Presentación de Lingua, poder e adolescencia, de Miguel Rodríguez Carnota, o 30 de xuño, ás 20:30 h.

Lingua, poder e adolescencia, de Miguel Rodríguez Carnota, é un libro publicado por Xerais. O 30 de xuño, ás 20:30 horas, presentarémolo na Libraría Sisargas, coa presenza do autor, acompañado por Xurxo Souto.

“O idioma galego esmorece entre a mocidade e cómpre preguntarse por que. Lingua, poder e adolescencia quere contribuír a desvelar as causas do declive. Este libro de Miguel Rodríguez Carnota, que parte dunha tese doutoral co mesmo título, é un estudo da biografía lingüística de dez rapazas e rapaces galegofalantes no medio lingüisticamente hostil dunha vila e un instituto do noso país. Os seus relatos, radiografados a través de técnicas de análise do discurso, sitúannos enteiramente fóra do paradigma oficial do «bilingüismo harmónico». Hai ataques, padecementos, renuncias, resistencias, pequenos triunfos e amargas derrotas onde o que menos abonda é a «cordialidade lingüística» que habitualmente se proclama como emblema de Galicia. É dicir, na práctica existe unha incomprensible oposición a querer facer do galego unha lingua tan normal coma calquera outra.”

Recomendamos: O povo improvisador, de Séchu Sende

O povo improvisador, de Séchu Sende, é un libro publicado por Através.

“Este livro está escrito mas fala de poesia oral. Fala de mistérios, aventuras e curiosidades do repente galego, um mundo cheio de oportunidades para mudar a realidade do século XXI com as vozes, as músicas e as palavras do povo. Improvisar implica abrir caminhos novos, fugir dos tópicos, com criatividade e rebeldia. Porque se fizeres o que sempre fizeste, terás o que sempre tiveste. Este livro fala sobre umha capacidade que todas as pessoas possuímos e podemos desenvolver: a poesia. O povo improvisador é umha reivindicaçom de que tu também podes ser regueifeira. O povo improvisador transmite energia para mudar o mundo através das palavras.”

Recomendamos: María Casares. A impaciencia por vivir, de María Canosa

María Casares. A impaciencia por vivir, de María Canosa, ilustrado por Bea Gregores, é un libro publicado por Bululú.

“Este libro permítenos coñecer a vida de María Casares. Aclamada e admirada como actriz en Francia, sobrepúxose ás adversidades que lle tocou vivir na súa vida persoal; a Guerra Civil e o exilio, o amor tempestuoso e tráxico con Albert Camus -un home casado e un dos intelectuais franceses máis importantes da primeira metade do século XX-, ou a morriña pola infancia feliz en A Coruña, foron o alimento da súa tenacidade por prepararse e estudar no teatro até chegar a converterse nunha icona mundial da interpretación e unha auténtica diva no senso máis amplo da palabra.”

Recomendamos: A unidade e a harmonía da realidade. Complexidade e ecoloxía, de Victorino Pérez Prieto

A unidade e a harmonía da realidade. Complexidade e ecoloxía, de Victorino Pérez Prieto, é un libro publicado por Galaxia.

A unidade e a harmonía da Realidade é un diálogo aberto co mundo da ciencia e do pensamento que nos anuncia unha nova maneira de situarnos como persoas e comunidade crente-relixiosa dentro da Realidade. Un ensaio apaixonado que fala de ciencia, de física, de filosofía, de teoloxía, de mística, da natureza, da creación e do lugar que todo ser humano ocupa nese conxunto un e diverso de seres, e das relacións que formamos no mundo.”

Presentación de Relatos de Cascarilla, de César Concheiro, o 10 de xuño ás 19:30 h.


Relatos de Cascarilla achéganos ás vidas de distintas persoas que comparten como escenario a cidade da Coruña.
No transcurso dos relatos acompañaremos os protagonistas por alegrías e tristezas, por amores ou soidades, por tempos pasados e tiempos por vir, e veremos como teñen en común algo máis que un lugar ou un tempo.
A necesidade de comprensión, afecto e amizade ábrese paso encarnada nas persoas que desfilan ante nós, mirando aos ollos e á nosa comprensión como seres fráxiles, resistentes, efémeros e todos eles importantes.

Recomendamos: Non penses nun elefante rosa, de Antía Yáñez

Non penses nun elefante rosa, de Antía Yáñez, é un libro publicado por Xerais.

“Aurora é nova, independente, ten traballo, amigas, vive soa na cidade, le novelas eróticas, sae cando quere e déitase con quen lle prace. Todo sería perfecto… se non fose porque na súa existencia case nada vai como debería. A súa vida cambalea, a súa parella abandonouna, foxe das súas amigas para non ter que dar explicacións e prefire manterse afastada da familia. Un día, por casualidade, Aurora coñece a Brais, un neno de dez anos, curioso, impertinente, con pinta de superdotado pero de familia desestruturada, do que non é quen de librarse. Cun extraordinario sentido do humor e abordando a fondo o tema da saúde mental, Antía Yañez relátanos a historia de Aurora, unha «millennial» autoesixente e perfeccionista que vive a súa vida coma unha voráxine que non é capaz de controlar.As páxinas de Non penses nun elefante rosa son divertidas, atrevidas, profundas, politicamente incorrectas e vertixinosas, e arrastrarán canda si moitas lectoras e lectores que lerán esta novela coma se visen unha serie sobre o tempo que vivimos.”