Recomendamos: O spleen de París, de Charles Baudelaire, traducido por Xela Arias

O spleen de París (Pequenos poemas en prosa), de Charles Baudelaire, traducido por Xela Arias, foi publicado por Laiovento.

“Ao percibir que o poema versificado non lle permitía alcanzar a verdadeira modernidade poética, Baudelaire interesouse polo poema en prosa. Lembrando o Gaspard de La Nuit, de Aloysius Betrand, intentou «facer algo parecido, e aplicar á descrición da vida moderna, ou mellor dito dunha vida moderna e máis abstracta, o procedemento que el aplicara para retratar a vida antiga, coas súas rarezas tan pintorescas». Para realizar esta «tarefa», o poeta soñou «co milagre dunha prosa poética, musical pero sen ritmo nin rima, suficientemente flexible e contrastada como para poder adaptarse aos movementos líricos da alma, ás ondulacións do soño, aos sobresaltos da conciencia». Así naceu unha serie de poemas en prosa que Baudelaire quixo reagrupar co título de O spleen de París. Con estes «pequenos poemas en prosa», o poeta afonda tanto na cidade moderna, da que é o primeiro en tirar a poesía, como no seu «vómito confuso», revelando unha escrita pasional e intensa destinada a revolucionar a literatura poética.
O poeta retoma nestes poemas en prosa temas d’As flores do mal, como se quixese reformulalos para mergullar o lector no misterio da creación: o spleen, a muller e a morte. E o lectorado galego ten nas mans este libro de Baudelaire, traducido por Xela Arias, unidos, non só pola poesía, senón por ser ambos, seguindo a Pierre Bourdieu, unha sección autónoma da poesía francesa e da poesía galega, respectivamente.”

Pode consultarse un breve adianto aquí.”

Recomendamos: santoamaro, de Antonio Manuel Fraga

santoamaro, de Antonio Manuel Fraga, obra gañadora do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2020, está publicada por Xerais.

“Finalizado o seu derradeiro ano no instituto, unha cuadrilla de rapaces e rapazas disponse a gozar do verán tras o cal, posiblemente, os seus camiños se afastarán para sempre. Despois dunha noite de festa acaban na praia de Santo Amaro, onde prometen xuntarse nas madrugadas dos sábados para bañarse no mar e conversar. Nese único escenario van agromando as relacións e os segredos, a amizade e a traizón, os medos e as feridas. Cara ao final do verán, un terrible acontecemento dinamitará o que semellaba un grupo indestrutible e desvelará aspectos dos protagonistas ocultos até entón. santoamaro mestura libremente a narrativa co teatro para crear unha novela híbrida, na que a praia se constitúe no escenario dramático onde emerxe unha historia tan contemporánea como viva.”

Recomendamos: XelArias. Palabra á intemperie, de Emma Pedreira e Laura Romero

XelArias. Palabra á intemperie, de Emma Pedreira e Laura Romero, é unha obra publicada por Baía Edicións.

“Que é unha poeta? Como nace? Como é no colexio, na casa, na vida?
A través dunha conversa a tres bandas, Emma Pedreira e Laura Romero preséntannos a Xela Arias, poeta, tradutora, docente, letrista e, sobre todo, muller transgresora.
Poemas a dúas voces, colaxes e ilustracións para recuperar e coñecer a figura dunha das nosas voces máis interesantes e, se cadra, máis descoñecidas da literatura.
Di Emma deste libro diferente e un pouco punk:
Non quero facer unha biografía ao uso. Quero falar dunha poeta, que podería ser outra, que podería ser ata eu mesma e non, é Xela e eu con Xela ou Xela en min e, por aí, ando debullando o íntimo dos seus versos nos meus.

Emma Pedreira recita o poema da páxina 38 “ROMPER” coa música de fondo de Zënzar, grupo ao que pertence Laura Romero como baixista. Versión instrumental de Samurai, incluído no seu último traballo Benvidas ao futuro, 2019. O audio pode escoitarse aquí.”

Recomendamos: Como a roda no muíño, de Suso Lista

Como a roda no muíño, de Suso Lista, é unha obra novela publicada por Embora.

“E se vida se volve toda en desandar o Camiño que nos leve ás terras do solpor e tamén a unha orixe inimaxinable? As compañas de viaxe en nada van axudar pois son pléiade de antagonistas, mais incapaces de afogar o ánimo deste ousado camiñante. O ciclo da vida narrado como roda de muíño que xira e xira para brindarnos con mestría un mundo onde o cotián se converte moitas veces en absurdo.”

Aquí pode escoitarse unha entrevista ao autor sobre esta obra no Diario Cultural da Radio Galega.

Recomendamos: As pombas de Bastián, de María Canosa

As pombas de Bastián, de María Canosa, con ilustracións de Noemí López, é unha obra publicada por Xerais.

“Desde a fiestra da súa casa, Minia observa todos os días como un home lles dá de comer ás pombas da rúa. As aves semellan ser as súas únicas amigas, mais a rapaza intúe que aquel home agocha unha maxia especial tras a soidade en que semella vivir. Por iso a nena toma unha decisión: achegarse a el. A partir do primeiro encontro prenderá neles a ilusión que vai alumear unha fermosa amizade.”