Recomendamos: Cerca da túa orella, de Factoría de subsistencia

Cerca da túa orella Factoría de subsistencia Cerca da túa orellaé un traballo musical de Factoría de subsistencia, grupo formado por Josito Porto (voz e guitarras) e Sabela Dacal (acordeón, pianos e voces).

“A creatividade musical das Rías Baixas e da Limia conflúen neste proxecto de Factoría de subsistencia.
Dúas persoas coas súas propias e respectivas inquedanzas artísticas. Por unha banda Sabela Dacal, ligada ao mundo das artes escénicas, sendo acordeonista-pianista de distintos grupos musicais (actualmente Xestreu e Emilio Rúa) e, pola outra banda, Josito Porto, tamén ligado a ese enganoso mundo das artes escénicas e musicais (din as malas línguas que formou parte de Korosi Dansas e Magritte entre outro proxectos de dubidosa calidade).
A complicidade entre os sons da guitarra de Josito e do acordeón de Sabela marcan un estilo aparentemente sinxelo, sen moitas complicacións, descarnado coma o sorriso nervioso de quen quere aparentar una falsa tranquilidade desde o fondo do seu pozo.
Influencias? Moitísimas e ben variadas, tan variadas como a música que escoitamos ao longo das nosas vidas e que, sen decatarnos, foron deixando a súa inocente pegada nas nosas sombras. Poden aparecer pequenas pinceladas que nos leven a pensar en Javier Krahe, SurfinBichos, Nacho Vegas, The Cure, Leonard Cohen, Albert Pla, reminiscencias folklóricas,… ou non, ao mellor simplemente quixeramos que fose así…ou non.
Somos FACTORÍA DE SUBSISTENCIA porque se trata precisamente diso, de crear, de inventar, de darlle forma ás ideas que xorden no noso interior ou ao noso redor, ás circunstancias que sobrevoan contínuamente aos nosos seres, aos comportamentos que tentan darnos leccións continuas de enfrontamento ante a vida.
A finalidade deste proceso creativo, por chamarlle dalgún xeito, busca o intercambio coa xente, co público, con alguén que pasa por aí e queda a escoitar. Darlle a ese incauto a posibilidade de compartir con nós a nana que naceu ao carón do noso corazón ou enredando coas nosas vísceras. Por suposto, sen ningún tipo de prepotencia, desde a claridade, ás veces tamén desde esa parte máis escura que todos temos.
Existe a posibilidade de mover grandes fortunas? Quen sabe, quizais si de mover a inocencia de sitio, ou de achegar aos nosos corazóns o comportamento obsceno dun asasino de nenos. Xogar, coma cando eramos uns cativos, a bos e malos. Permitirnos a chulería de rifarlle a Deus por botar tanto tempo descansando… POR QUE NON SOÑAR? E por que non imaxinar que realmente vivimos nun mundo perfecto, onde xogar cos nosos fillos, onde os nosos fillos se poidan converter nos salvadores da humanidade eliminando a Satán…polo menos ate que alguén veña alterar os nosos doces soños.
Xoguemos cos nosos pesadelos desde a melodía, desde ese neno que guía as nosas vidas, ás veces, nesa fráxil liña que o separa da perversión.
Hoxe somos dous, JOSITO PORTO e SABELA DACAL, mañá poderiamos ser LEXIÓN…
POR QUE NON SOÑAR?”

Recomendamos: Ruar. Unha aventura londinense, de Virginia Woolf

Ruar. Unha aventura londinense, Virginia Woolf Ruarlibro de Virginia Woolf, está publicado por Irmás Cartoné, con tradución de Celia Recarey e ilustracións de Carlos Valdés.

“Máis que un libro, este Ruar, unha aventura londinense é un xogo, un divertimento que as Irmás Cartoné queremos compartir coas nosas lectoras. A cousa vai así: Virginia pon as palabras, nós poñemos as liñas e vós dádeslle cor. Acompañade a Virginia neste vagaroso paseo por Londres á procura dun lapis e dádelle cor ás súas imaxes!”

Virginia Woolf Ruar 2

Recomendamos: Dun lago escuro, de Marta Dacosta

Dun lago escuro, Marta Dacosta Dun lago escurolibro de poemas de Marta Dacosta, foi publicado por Edicións Xerais.

Foi Premio Johán Carballeira 2013. A nadadora é a metáfora das mulleres e homes que atravesamos un lago escuro como o tempo que vivimos. A nadadora, de costas, fixa a súa atención na luz do ceo, prefire ignorar que por baixo da tona da auga hai un fondo escuro en que podrecen os cadáveres, en que se ocultan as verdades pestilentes. Este poemario é unha reflexión aceda sobre a implicación e a aceptación, sobre o descoñecemento e o desinterese. Os poemas do libro fálannos da mentira, do dano, da descomposición social. As imaxes, surrealistas, como soños xeroglíficos, anúnciannos a realidade. E a auga é auga sólida sobre a que transitamos en equilibrio, torrentes de auga para varrer o refugallo que nos inunda; augas quietas que nos afogan. Existe a verdade? Quen e como a constrúe? Ou vivimos na mentira dunha realidade aparente?”

Podedes ver a crítica desta obra feita por Ramón Nicolás aquí.

Recomendamos: Castelao. Atila, de Inacio e Iván Suárez

Castelao. Atila, banda Inacio e Iván Suárez Castelao Atiladeseñada de Inacio e Iván Suárez, foi publicada por Demo Editorial e Komic Librería.

Atila sitúanos a comezos de 1938, cando a Guerra Civil xa afectara definitivamente a filosofía e o pensamento de Castelao. Nunha Barcelona bombardeada pola aviación fascista italiana, o autor concede unha entrevista á xornalista e dramaturga Magda Donato (publicada no número 32 do magacín Mi Revista), na que saen a relucir anécdotas e historias da nenez, e reflexións sobre as súas obras Galicia mártir e Atila en Galicia. Podedes descargar o avance coas dez primeiras páxinas do cómic neste enlace.

Recomendamos: Fin de Festa, de Diana Varela Puñal

Fin de Festa, Diana Varela Puñal Fin de Festaobra narrativa de Diana Varela Puñal, foi publicada en Edicións Laiovento.

“Que será daqueles que non poderán deixar constancia de si? Se do que non se fala non existe, quen “existe”? Nunha época na que unicamente se valora o éxito a calquera prezo, na que futbolistas e modelos se erixiron en exemplos a seguir, esta novela é unha homenaxe ós feos, ós perdedores, ós desposuídos.
Instalados no reverso, no underground, solitarios, bebedores e vagabundos rúan como retratos de sombras polas páxinas de Fin de Festa.”

Esta é a crítica literaria da obra feita por Ramón Nicolás, no seu Caderno da crítica.