Recomendamos: Mercedes Tella Comas. Mestra e directora da Escola Normal de Mestras da Coruña, de Ana Romero Masía

Mercedes Tella Comas (1868-1934). Mestra e directora da Escola Normal de Mestras da Coruña, de Ana Romero Masiá, con limiar de Aurora Marco, é unha obra publicada por Baía.

“Mercedes Tella foi un referente destacado na vida da cidade durante o primeiro terzo do século XX e co seu traballo e actividade deu o mellor exemplo da reivindicación do papel que a muller debía ter na sociedade. Podería ter un posto merecido na historia da Coruña con so realizar o traballo docente e de Dirección da Escola Normal durante máis de 20 anos, pero non se conformou con iso senón que redobrou o seu traballo e esforzo demostrando que as mulleres podían e debían estar presentes e actuando de forma activa na vida cultural, científica e social, sen esquecer a colaboración na atención á infancia fóra das aulas ou aos presos nos cárceres.
Admiradora de Concepción Arenal, estreita colaboradora de Manuel Casás, de pensamento conservador e católico, non dubidou en defender valores progresistas en educación como a defensa da coeducación ou o papel que debían ter os libros e os xogos na educación da infancia, o que lle permitiu ser unha das más destacadas renovadoras da pedagoxía das Escolas Normais en Galicia no primeiro terzo do século XX.”

Recomendamos: A voz das últimas cigarreiras coruñesas. Lembranzas dun tempo ido, de Ana Romero Masía e Xulia Santiso

A voz das últimas cigarreiras coruñesas. Lembranzas dun tempo ido, de Ana Romero Masiá e Xulia Santiso, é unha obra publicada por Baía.

“Darlles voz ás cigarreiras. Iso mesmo debeu pensar Emilia Pardo Bazán. Darlles voz directa, non falar sobre elas ou por elas, senón que sexan elas as que falen por si mesmas. Nesta ocasión non puidemos ir á Fábrica de Tabacos —agora convertida en Audiencia Provincial— pero buscamos lugar no que encontrarnos para falar con elas. Así, ao longo de horas de conversa con Pilar, Cani, Lolecha, Mariceli, Rosi, Elena, Camocha, Matucha, Elvira e Rosalía puidemos comprobar como —pasados xa case 20 anos do peche da Palloza— seguen emocionándose cando rememoran o seu paso polos diferentes talleres, as relacións cos xefes, as festas na fábrica, as dificultades para compaxinar traballo e familia… e, sobre todo, a dor e a tristura dos últimos días como cigarreiras.”

Recomendamos: Historia da Galicia pequeniña, de César Cequeliños e Jorge Campos

Historia da Galicia pequeniña, de César Cequeliños e Jorge Campos, é unha obra publicada por Aira Editorial.

“O pasado de Galicia como nunca cho contaron. Mapas, obxectos, acontecementos e personaxes para que nos coñezamos mellor.
Dos autores do Atlas da Galicia pequeniña.”
Aquí podes ler un pequeno fragmento da obra.

Recomendamos: A revolución en marcha, edición de Xesús González Gómez

A revolución en marcha, en edición de Xesús González Gómez, é un libro publicado por Laiovento.

“…se algunha aprendizaxe é posible extraer da Comuna é que a abolición do Estado non significaría a súa «extinción na simple xestión racional do social», senón «a posta en deliberación permanente do público» (Daniel Bensaïd). É dicir, a construción dun espazo dialéctico, dun espazo atravesado por tensións múltiples, e polo tanto aberto e liberado. A diferenza do falansterio, a Comuna non precisou proxectarse a si mesma no futuro. E na medida en que foi realmente posible, na medida en que nela o ideal da emancipación humana tivo lugar dun xeito efectivo, deixou tras dela un inxente rastro material. A este rastro pertence a extraordinaria produción imaxinaria que foi quen de xerar, dende os textos a pé de obra que recolle esta escolma ao documental de Peter Watkins, pasando polas palabras dos poetas, dos filósofos e dos novelistas, incluído o Émile Zola do Ventre de París. Escrita logo do abatemento da Comuna, Rancière ve na súa aparición o lugar dunha nova reordenación do sensible, un lugar que «celebra a épica das coles, a épica dunha nova beleza que opón á arquitectura de ferro de Les Halles e as moreas de legumes que contén, á vella beleza sen vida simbolizada pola veciña igrexa gótica». Porque a Comuna, en suma, existiu, e foi quen de transformalo todo ao seu paso, tanto a política como a estética, até o punto de que a súa lóxica non pode ser a da utopía, senón a do espectro. A Comuna non di «isto será posible», senón «isto foi posible» e a certeza da súa existencia anterior cifra a medida de calquera esperanza futura. A Comuna non pode ser replicada, pero pensar en todo o que supuxo é unha das formas nas que o pasado conflúe coa esperanza. (María do Cebreiro)”

Pode lerse un fragmento aquí.

Recomendamos: A construción mediática do conflito, de Helena Domínguez García

A construción mediática do conflito, de Helena Domínguez García, é un ensaio publicado por Axóuxere.

“A emerxencia mediática de Resistencia Galega supuxo unha batalla ideolóxica no eido político da Galiza que obrigou os partidos a posicionárense non só ante o uso da violencia senón tamén ante unha forma de entender o país. Apoiada nun compendio de literatura científica arredor de temas como o nacionalismo, a identidade, o terrorismo, a construción do discurso e a mediatización dos conflitos, Helena Domínguez aborda neste libro o tratamento desta cuestión nos medios de comunicación, axudando a comprender o conflito identitario e mais tamén o impacto que exerceu a prensa na conformación dun imaxinario terrorista que ameazaba con crebar o clixé de pobo amansado e desmobilizado recreado perpetuamente polos xornais.”

Pode lerse un fragmento aquí.

Recomendamos: Crónicas de Arteixo II, de Xabier Maceiras

Crónicas de Arteixo II, de Xabier Maceiras é un novo libro de divulgación publicado polo autor.

“Esta segunda entrega da memoria do Concello de Arteixo recolle o testemuño de numerosas personaxes e curiosidades de antano, onde se descobre a importancia das fontes orais.”

Poden verse dúas entrevistas co autor aquí e tamén nesta ligazón.

Recomendamos: Navegar é preciso. Unha breve Historia do Mundo Atlántico, de Carlos Sixirei Paredes

Navegar é preciso. Unha breve Historia do Mundo Atlántico, de Carlos Sixirei Paredes, é unha obra publicada por Ir Indo.

“O século XV marca o inicio da expansión imperial europea a escala global. Foi nesa centuria cando os europeos bordean toda a costa atlántica africana instalando alí postos comerciais e bases de fornecemento que lles permitían dominar as rutas comerciais desprazando aos árabes do comercio subsahariano; cando chegan á India establecendo a primeira ruta comercial que unía a Península Ibérica coas terras das especies e con Asia e cando descobren América convertindo ao Atlántico durante cincocentos anos no eixo arredor do que xirou toda a historia mundial. É coas expedicións dos pobos ibéricos cando o concepto de globalización comeza a tomar forma. É tamén agora cando se colocan os alicerces dos que serán os grandes imperios coloniais europeos que exportan e impoñen os seus modelos políticos, económicos e culturais na meirande parte do mundo. É tamén agora cando algunhas linguas europeas (o portugués primeiro, o español, o francés e o inglés) viran en linguaxes internacionais que hoxe son matriciais para máis de mil millóns de persoas e de comunicación global para outros milleiros. O s. XV resultou fundamental para o nacemento do Mundo Moderno. E todo comezou con Portugal.”

Recomendamos: Os restos do franquismo en Galiza, de Manuel Monge

Os restos do franquismo en Galiza, de Manuel Monge, é unha obra publicada por Edicións Laiovento.

“Nun primeiro inventario, este libro pon de manifesto que aínda quedan en Galiza sobre 600 símbolos franquistas en 87 concellos: rúas, retratos, placas, esculturas e todo tipo de distincións que exaltan, honran e distinguen golpistas, franquistas e criminais. Fundacións franquistas; malfeitores e servidores da ditadura son premiados con títulos nobiliarios; a familia Franco conserva propiedades que roubou e recibe todo tipo de privilexios; policías torturadores conservan as medallas e incrementan a súa pensión pola actividade criminal na ditadura franquista. Todo isto xa foi denunciado en numerosas ocasións por organizacións internacionais e comisións de dereitos humanos da propia ONU, sen que esas denuncias fosen atendidas polo goberno. A permanencia da simboloxía franquista é unha exaltación das persoas que participaron en 1936 no golpe de Estado contra a República e das que formaron parte dos gobernos da ditadura, colaboraron ou ocuparon cargos de responsabilidade nas distintas institucións do franquismo.”

Pode lerse un fragmento desta obra aquí.

Recomendamos: Irmandiñas, de Aurora Marco

Irmandiñas, de Aurora Marco, é unha obra publicada por Laiovento.

“Malia os tímidos avances que se produciron nas primeiras décadas do século XX, non foi nada doado para as mulleres a incorporación aos espazos públicos. As irmandiñas non foron unha excepción e a súa proxección pública foi abondo limitada se a comparamos coa dos compañeiros, mais o seu compromiso e actividades non foron en absoluto irrelevantes. Quer no activismo inicial tras o nacemento das Irmandades, quer nos coros e agrupacións teatrais, na actividade intelectual no Seminario de Estudos Galegos, no desenvolvemento editorial galego, na actividade política, no espallamento do ideal galeguista e republicano, na defensa da lingua, na escrita… Alí estaban as mulleres galegas cuxas traxectorias se recollen neste libro, para tentar cubrir un inxusto baleiro.
A través dunha pescuda perseverante en hemerotecas, arquivos, fundacións, a través de fontes orais, a autora de Irmandiñas confirmou documentalmente que na acción social, cultural e política, tamén estaban elas, mais ese mantelo tan opaco que as cubriu e que apenas deixou pasar unha raiola de luz sobre as súas vidas e accións, foinas envolvendo até a actualidade. Todas as que figuran no libro desenvolveron a súa actividade no período 1916-1936 e pódense encadrar dentro das entidades, asociacións, grupos ou organizacións que encabezan cada capítulo. Mulleres que deixaron a leira decruada e a semente botada. É tempo de recolleita.”
Poden lerse nesta ligazón o limiar e o índice da obra.

Recomendamos: A morte de Galicia, de Isidro Dubert (editor)

A morte de Galicia, coordinada por Isidro Dubert, é unha obra publicada por Edicións Xerais.

“A obsesión que o groso das elites sociais, políticas e culturais amosan dende hai máis dunha década polo suposto «inverno demográfico» que asola Galicia, coincide no tempo co inicio da quinta vaga emigratoria que sacode o país ao longo da súa historia. É a primeira da democracia, pasados trinta anos da ocorrida en 1950-1975, despois do gasto de cuantiosas axudas europeas destinadas dende 1986 a crear emprego, e afecta xa a máis de 380.000 mozos e mozas, un de cada dous con estudos medios ou superiores. A resposta das autoridades galegas a esta importante perda de capital humano e do seu potencial demográfico consistiu na difusión social do natalismo. Unha ideoloxía caracterizada por agochar a emigración e culpar os vellos e as mulleres da pronta «morte de Galicia». Fronte a isto, este libro é un exercicio de «historia crítica» que contrasta o pasado e o presente, o que foi e o que se nos di que é, e será, Galicia. O resultado amosa a enorme capacidade que a vellez e a emigración supuxeron para vertebrar a nosa historia, e xa que logo, para configurar o presente que estamos a vivir. Un presente que, coma o noso futuro, nada ten que ver con esa «morte de Galicia» predicada polos partidarios do natalismo.”