Recomendamos: Lapis na noite, de Ramón Nicolás

Lapis na noite é o novo libro de Ramón Nicolás, publicado por Xerais.

Lapis na noite bebe no pozo da memoria de Galicia e Arxentina para percorrer épocas convulsas en que as ditaduras aniquilan as ilusións de liberdade, aquén e alén do océano. Achégase ás vivencias do exilio, revela as descubertas que supón o descoñecido e afonda no esgazamento interior que xera mergullarse nunha nova identidade. Ao tempo, focaliza a atención nas vidas e familias truncadas polo franquismo e, sobre todo, naquelas que protagonizou unha mocidade combativa e esperanzada que, por acreditar nun mundo mellor, caeu nas gadoupas da maquinaria represiva da ditadura cívico-militar arxentina (1976-1983). Porque a memoria do que os lapis escribiron nunha noite indigna segue viva e aínda nos ilumina, é este un libro que quere pasar a man por algunhas das cicatrices máis recentes dunha historia pola que circulan numerosos ríos subterráneos que, ao saíren á superficie, amosan un caudal conformado por pequenos e grandes exemplos de heroísmo, amor e resistencia.”

Recomendamos: Coas miñas mans, de Pablo Díaz

Coas miñas mans é o novo libro-disco de Pablo Díaz, publicado pola Editorial Galaxia, con ilustracións de Lucía Cobo.

“Podo debuxar, contar, sentir… Música para aprender os números, as cores, as comidas… pero tamén para cantarlle á lúa, á primavera… Cancións divertidas para medrar con alegría!”

Recomendamos: The making of, de Xavier Alcalá

The making of, é a máis recente obra narrativa de Xavier Alcalá, publicado pola Editorial Galaxia.

“Un innominado escritor de profesión allea á literaria recibe dun compañeiro de traballo a petición de que investigue sobre a morte do seu avó na Patagonia.
O azar, que marca os fitos da narración, fai que o escritor sexa amigo do Cholo, un xornalista galego con boas relacións naquelas latitudes. Dese xeito, o escritor vai descubrindo a historia de Alfredo Mosquera, o Coghomelo, un emigrante e delincuente no Buenos Aires da década de 1930, xogador e servidor de “casa de tolerancia”, colaborador cos círculos de apoio ao Terceiro Reich na cidade de Comodoro Rivadavia durante a Segunda Guerra Mundial. Xavier Alcalá consegue trazar maxistralmente nesta novela o retrato dun sobrevivente, dun xogador de fortuna, un pícaro, sen perder un ápice de autenticidade e viveza, enguedellando o lector na que é a aventura oculta da emigración galega na Arxentina. Sarcástica, corrosiva, ás veces brutal, The Making of dá conta -nunha esmorga consagrada ao pracer de narrar- de como os fíos da literatura de cerna se tecen coas febras do Mal.”

Recomendamos: Vidas culpáveis, de Borxa Colmenero

Vidas culpáveis. O controlo neoliberal do crime, de Borxa Colmenero, é un ensaio publicado por Edicións Laiovento.

“As instituições de encerramento prototípicas da sociedade disciplinar, tais como a fábrica, a escola ou o cárcere, em que o indivíduo ficava ao dispor do poder para a sua correção, foram incapazes de cumprirem o seu objetivo principal, perante a implosão dum modelo social em que um número crescente de vidas acabou por ficar de fora da institucionalidade. A deslocalização da produção, a terceirização da economia ou a deterioração das agências welfaristas tornaram, então, obsoleta a espessa rede de mecanismos de controlo próprios do disciplinamento. Ora, também não nos encontraríamos na atualidade perante um capitalismo desorganizado ou irracional incapaz de reconduzir a situação sem recorrer à repressão, senão, antes bem, perante uma racionalidade de governo que extravasa os tradicionais marcos da punição estatal. Por outras palavras, não voltamos a um Estado essencialmente punitivo, mas a um modo de governo que, acima de tudo, aquilo que busca é administrar eficaz e eficientemente o seu corpo social.”

Pode lerse o inicio da obra aquí.

E nesta ligazón ao seu blogue O funambulista coxo, pode accederse á crítica realizada por David Rodríguez.