Recomendamos: Cociñando con Bolboretas no bandullo

Cociñando con Bolboretas no bandullo é un libro publicado por Edicións Xerais, obra de Diana Fernández Gómez e David Díaz Díaz, ilustrado por Iván Rodríguez Castro.

“En Cociñando con Bolboretas no bandullo cada receita garda una historia, pequenos relatos que vos engaiolarán, moito sabor e, sobre todo, moita, moita diversión. Metemos as mans na masa, xogamos coa comida, argallamos pratos sorprendentes e só de pensar nos resultados … non podemos parar de babexar. Entre estas páxinas agóchanse momentos para gozar e sabores por conquistar. Adiante, bolboreteiras e bolboreteiros. Agardámosvos con moita ilusión. Podedes seguir todo o proceso de elaboración das receitas na nosa canle de YouTube a través dos códigos QR que aparecen en cada unha delas.”

Recomendamos: Todo isto antes era noite, de Lucía Aldao

Todo isto era antes noite é o primeiro libro publicado por Lucía Aldao, editado por Apiario.

“Di Lucía Aldao “Todo isto antes era noite é un libro que abre tantas cousas como pecha, que ilumina ensombrece a partes iguais. Nel trázase o mapa da aprendizaxe sentimental, e hai unha ruta nocturna que atravesa o mellor e o peor das relación coas demais e comigo mesma. Todo isto antes era noite é un paseo pola intimidade, é entrar e saír. Vas ter que ir de cañas coa autora deste libro.”
Por que ler?
– Porque os seus versos saben á verdade do íntimo e do amor.
– Porque a noite é un percorrido vital que atravesa as rúas.
– Porque os collages de X. Carlos Hidalgo abren a porta ao misterio e son incógnita.
– Porque Todo isto antes era noite é o primeiro poemario dunha poeta imprescindíbel.”

Recomendamos: O bolseiro de Ingatex, de Marcelino Fernández Mallo

O bolseiro de Ingatex, de Marcelino Fernández Mallo, é a nova entrega narrativa do autor, publicada por Edicións Do Peirao.

“O decano de Económicas da Universidade da Coruña morre nun brutal accidente. Guillerme Andrade, bolseiro de Ingatex, acode ao comisario Pardo para denunciar á multinacional galega como causante da morte de decano. A medida que avanza a investigación, os sospeitosos irán multiplicándose. O bolseiro de Ingatex amplía as fronteiras da novela policiaca e penetra nas relacións tantas veces treboentas que se crean entre as grandes empresas e a sociedade. O relato, escrito en clave de parodia, presenta conflitos entre nova e vella política, entre Policía Nacional e Garda Civil, entre bolseiros e altos executivos, e entre o cidadán do común e o criminal. A historia vaise nutrindo de sucesos imprevistos que no conseguirán alterar, sen embargo, o equilibrio imperante na comunidade.”

Recomendamos: As voces da auga, de Ánxela Gracián

As voces da auga, de Ánxela Gracián, é un libro publicado por Baía Edicións, gañadora ex aequo do VIII Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil en 2018.

As voces da auga destaca pola calidade de lingua empregada, a orixinalidade da proposta e o intenso labor de recreación dunha sociedade xeográfica e culturalmente tan distante como a chinesa. As voces da auga relata unha historia de supervivencia e de aposta pola vida nun contexto histórico especialmente complexo, máis alá dos convencionalismos.
Neses instantes, no interior do río, Li sentíase tan transparente coma o cristal. Entón, como polas noites antes de adormecer, podía escoitar de novo con nitidez as voces da auga, como unha chamada que non a enxordecía coa súa cantilena monótona de ave de paso, senón que lle infundía esa forza descoñecida das ondas que galopaban, propiciando que ela tamén formase parte dese mundo líquido e poderoso que, alí no fondo do val, se arrastraba lento coma unha búfala preñada, porque era alí, precisamente naqueles remansos, onde a voz do río berraba arrastrando consigo tamén a fondura dos cavorcos da terra.