Recomendamos: Unha rapaza de provincias, de Cecilia F. Santomé

Unha rapaza de provincias, de Cecilia F. Santomé, é un libro publicado por Xerais.

“1979. Carrexando unha maleta cargada de entusiasmo, Carmen chega a unha Barcelona vibrante, moderna e chea de contrastes para pasar o verán. Coa súa irmá Pilar e o seu cuñado Gabino como guías, descubrirá os paseos polas Ramblas, os almorzos no ultramarinos do barrio, as expedicións ao SEPU, as tardes dos sábados no parque. Dunha punta a outra da cidade, daranlle a coñecer aquela sociedade libre, diversa, laboriosa, sacrificada. Abafante. Unha sociedade nos antípodas da súa aldea, tan pequena, tan pechada. Mais non todo en Barcelona é de cor de rosa. Carmen comprobarao cando busque colocación como criada nos barrios altos, para sacar uns cartiños mentres non regresa á casa. Ao servizo de señoras adiñeiradas, cociñará, fregará, escoitará moito e calará aínda máis. Aprenderá a adaptarse ao medio e a baixar a cabeza. No fin de contas, ela só está de paso. En Unha rapaza de provincias Cecilia F. Santomé recrea a Barcelona da Transición e réndelle tributo a esa emigración galega -interior, en feminino- pouco explorada e a miúdo eclipsada polas grandes epopeas transoceánicas.”

Recomendamos: Os soños de Miguel, de Manuel Iglesias Turnes

Os soños de Miguel, de Manuel Iglesias Turnes, é un libro publicado por Xerais.

“Miguel é un mozo novo, orfo de nai, que será criado polos avós baixo unha disciplina férrea baseada na autoridade propia da ditadura franquista. Despois dun misterioso accidente sufrido polo pai, Miguel vese na obriga de levar o peso do traballo que se fai na casa duns bos labradores como son os de Branco. Con todo, el nunca deixa de soñar cun proxecto de vida que lle permita habitar a aldea dignamente. Nin o desengano amoroso, nin o tráxico acontecemento que lle cambia a vida conseguirán afastalo do camiño. Tras As rapazas de Xan, un emotivo retrato do rural da Galicia de mediados do século XX, e Que non te aten, un poderoso relato protagonizado por gandeiros, Manuel Iglesias Turnes escribiu Os soños de Miguel, novela ambientada na década de 1970 para plasmar o momento en que Galicia pasaba do autoconsumo a figurar entre as zonas máis importantes de Europa en produción de leite.”

Recomendamos: As alumnas, de Paula Carballeira

As alumnas, de Paula Carballeira, é un libro publicado por Galaxia.

“Esta peza de teatro foi escrita a partir dunha proposta de Fran Rei como representante de Culturactiva
Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, volven atoparse na data da morte da mestra, no ano 1970. Xa son mulleres. Atrás queda a infancia, o mundo que lles abriu a mestra antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Así, a memoria, as lembranzas que se van desenvolvendo neste xogo de persoas adultas que é o teatro, fannos descubrir como as decisións que se tomaron, e o medo e a rebeldía, marcan o seu destino.”

Recomendamos: Os Metrosiderais, de Héctor Cajaraville

Os Metrosiderais, de Héctor Cajaraville, é un libro publicado por Oqueleo.

Os Metrosiderais é unha aventura en que as persoas marxinadas, as diferentes, as que se afastan da norma… acaban demostrando o poder da unión por riba dos prexuízos.
Estela, Kofuku, Li, Tomás e a súa cadela Lía conforman a Banda do Cigurat, un grupo de rapaces e rapazas que consolidaron a súa amizade nas clases de reforzo do instituto. Durante as vacacións de verán, os seus integrantes van verse somerxidos nunha emocionante investigación que crava as súas raíces, literalmente, na historia da Coruña, a cidade en que viven. Un astrolabio, unha viaxe en barco que partiu da Coruña hai cincocentos anos, un peculiar ancián envolto en misterio e intriga, un estraño diario e unha árbore que non debería estar aí configuran a trama desta novela; ao longo das súas páxinas, os membros da Banda do Cigurat deberán enfrontarse a un enigma que rodea a cidade herculina, e que foi pasando de xeración en xeración, ampliándose ao longo dos séculos.”