Recomendamos: Como escorrentar un lobo, de Antonio Manuel Fraga

Como escorrentar un lobo, de Antonio Manuel Fraga, é unha obra publicada por Cuarto de inverno.

“Ano 1944. Nunha Polonia ocupada polos nazis, Noncia rescata dúas crianzas xudías do seu tráxico destino e agóchaas na súa casa. Para as axudar a combater o medo, relátalles unha incrible aventura que viviu na súa infancia, cando percorría os camiños acompañando o tabor xitano ao que pertencía. A historia trasládaos ao corazón do misterioso bosque de Białowieża, onde a familia de Noncia, tras extraviarse no medio dunha treboada, chega á vila secreta de Polana Wilków, o fogar dos Neuri. Alí coñecerá as distintas criaturas fantásticas que se agochan no bosque e aprenderá a mirar o medo cara a cara.
Como escorrentar un lobo é unha aventura chea de misterios co arrecendo das lendas contadas baixo a luz dunha candea.”

Recomendamos: As chaves do tempo, de Luísa Villalta

As chaves do tempo, de Luísa Villalta, é unha obra reeditada por Cuarto de inverno.

“Nun tempo imaxinario na Galiza, houbo un rei que tivo fama de nobre, xusto e de bon corazón. Durante o seu reinado, nada faltou ás xentes. Este rei chamábase Arturo e tivo dous fillos, Afonso e Pedro. O monarca non quería decidir quen dos infantes o sucedería no trono, así que chamou o seu máis fiel confidente, o sabio Merlín, quen axudou a dar solución. Fixéronse dúas chaves idénticas, unha de ouro e outra de ferro, que o propio rei entregou aos seus fillos. Ambas as dúas abrían as portas do reino, mais só a primeira traería a fortura. Esta é unha historia de amor, de traizón, de xustiza, de loita e de futuro, o noso futuro.”

Recomendamos: Burbullas de calma serena, de Andrea Maceiras

Burbullas de calma serena, de Andrea Maceiras, é unha obra publicada por Cuarto de Inverno.

“Casiopea é unha gata doméstica, pouco afeita ás aventuras. Non pode imaxinar que será a primeira gata de Agarimo en ver un alien, tampouco que o acollerá na súa casa nin o desastre que se vai formar.
Do outro lado da rúa, Alma vive con ansiedade a chegada dos seus tres terribles curmáns. Noa está sempre enfadada, Luc non para de chorar e Nico só cala e observa. Así é imposible concentrarse nos deberes de matemáticas!
Malia todo, Agarimo non é un lugar tan tranquilo como parece… E un alien capaz de fundir todas as luces da urbanización cando perde os nervios non é un segredo fácil de agochar.
Se cadra, no planeta Sosego teñen razón e a calma é a solución perfecta.
O problema é que, ás veces, as emocións estouran coma burbullas.”

Recomendamos: Nom estamos quebrades, de Nee Barros

Nom estamos quebrades, de Nee Barros, V Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil, é unha obra publicada por Cuarto de Inverno.

“Depois de romper com o seu moço, Eva, estudante de filologia, começa a questionar a sua sexualidade, o seu jeito de relacionar-se com es demais e sente a pressom do entorno por encaixar. Porém, com a ajuda do seu melhor amigo e outras persoas que topa no seu caminho, começa a entender o que lhe está a acontecer. Nom estamos quebrades é umha novela sobre a amizade, sobre a importáncia de tecer redes, sobre aprender e construir, sobre querer e querer-se, sobre entender que nom há nada de errado em nós.”

Recomendamos: O segredo de Al’eume, de Pilar Ortega Pereiro

O segredo de Al’eume, de Pilar Ortega Pereiro, é un libro publicado por Cuarto de Inverno, que obtivo o IV Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil.

“Despois do accidente en bibicleta da súa irmá Teba, nunha visita ao mosteiro de Caaveiro, Xiana ve como os seus problemas van en aumento e conseguir os cartos para a carísima operación da nena convértese no obxectivo familiar. Presionada polo segredo que agocha en relación co accidente, embárcase, xunto coa súa amiga Lúa, na procura dun suposto tesouro, tras o que andan tamén o seu tío, uns investigadores da Universidade de Oxford e un compañeiro de instituto. Quen conseguirá dar co tesouro de Al’eume?”

Recomendamos: As palabras están a mirarse arredor da mesa, de Antonio García Teijeiro

As palabras están a mirarse arredor da mesa, de Antonio García Teijeiro, é un libro publicado por Cuarto de inverno.

“Partindo dun verso de Gioconda Belli, que o autor emprega no título da obra, Antonio García Teijeiro reivindica o esforzo e dedicación do poeta por chegar á palabra exacta en cada verso, procurando a perfección a través dunha poesía que busca ser catalizadora dos sentimentos e da memoria.”

Recomendamos: Os libros que hai en min, de Emma Pedreira

Os libros que hai en min, de Emma Pedreira, é unha obra publicada por Cuarto de Inverno.

“Cando unha pensa que un día sen ler é un día perdido, o fai en calquera parte e o comparte nas redes sociais, corre o risco de que unhas editoras atentas e curiosas lle pidan algo así como unha “biografía bibliográfica”. Un ensaio que percorra a vida dunha bibliópata desde a infancia ata os, poñamos por caso, corenta anos; desde que odiaba ler ata chegar ao punto de desexar non parar de facelo, no que conte as súas vivencias arredor desas obras que supuxeron un antes e un despois. Un texto cheo de humor, amor, anécdotas, digresións e libros. Os libros que hai en Emma Pedreira.”

Recomendamos: As mil vidas de Dorotea, de Lorena Conde

As mil vidas de Dorotea, de Lorena Conde, é unha obra publicada por Cuarto de inverno.

“Nenas e nenos! Señoras e señores!
Permanezan en silencio e apaguen os seus teléfonos.
Nuns intres, dará comezo a peza teatral As mil vidas de Dorotea.
Prometemos que durante os tres actos que forman esta obra, pasarán por un feixe de estados de ánimo e, ao mesmo tempo, coñecerán a historia de Dorotea Bárcena, a mestra, actriz, dramaturga e muller brava, que traballou moito e moi duro por facer o que máis quería: teatro.
Pasen e lean!”

Recomendamos: Velloucas & Minchas, de Lorena Conde

Velloucas & Minchas, de Lorena Conde, que gañou o III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, é un libro publicado por Cuarto de inverno.

“Despois do “suceso”, a Sofía non lle queda outra que ir pasar parte do verán ao piso da súa avoa Rosa en Veigamoa, onde parece que nunca acontece nada. Unha vez alí, a rapaza decátase de que o ambiente na vila está enrarecido, de que a xente escapa da súa avoa e das súas amigas cando van pola rúa, de que reciben chamadas telefónicas no medio da noite e de que sofren actos vandálicos no edificio. Coa mosca detrás da orella, Sofía decide pescudar. Non lle gusta nada o que descobre, se hai algo que non pode soportar, son as inxustizas.
Coa axuda da súa mellor amiga Gabri e as boas persoas da vila, trata de resolver o sarillo no que está metida a avoa Rosa e mais as súas amigas e veciñas Gloria e Lita. Conseguirano?”

Recomendamos: SuperUlex, de Susana Sanches Arins

SuperUlex, de Susana Sanches Arins, é unha obra publicada por Cuarto de inverno.

“A químio afastou a Clara da sua escola durante semanas, mas ao regressar, tudo nela mudou. Já não é a mesma e não pode ficar indiferente perante as injustiças e atropelos que acontecem à sua volta, venham de quem vier. A sua força e reflexos viram-se afetados de jeito descomunal, tanto que nem ela mesma é capaz de os controlar. Deixou de ser Clara para se converter, com a ajuda da avó Rorita e da tropa fandanga, em SuperUlex, a heroína que todas estávamos a aguardar.”