Paseo literario con Xurxo Souto: Tras das pegadas do Antigo Gremio de Mareantes, o sábado 24 de novembro

Desde a Axenda Cultural da AELG:

“O sábado 24 de novembro, con saída ás cinco da tarde desde o adro do antigo templo dos mariñeiros, a actual igrexa castrense de Santo Andrés da Coruña, e con asistencia é libre e aberta á cidadanía, terá lugar un paseo que fai parte das actividades do obradoiro Historias da cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, dirixido por Xurxo Souto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e financiado pola Deputación Provincial da Coruña.
Para participar deste itinerario non é necesaria inscrición previa, unicamente cómpre achegarse á coruñesa igrexa de Santo Andrés o sábado 24 ás cinco da tarde e sumarse ao percorrido para coñecer un pouco máis da Coruña literaria e mariñeira. Dende alí principiarase un percorrido pola Pescadería e a Cidade Vella na procura dos elementos –de tan cotiáns invisibles- que seguen a significar a importancia na Coruña do antigo gremio. Terá unha duración aproximada de dúas horas.

DO ANTIGO GREMIO DE MAREANTES
Durante toda a Idade Media a agrupación gremial máis poderosa da Coruña foi a dos mariñeiros: o Antigo Gremio de Mareantes. A comezos do século XVI participaban nel máis de 600 confrades coas súas respectivas familias. A súa igrexa deu nome á rúa máis importante da Pescadería: Santo Andrés. E o día do patrón -conforme recollían as ordenanzas- corenta mariñeiros novos alí bailaban unha danza gremial na súa honra.
No ano 1589 o corsario Drake queimou o hospital e a igrexa dos mareantes. No incendio perdéronse arquivos, ordenanzas e privilexios, e con eles a propia memoria da importancia deste gremio. No século XIX un home de negocios comprometeuse a restaurar a igrexa para os mariñeiros, mais ao final quedou coa propiedade do templo. Chamábase Eusebio da Guarda.
Afortunadamente nos últimos anos do pasado século o historiador Santiago Daviña, tras múltiples pescudas polos arquivos, foi quen de recuperar documentos e ordenanzas. Claves preciosas para poder interpretar as pegadas que os mariñeiros deixaron polas rúas da Coruña. A cidade, ese libro que, como di Agustín Fernández Paz, se le camiñando.

Este percorrido fai parte das actividades do obradoiro de creación literaria Historias da cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, que imparte o escritor Xurxo Souto no Club do Mar de Santo Amaro nos meses de novembro e decembro, e que se inscribe dentro do programa Escola de Escritoras e Escritores da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), iniciativa coa que se pretende animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, particularmente a relacionada co mar, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade. Outro dos obxectivos é o de dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.”

Obradoiro de creación literaria Historias da Cidade-Barco. A Coruña, capital do mar, con Xurxo Souto

Desde a Axenda da AELG:

Co título Historias da cidade-barco. A Coruña, capital do mar, a Escola de Escritoræs da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega pon en marcha o seu sexto obradoiro. Co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a colaboración do Club do Mar de Santo Amaro, o escritor Xurxo Souto desenvolverá a partir do venres 9 de novembro, en 8 sesións, un obradoiro aberto á maiores de 16 anos, cos seguintes contidos:

– Todos os grandes ciclos míticos do mar recalaron na Coruña.
– Don Emilio González López e a ruta do “curricán”. A historia da cidade contada polos camiños do mar.
– Do antigo gremio de mareantes.
– Toponimia e talasonimia do mar da Coruña.
– Os homes mariños do Orzán e o Tritón de Lisboa.
– A outra banda do Muro: Terranova e Gran Sol.
– A Coruña-La Habana. A cultura galego renace polos camiños do mar.

A inscrición, gratuíta, farase por orde de solicitude até completar as 20 prazas dispoñibeis, a través dos seguintes medios:
– Correo electrónico: oficina@aelg.org
– Teléfono: 981 133 233 (luns a xoves, de 08:30 a 14:30 e de 15:30 a 18:00; venres, de 08:30 a 14:30 horas).

Con esta iniciativa, a AELG desenvolve un dos seus obxectivos: dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.

Cando lle preguntaron a Staffan Mörling por que viñera a vivir a esta fin da Terra, o erudito sueco respondeu rotundo: Un momentiño, Galiza non é un fin da Terra, é un centro do mar.
Unha declaración que se vira especialmente propia cando falamos da Coruña. A cidade naceu baixo o abeiro do faro do antigo camiño cara Britania. Hoxe esta rocha chantada no Atlántico segue afirmar o seu futuro nun mar polo que circula a ruta oceánica máis importante do planeta.
Todos os grandes mitos mareiros recalaron na nosa ribeira. Esta é á fin do mundo -Torre de Hércules- para a tradición greco-latina. Mais tamén Torre de Breogán na vellas lendas da conquista de Irlanda. Tan fecunda é a tradición evocadora que mesmo dispomos duns seres mitolóxicos propios: Os homes mariños, eses que choutan polo mar do Orzán, tal como describiu no século XVII o cardeal Gerónimo del Hoyo.
A Coruña naceu do mar. Sen embargo a maioría dos seus habitantes actuamos como terrícolas, sen coñecer tan sequera os nomes das pedras da ribeira. Por iso, principiaremos o obradoiro pola descuberta dese tesouro toponímico: o Xogadorio, o Gueivouteiro, a Rabaleira, o Grelle, o Xanrei…nomes das rochas percebeiras do pé da Torre. Mais tamén a eufonía dos caladoiros que rodean á cidade: Carpancho, Abarracidos, Acentes, Tousas de Leste, Tousas de Vendaval.
Non Coñece A Coruña quen só coñece A Coruña. Mares de Terranova, augas do Gran Sol, dicídeme vós o que A Coruña é!
Wenceslao Fernández Flórez definiuna como a Cidade-Barco. O Padre Rubinos no Poema da Cruña, Monterroso Devesa en Nau Enfeitizada, ou Luísa Villalta no seu libro En concreto, acudiron tamén a esa mesma imaxe.
É tempo pois de embarcar nas palabras, e converter tantas mareas en literatura. A Torre vai na proa, que a emoción e a creatividade sexan o impulso de moitas novas singraduras da Cidade-Barco.