercantilización da vida. Todas estas razóns esixen entender a desobediencia civil como unha figura complexa que comparte elementos co resto das outras figuras e estratexias que implican desobediencia e resistencia perante o poder. Achámonos, pois, en situación de comezar a pensar a desobediencia civil no sentido máis amplo e aberto dunha desobediencia tamén social e política.”
Pode lerse un fragmento da obra aquí.

Recomendamos: A boca de sombra, de Emma Pedreira

A boca de sombra, de Emma Pedreira, é unha obra publicada por Aira.

“Alguén está a matar as prostitutas de Putown. O medo esténdese polas súas rúas porque na cidade son elas as que gobernan, as que tomaron conta do propio corpo para que non se lucre del máis ninguén.
Unha novela desacougante e moi orixinal que utiliza os mecanismos do terror, da poesía e o humor para compoñer un universo inesquecible. Emma Pedreira pon patas arriba a literatura contemporánea cunha obra de grande altura literaria.”

Recomendamos: Contrabiografía, de Xabier López

Contrabiografía, de Xabier López, é unha obra publicada por Galaxia.

Contrabiografía non é unha biografía á contra. Máis ben é unha autobiografía inversa, unha velada chiscadela ao Everybody’s Autobiography, de Gertrude Stein, onde se nos ensinou que a mellor maneira de falar dun mesmo é falar deles, dos outros, daquelas persoas e espazos contra os que nos recortamos coma unha sombra.
Texto da estirpe dos híbridos, o motor de Contrabiografía é unha navegación río arriba, unha pescuda das orixes da memoria familiar que —co pretexto de dar conta dunha vinganza, un asasinato, unha execución, unha historia real con trazas de traxedia grega— busca e recrea pontes, rías, pasadizos e viaxes de ida e volta, do golfo Ártabro a América, deste século aos séculos pasados, para, acaso sen pretendelo, descubrir que todo é estrañamente parecido ao que nos contaron.”

Recomendamos: Así vou eu, formando parte, de Luísa Villalta, en edición de Pilar Pallarés e Eva Veiga

Así vou eu, formando parte, de Luísa Villalta, en edición de Pilar Pallarés e Eva Veiga, é unha obra publicada por Chan da Pólvora.

Así vou eu, formando parte non é só unha antoloxía que percorre a obra de Luísa Villalta para amosar as súas vertentes máis intensas, senón tamén un cofre que contén inesperados tesouros e que Eva Veiga nos ofrece xunto a Pilar Pallares con toda a súa xenerosidade. Durante meses –antes incluso de acordar a RAG dedicarlle a Villalta o Día das Letras Galegas– Pallarés e Veiga adentráronse no seu complexo mundo simbólico para amosalo no seu manto esplendente, por momentos sobrecolledor pero sempre fiel aos principios éticos que defendía.
O libro inclúe senllos textos das antólogas onde analizan, de maneira singularizada, os poemarios de Villalta ou despexan nun marco teórico a súa pulsión creadora. Da propia autora aparecen tamén pezas documentais que axudan a comprender as raíces da súa obra.
Luísa Villalta foi un alustro que cruzou o tránsito de dous séculos e nos deixou unha poesía atravesada pola busca da verdade na palabra. Entrou na arte a través da música pero “un día” decidiu anoar as cordas do seu violín –era unha experta instrumentista– e fuxiu dos palacios como as princesas para adentrarse no bosque, acirrada pola “necesidade de coñecer”. Así vou eu, formando parte, título que fai referencia a unha das frases da autora, é unha secuencia de lectura nova sobre a poesía rebelde de Luísa Villalta e, ao mesmo tempo, unha mirada documental sobre os seus procesos de liberdade creadora. Estamos ante unha poesía que lle esixe a cada poema algo máis alá do pensado.”