Recomendamos: A revolución en marcha, edición de Xesús González Gómez

A revolución en marcha, en edición de Xesús González Gómez, é un libro publicado por Laiovento.

“…se algunha aprendizaxe é posible extraer da Comuna é que a abolición do Estado non significaría a súa «extinción na simple xestión racional do social», senón «a posta en deliberación permanente do público» (Daniel Bensaïd). É dicir, a construción dun espazo dialéctico, dun espazo atravesado por tensións múltiples, e polo tanto aberto e liberado. A diferenza do falansterio, a Comuna non precisou proxectarse a si mesma no futuro. E na medida en que foi realmente posible, na medida en que nela o ideal da emancipación humana tivo lugar dun xeito efectivo, deixou tras dela un inxente rastro material. A este rastro pertence a extraordinaria produción imaxinaria que foi quen de xerar, dende os textos a pé de obra que recolle esta escolma ao documental de Peter Watkins, pasando polas palabras dos poetas, dos filósofos e dos novelistas, incluído o Émile Zola do Ventre de París. Escrita logo do abatemento da Comuna, Rancière ve na súa aparición o lugar dunha nova reordenación do sensible, un lugar que «celebra a épica das coles, a épica dunha nova beleza que opón á arquitectura de ferro de Les Halles e as moreas de legumes que contén, á vella beleza sen vida simbolizada pola veciña igrexa gótica». Porque a Comuna, en suma, existiu, e foi quen de transformalo todo ao seu paso, tanto a política como a estética, até o punto de que a súa lóxica non pode ser a da utopía, senón a do espectro. A Comuna non di «isto será posible», senón «isto foi posible» e a certeza da súa existencia anterior cifra a medida de calquera esperanza futura. A Comuna non pode ser replicada, pero pensar en todo o que supuxo é unha das formas nas que o pasado conflúe coa esperanza. (María do Cebreiro)”

Pode lerse un fragmento aquí.

María Canosa asina a súa obra Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, o 23 de abril ás 17:00 h.

O venres, sexta feira, 23 de abril, de 17:00 a 18:00 horas, María Canosa asina exemplares da súa obra Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, publicada pola Editorial Bululú, con ilustracións de Bea Gregores. Será na Libraría Sisargas (Rúa San Roque, 7, baixo, A Coruña).

“Este libro busca achegar a todos os públicos, aínda que especialmente aos nenos, a figura polifacética de Emilia Pardo Bazán a través de momentos da súa apaixonante vida. Sorprenderanos a nena curiosa e gran lectora, a muller namorada e independente e a autora de carácter, rebelde ao rol que se esperaba de toda dama nun ambiente social e familiar privilexiado. A través da lectura, o estudo e unha capacidade de traballo infinita, conseguiu ser recoñecida no seu tempo sobrepoñéndose, en non poucos momentos, ao desdén de moitos compañeiros e académicos mentres era recoñecida, nacional e internacionalmente, por público e crítica.
A ilustración, creada cunha particular utilización de técnicas tradicionais que combinan debuxo e cores acrílicos de gran forza, inspírase e apoiase, ademais de nos textos sinxelos e ben documentados de María Canosa, en fotos e noticias da época, así como en monumentos e edificios que aínda existen hoxe, buscando recrear o ambiente e lugares que frecuentou a autora cunhas imaxes moi recoñecibles e atractivas.”

Recomendamos: Identidade, de Nee Barros Fernández

Identidade, de Nee Barros Fernández, é unha obra de teatro publicada por Galaxia.

“Unha obra de teatro que fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade. O simple acto de nacer marca a nosa vida nun molde que a sociedade se encarga de contornar e puír. Mais, que pasa se nacemos nun molde “equivocado”?
Zé, o noso protagonista, vive unha historia chea de valentía, loitando a contracorrente por construír a súa propia identidade. Coa complicidade dos seus amigos e a súa familia, percorrerá un camiño en que moitas vendas negras, que tapan os ollos e a alma, caerán ao chan. Rompendo todos os moldes, Zé será quen de amosarlle a todas as persoas que dá igual como te vexan os demais. O máis importante é como nos sentimos nós, ser quen queiramos ser e seguir sempre o que dite o noso corazón.”

Recomendamos: Non te amola!, de Xela Arias

Non te amola!, de Xela Arias, con ilustracións de Luz Beloso, é un libro inédito até este 2021, publicado por Galaxia.

“A súa primeira achega á narrativa; un texto que é unha biografía emocional dunha infancia que se proxecta, vizosa, cara aos nosos días. Unha descuberta dunha sensibilidade magnífica. Un acontecemento literario que se abeira, ademais, ao traballo dunha grande ilustradora como Luz Beloso.”

Recomendamos: Nus, de Manuel Gago

Nus, de Manuel Gago, é unha novela publicada por Xerais.

Segundo comenta o autor: “Trátase dunha novela na que exploro novos rexistros literarios. Está contada en primeira persoa por unha personaxe, Toño Figueroa, complexa, difícil e dun mundo que non é frecuente na literatura galega: a clase medio-alta ou a clase alta do país, de onde xurdiu a clase dirixente que gobernou esta terra a pé de obra. Vemos a transición entre o franquismo e a democracia a través dos seus ollos, nada nostálxicos: pero non é unha transición política, senón sobre todo unha transición moral, da que el participa dun xeito pouco frecuente. A través da súa voz, accedemos ás confesións que el nunca faría en público: os seus encontros sexuais e sentimentais da mocidade, e como acabaron converxendo coas reivindicacións nudistas de primeiros dos anos 80.
As miñas lectoras e lectores recoñecerán en Nus algunhas claves (algunhas personaxes) das miñas novelas anteriores. Mesmo os máis antigos dos lectores atoparán as conexións entre unha palabra manuscrita miña de Vento e Chuvia e un lugar desta novela… todo está pensado ou escrito desde hai moito tempo, aínda que as obras pareza que non teñen moito que ver.

Aquí vai a sinopse:
Na madurez, Toño Figueroa, vástago da última aristocracia do país, mantén unha dobre vida na intimidade da súa memoria. Lembra a diario as súas primeiras veces e habita sen descanso a pasada mocidade: o sexo, as grandes mentiras familiares, os trens que se foron perdendo… Toño móvese con cinismo e incredulidade no convulso ambiente político da Galicia de principios dos oitenta; a súa conciencia social remata no seu propio corpo e no das mulleres coas cales aprende a descubrilo. Ou iso nos quere facer crer. Ata que Toño e os seus amigos chegan á solitaria praia de Calabarda, un paraíso aberto ao océano onde se pode ser libre dun xeito novo: sen roupa. Nun extremo da praia, os arqueólogos descobren un castro ancestral. Noutro, os veciños soñan con leiras de millo en que agromen os chalés. E no medio, Toño únese a unha grea de nudistas dispostos a todo para manteren os seus coiros ao sol. Manuel Gago ofrécenos en Nus un retrato irónico e irreverente da contraditoria Galicia dos primeiros 80 a través das aventuras sexuais dun crápula tan cínico como tenro.”