Recomendamos: Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez

Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez, é unha obra publicada por Galaxia.

“Nas altas esferas de poder da patria só hai psicópatas.
Neuróticos antolladizos que manifestan a súa absoluta carencia de empatía coa sociedade a través do coleccionismo de caprichos. A soidade empurra á empresaria Amalia Valverde a integrarse neste grupo de coleccionistas discretos e poderosos, mais a súa morte pon en marcha un novo reto a través da súa filla, Lara, e o seu amigo Andrés Caibo: reunilos no hotel Continente cun fin esperanzador.
Hotel para coleccionistas discretos é unha novela coral apegada á actualidade que deixa no aire máis preguntas que respostas nas súas múltiples lecturas. ¿Ata onde son quen de chegar por manter o seu status de poder os coleccionistas discretos? ¿Pode unha patria fráxil soportar os seus antollos?
Cun estilo moi persoal, onde resaltan a pulcritude expresiva e o dominio da palabra, Diego Giráldez pescuda na relación entre a literatura ficcional e a actualidade máis crúa, retorcendo a realidade con doses de humor e atmosferas delirantes.”

Pode lerse a crítica feita por Xosé Manuel Eyré no seu blogue, aquí.

Recomendamos: #NãoMeKahlo. Feminismo além das redes

#NãoMeKahlo. Feminismo além das redes, é unha obra publicada por Através Editora.

“Este livro tem a sua semente num Hashtag, #MeuAmigoSecreto, cuja intenção era chamar a atenção sobre o machismo daquelas pessoas mais próximas a nós: colegas de trabalho, namorados, amigos, chefes… e serviu para muitas mulheres partilharem os seus relatos gerando numerosas interações.
O coletivo Não Me Kahlo foi a espoleta deste Hashtag e com este livro dão continuidade à energia que gerou. Em doze capítulos, elaborados sobre sólidas pesquisas estatística e bibliográficas, analisam temas como a construção da feminilidade, as mulheres negras, o empoderamento, a sexualidade, a desmitificação da maternidade, a cultura da violação ou os padrões de beleza.”

Recomendamos: Fornelos & Fornelos: terceira fundación, de Xerardo Quintiá

Fornelos & Fornelos: terceira fundación, de Xerardo Quintiá, é unha obra publicada por Edicións Xerais.

VII Premio de poesía Manuel Lueiro Rey.
A través dunha arquitectura sólida e un universo poético enlazado na mellor tradición literaria occidental e galega, Xerardo Quintiá ofrece en Fornelos & Fornelos: terceira fundación un poemario entendido como unha proposta aberta, non pechado en si mesmo, que se revela como o fragmento dun corpo poético concibido como Obra Única. Aquí, a palabra procura redimir os espazos físicos e espirituais que o tempo converteu en ruínas, que non son outra cousa que a metáfora da propia vida. A ruína doe porque é ferida e só a través da palabra pode ser asumida dun xeito racional e á vez emotivo. Ese é o encargo do poeta: sacar á luz o que permanece agochado baixo os restos do derrubamento a través dunha escrita afastada de dogmas, que se abre ao ritmo do alento co que respira.”

Recomendamos: Un libre favor, de Chus Pato

Un libre favor, de Chus Pato, é unha obra publicada por Galaxia.

“Quen lea esta obra hase atopar coa poesía nun estadio material, de cousa. Non esa poesía que está dentro dunha urna e non se pode tocar. Ao contrario, a sensación da apalpar algo maleable e ao tempo firme, sereno e desacougante, inasible e propio. A sensación dunha apropiación que non é propiedade. Poesía cun ton e unha intención, cunha forma e unha música que, con distorsións e melodías varias, se escoita como tal. A materia poética como iso que podemos tocar e nos afecta mais do que non nos podemos apropiar. Esa é a finalidade dos obxectos: deixar de amosarse como un mecanismo puro, darse a quen os contempla, a quen por iso parecen facerlle un favor libre, desinteresado. A beleza á o indicio desa relación.”

Aquí pode verse unha entrevista á autora na Televisión de Galicia.