Recomendamos: Tempo fósil, de Pilar Pallarés

Tempo fósil, de Pilar Pallarés, está publicado por Chan da Pólvora.

Tempo Fósil móstranos a unha autora núa deglutindo, en corenta e seis páxinas, a (non) memoria dun tempo (a penas) vivido, que deixa un sabor como a ferruxe, a algo non-vivo pero que renxe dentro (a infancia – a casa – os pais – o pai…).
Así, Pallarés non ofrece concesión algunha, non o precisa, ó longo dun texto tan duro como auténtico e inspirado. Se co Livro das devoracións (Espiral Maior, 1996) deixou unha clara estela en moitas escritas que viñeron despois, e ate hoxe: Tempo fósil sitúa a poeta, de facto, nese espazo das inesquecíbeis.
As lectoras, ademais de alucinarnos nos versos, levaremos con nós un deses libros que sempre se deixa á vista, grazas ó estupendo traballo editorial ó que nos teñen acostumadas dende a Chan da Pólvora Editora: todo un sutil diálogo co texto de Pilar, que invoca, no azul escintilante da portada, a ese tempo pausado da lectura (…)”

Pode lerse aquí a recensión de Clara Vidal en A que cheira, papá?

Recomendamos: Senlleiras, de Antía Yáñez

Senlleiras, de Antía Yáñez, é a obra que obtivo o Premio Illa Nova de Narrativa, publicado en Galaxia.

“A novela das mulleres que rachan co silencio.
Unha influencer sobe unha foto ás redes sociais onde aparece unha man fantasma. Xusto unha semana máis tarde, a moza é atopada morta.
A partir deste fío técense as vidas de varias mulleres de diferentes séculos. Mulleres que tiveron que vivir as súas vidas supeditadas ás dos seus homes, baixo as estritas normas non escritas (ou si) que as sinalaban como inferiores. Mulleres que, cando intentaron recuperar o único que lles pertencía por dereito, a súa vida, viron como ata esta lles podía ser arrebatada.
Tempos que semellan totalmente diferentes, pero que non o son tanto. Mulleres senlleiras que merecen ser lembradas.”

Pode escoitarse á autora falando sobre esta obra na seguinte ligazón.

Recomendamos: Teoria da imagem, de Manuel Cebral Loureda

Teoria da imagem é un ensaio de Manuel Cebral Loureda, publicado por Axóuxere Editora.

“Embora a imagem seja cada vez mais comum, mesmo omnipresente nas nossas sociedades, sobretudo nas últimas décadas, a sua relação com a lógica e o pensamento ainda pode não ter sido esclarecida e liberada de maneira suficiente. Desde a presença da imagem em nossas mentes, até a sua utilização na televisão, nos média ou na arte contemporânea, o autor tenta vincular todos esses registos com um mesmo fato, não necessariamente estético, mas que pensa um horizonte imagético e imaginário no que um devir possível (nos) aconteça individual e comunitariamente.”

Pode lerse un fragmento desta obra aquí.

Recomendamos: Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia, de Montse Pena Presas

Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia é unha obra de Montse Pena Presas, publicado por Laiovento.

“Que libros demostran que os feminismos deixaron a súa pegada nas obras literarias para nenas e nenos? Que grupos de mulleres comezaron a traballar a prol da coeducación e dunha literatura igualitaria en Galicia? Velaquí as dúas preguntas a partir das que nace este ensaio. Un ensaio que quixera abrir ventás, recuperando nomes de activistas, de críticas e de autoras, mais que sobre todo pretende afondar nalgunhas obras que apuntan determinadas tendencias, mostrando que os feminismos serviron na literatura infantil para que aumentasen as rapazas protagonistas (e os xeitos de selo) que aparecían nas obras literarias e para reivindicar e reler escritoras.
Ademais, as angueiras das mediadoras e das autoras feministas permitiron cuestionar a calidade e os valores das narracións destinadas á infancia e á mocidade, posibilitaron novas temáticas, deron presenza aos personaxes LGBT ou privilexiaron outros xeitos de ser nenos e mozos que escapasen aos corsés do xénero. Todo isto facilitou a creación dun lectorado máis crítico, máis imaxinativo e tamén máis empático. Por isto, este é un libro sobre libros que pensa que a literatura aínda pode cambiar o mundo.”

Pode lerse un fragmento aquí.