Recomendamos: Dentro da literatura, de Suso de Toro

Dentro da literatura de Suso de Toro, é unha obra publicada por Xerais.

“Este libro quere ser unha introdución á literatura, aínda que tamén debe ser o relato da conformación dun escritor. Porque escribir literatura é un oficio severo que conforma a persoa, porque un escritor é unha persoa conformada na súa natureza por ese oficio da palabra. Esta é unha visión personalísima da experiencia literaria, que Suso de Toro quixo compartir. En palabras do propio autor, «escritores e escritoras evolucionan como persoas, no curso do tempo, e como creadores literarios, no curso da súa obra e das súas porfías estéticas. Hai algún momento en que un olla atrás e hai algún momento posterior en que un comprende que a tarefa está feita: aí é cando semella natural compartir, repartir ou, simplemente, contar o vivido e o aprendido».”

Recomendamos: As ramonas, de Ana Cabaleiro

As ramonas, de Ana Cabaleiro, é unha obra publicada pola Editorial Galaxia, que obtivo o Premio García Barros en 2018.

“Mona Otero é unha muller loitadora e soñadora que persegue con ansia, e mesmo con deseperación, a súa meta de triunfar no mundo da arte. A protagonista, sancionada coa perda do carné de conducir, non pode dispoñer de coche propio, polo que depende doutras persoas para desprazarse. Toda a historia que se narra en As ramonas emana do interior de sucesivos vehículos desde os que a protagonista nos vai amosando un rosario de factores que delimitan a súa existencia: a competitividade, a autoestima, os odios, a pobreza, a familia, o abandono, as aparencias, a falsidade do éxito, a dignidade. Mais Mona Otero é só un fío do nobelo no que se vai xuntando coas outras ramonas -unhas veces complementarias, outras opostas- e a partir do cal van formando un complexo mundo de mulleres. A novela de Ana Cabaleiro é, ademais, o retrato dunha sociedade rural en mutación, cun pé asentado na tradición e nos lazos familiares e co outro alancando cara á globalización.”

Aquí pode lerse a crítica feita por Xosé Manuel Eyré en Ferradura en tránsito.

Presentación de Lúa en Ningures, de Beatriz Maceda, o 14 de marzo ás 20:00 h.

O 14 de marzo, ás 20:00 horas, Beatriz Maceda presenta o seu novo libro Lúa en Ningures, publicado por Edicións Xerais. No acto estará acompañada pola ilustradora, Laura Veleiro, e por Emma Pedreira e Eli Ríos.

“As casas da rúa que Lúa percorría todos os días para ir ao colexio, á pastelería, á tenda de xoguetes ou ao bar onde o seu avó xogaba ao xadrez empezaron a desaparecer, esnaquizadas. Lúa e a súa familia vense na obriga de fuxir do horror da guerra e instálanse en Ningures, un campo de refuxiados onde semella que xa non queda esperanza. Porén, vai ser nese lugar onde Lúa descubra cales son os valores realmente importantes na vida das persoas.”

Recomendamos: Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010), de Camilo Nogueira

Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010), de Camilo Nogueira, é un ensaio publicado por Edicións Xerais.

“O texto de Unha nación no mundo. A razón resistente abrangue o acontecido en Galiza entre 1480 e 2010. Nunha primeira parte, «Galiza no Absolutismo», considera o tempo anterior a 1810, ano en que se produce a liberación da sociedade das tropas napoleónicas. Na segunda, «A nación política contemporánea», estima o sucedido entre 1810 e 2010, nos inicios do século XXI. Para o autor, malia ter padecido no Antigo Réxime unha dominación perversa, Galiza mantivo os seus recursos vitais e a personalidade diferenciada. Á altura de 1800 contaba coa capacidade precisa para participar nas transformacións da Revolución Industrial. Era o país máis populoso entre os da Península e das Illas. No tempo contemporáneo o Estado español negou a identidade histórica e cultural do país; eliminou a Xunta do Reino; forzou unha emigración dramática e marxinou as actividades económicas do país galego, provocando unha gravísima caída demográfica. Malia todo, manifestando a «fortaleza dunha sociedade asaltada», en canto caeu a Ditadura franquista e participou na UE, a sociedade galega respirou. Pendente a superación do grave problema demográfico, conta cunha economía desenvolvida e particularmente exportadora. Nación pola historia, o vigor económico e social e a extensión universal da lingua propia, partillada con múltiples países, é quen de asumir o autogoberno como nación, como nación no mundo.”

Recomendamos: Adeus, capitán Walton, de Miguel Anxo Mato Fondo

Adeus, capitán Walton, de Miguel Anxo Mato Fondo, é un libro publicado por Edicións Embora.

“Estes relatos teñen certa inspiración autobiográfica, moi vaga, evocada, traída pola memoria íntima ou por esoutra memoria tumultuosa dos libros, a contemplación de obras de arte, a música. Memoria depurada, estilizada, de imaxes que se intercambian, que dialogan e harmonizan (ou desharmonizan) en diferentes momentos dos que, ás veces, non queda senón que un eco.
Escribir o relato como aventura interior. Nada acontece de non ser o que cada unha das personaxes leva na súa mente, o pensamento da protagonista, que agarda o remate do paseo para pecharse no seu cuarto a escribir.”

Aquí pode lerse esta entrevista ao autor en Que pasa na Costa.